En novembro de 1975, co ditador Franco a piques de morrer, abría por primeira vez a sala de festas Hermo de Muimenta. 46 anos despois, e tras pasar catro décadas, un cambio na xestión e unha pandemia, a sala volvía abrir as portas o venres pasado para darlle a benvida á nova normalidade. Pero algo mudou na súa maneira de comunicarse co público, grazas ao particular estilo e presenza dixital do seu xerente, Daniel “Plenario” Veiga.
Plenario Veiga (A Pontenova, 1981) estaba xa ao mando do pub Tibor de Meira e en novembro do 2019 decidiu facerse cargo da Discoteca Hermo, que levaba unha pequena sen abrir. A familia Morán –Hermo vén de Hermanos Morán– estivera máis de 4 décadas á fronte da sala pero facía falta savia nova. E o 1 de novembro de 2019 as portas volveron abrir, a pesar de que ese mesmo día falecía o seu fundador, Antonio Morán Crecente, a quen o público de Hermo coñecía porque era quen facía o sorteo dun coche cada poucas semanas entre os asistentes. Cando nas discotecas poñían lentas e sorteaban coches.
Mais o tempos cambiaron e a maneira de facer marketing tamén. Aínda que Hermo xa tiña unha boa presenza na rede, foi Plenario quen chegou para revolucionar a maneira de comunicarse co seu público, a maioría xente da Terra Cha e de case toda a metade norte da provincia de Lugo. Para empezar, apostou polo galego. Unha escolla que podería parecer lóxica, porque é a lingua materna e diaria da gran maioría dos usuarios de Hermo, pero que en 40 anos apenas se utilizara nin para carteis, nin para cuñas publicitarias, nin sequera os propios animadores da sala. Agora o galego é a lingua dos carteis e da publicidade en redes. Un galego que deixa a corrección normativa a un lado para expresarse nun rexistro coloquial e na variante dialectal da Terra Cha.
A nova xerencia da Hermo marcou así o cambio cara á nova etapa, apoiándose moito tamén na marca persoal de Plenario Veiga, implicado ao máximo na promoción. Aos poucos meses da reapertura chegou o coronavirus. E Hermo, coma o resto de espazos de lecer, tivo que pechar. Cando todo o mundo substituíu as saídas polas pantallas, a discoteca tamén empezou a facer sesións en directo con DJs polas redes e tratou de ter entretido o seu público. O mesmo desde as redes do pub Tibor en Meira, que xa eran moi activas visibilizando unha importante comunidade e presenza social na comarca. Mais sobre todo acabou de emerxer a figura de Plenario, máis alá da xente que o coñecía da noite chairega. Sobre todo cando abriu unha conta de TikTok, para ir contando a vida dun hostaleiro nocturno en tempos de pandemia. Así acordaba o pasado día de Aninovo, o primeiro en moitos anos sen traballar e sen resaca.
Agora supera os 3000 seguidores en TikTok, combinando vídeos de varios tipos. Un deles, o máis recoñecible, falándolle á cámara desde o coche mentres escoita 'temacísimos'.
Outro, con estampas da vida na aldea. Co can, na horta ou coas colmeas esmelgando.
Pero o gran protagonista é o seu avó Plenario, que con 92 anos é a auténtica estrela deste perfil, onde se ve a devoción que lle ten o seu neto. Tanto é así que o Plenario vello xa forma parte da comunidade da discoteca Hermo celebrando a súa reapertura.
Volvamos, pois, á noite chairega, porque Hermo volveu abrir despois de 20 meses o pasado 5 de novembro. Co seu marketing xa ligado máis que nunca á figura de Plenario Veiga, que montou a marca Pícame o lombo para vender a través da web as entradas da discoteca e diverso merchandising. Co mellor influencer posible:
Tamén vende na web os billetes para os autobuses que fleta desde diversos puntos da provincia.
Toda unha estratexia 360º, como lle din agora, para facer medrar a marca Hermo creando contido nas redes e cunha complicidade total co público. A xente, por agora, parece responder: a reapertura da Hermo trala pandemia foi un éxito total.
E así lle daba parte Dani a seu avó Plenario.
O vindeiro venres Hermo celebra o seu 46 aniversario, coa actuación por primeira vez en Galicia de Quintino, un dos referentes da EDM (Electronic Dance Music) a nivel mundial. e a primeira remesa de entradas xa se vendeu na web. Había ansia por volver ás discotecas, está claro. Mais tamén había que manter a mecha prendida, e iso Plenario Veiga fíxoo mellor que ninguén.