Hai unha conta de Facebook escrita en galego que é seguida por xente de Quito, Melbourne ou Madrid. Moitos destes seguidores utilizan tradutores para entender o que escriben nesta páxina. Por que? Porque son seguidores do equipo de fútbol sala da Unión Soviética de Sigüeiro.
Sigüeiro é ese lugar que atopan os condutores que saen de Santiago en dirección á Coruña cando non van pola AP9. Ás horas máis transitadas no centro da vila hai un atasco importante que permite contemplar o feísmo galego no seu máximo esplendor. Sigüeiro rivaliza en fealdade con outros exemplos históricos do urbanismo descontrolado na N-550, como son Carral, o Milladoiro ou Pontecesures. Pero, ao contrario que outras cidades dormitorio creadas da nada, Sigüeiro ten unha idiosincrasia propia e un longo historial de tecido asociativo (Lembranzas do Tambre, A.C. Os Irmandiños, Baixadas do Río Tambre, Festival Psicotroita). E no relativo ao fútbol a xente nova tamén soubo facer afección (as vitorias importantes do Sigüeiro F.C. séguense a celebrar con baños colectivos na Fonte da Foca no medio da vila). Todo este pasado ten probablemente moito que ver co nacemento da Unión Soviética de Sigüeiro, un equipo de fútbol sala que se converteu nun proxecto deportivo, político e humorístico que transcende as nosas fronteiras.
Guerreiros do Tambre
Desde a súa fundación en 2015 a Unión Soviética de Sigüeiro foi un equipo especial. A pesar de formar na liga amateur de Santiago, desde o primeiro día apareceron con uniforme, neste caso coas antigas camisolas da URSS, e antes de saír a xogar tomaban (e toman aínda) un chopiño de vodka (isto provocou unha ameaza de expulsión da liga por introducir bebidas alcólicas nos pavillóns municipais). Ademais, á menor oportunidade, fan soar o himno da URSS ou exhiben bandeiras comunistas. Todo isto non debería pasar dunha brincadeira local, pero a partir de 2016 a repercusión mediática foi enorme. Todo se debe á principal canle de comunicación que ten o equipo: a súa páxina de Facebook. Aí as publicacións, sempre cun ton humorístico, provocaron que foran gañando seguidores ata pasar dos 5000. Nesa páxina pódense seguir todas as novidades e os grandes momentos que protagonizan os seus xogadores, como cando se fotografaron co actual presidente da Xunta.
Humor e fútbol
A partir de aquí a fama foi medrando. Perico, un dos fundadores, di que a Unión Soviética xunta dúas cousas que lle gustan moito á xuventude, o fútbol e o humor. Ademais o equipo súmase á corrente Against Modern Football, que busca un fútbol menos vendido ao capital e máis centrado nos valores positivos dos deportes de equipo, nos elementos culturais propios, e tamén, en algo moi en voga actualmente, a nostalxia polos anos 70 e 80 (de aí ven tamén a equipación escollida). Isto é o que apunta outro dos compoñentes, Pita: “o éxito nas redes ven dunha mestura entre a utilización humorística que se fai do Facebook e a nostalxia polo fútbol de antes”.
O humor é moi importante na Unión Soviética. Un exemplo é o texto que escribiron para acompañar a foto na que aparecen co presidente Feijoo: “Na tarde de hoxe, representantes da selección soviética reuníronse en Sigüeiro co presidente da Xunta de Galicia. Os soviéticos entregáronlle unha camisola da selección a Don Alberto Nuñez Feijóo, este parabenizou aos xogadores socialistas polos éxitos colleitados e desexoulles moita sorte para a vindeira tempada. Por último, o candidato do Partido Popular pediu o voto para o próximo 25-S ao que un dos membros do equipo respostou: Somos comunistas, pero nós votámoste sempre".
A páxina do Facebook do equipo está sempre atenta a todas as conmemoracións e efemérides da extinta URRS, e incorporan estes datos ao seus partidos: un encontro calquera que vaian xogar da súa liga convértese rapidamente nun Memorial Valentina Tereshkova (na honra da primeira cosmonauta da historia). Son tamén moi aplaudidas en Sigüeiro as portadas da súa hipotética revista.
Nes, outro dos xogadores, afonda na cuestión do humor: “A idea chégalle a xente de diferentes lugares que pensa de forma parecida ou, polo menos, teñen o mesmo sentido do humor”. E apunta algo importante: “É unha idea orixinal que lle gustaría ter feito a moita xente, e que neste caso coincide que a fixemos un grupo de amigos de toda a vida”. Con todo, e de xeito moi curioso, cando máis empezaron a subir en seguidores foi cando empezaron a gañar partidos e conseguiron ascender de 2º a 1º categoría da liga afeccionada de Santiago. “Ninguén quere ser dun equipo perdedor”, di Pita.
"Un tipo mandounos unha foto na tumba de Stalin coa nosa camisola"
As fotos de famosos, e non tan famosos, coa súa camisola (David Vidal e Alfredo Duro, entre outros) e as aparicións en programas de radio e televisión, axudaron a que a sona aínda medrase máis. A Unión Soviética de Sigüeiro apareceu en Fiebre Maldini (Movistar+) ou La Vida Moderna (CadenaSer), aquí a partir do 52:43.
O equipo ten moito seguimento en Sudamérica. A explicación non está clara. Pita di que puido deberse a que algunhas páxinas comunistas con moitos seguidores compartiron algún contido do seu Facebook. O caso é que é habitual ver nos comentarios xente de Ecuador, Perú, Chile, Arxentina ou Brasil, que utilizando tradutor (ou non), seguen as aventuras do equipo contadas no noso idioma. Cabe salientar a especial atención que a Unión Soviética espertou en Portugal. Perico é claro: “Séguenos moitísima xente de Portugal polo eco mediático que tivemos alí e tamén, claro, pola proximidade lingüística”. O Diario de Notícias ou A Bola, dedicaron especiais aos de Sigüeiro.
Con todo, o impulso mediático da Unión Soviética non cesa. Agora contan co patrocinio dunha marca de roupa deportiva que lles proporciona chándales oficiais, e as súas camisolas véndense na tenda de Santiago Pijus Magnífikus, a súa “tenda oficial”, onde reciben pedidos de todos os lugares do mundo (as tiradas esgótanse rapidísimo). Os autocolantes co lema “Sigüeiro é soviético” son xa un clásico na vila. O lema ven do berro que botou un dos integrantes do equipo ao subir ao palco da orquestra o día da festa de Sigüeiro.
Festa Soviética
A última aventura da Unión Soviética foi facer unha festa soviética en Sigüeiro, e outra vez máis, conseguiron un éxito importante. Para esta data, que tamén era a festa do socio (xa teñen 130), conseguiron traer a Sigüeiro a Alejandro Cao de Benós, o delegado especial do Comité de Relacións Culturais con Países Estranxeiros de Corea do Norte. Cao de Benós impartiu unha conferencia e o aforo foi case completo no Centro Cultural Casas e Novoa. Despois, o político asistiu ao partido que enfrontou á Unión Soviética co Atlético Lavacolla (8-0).
Logo dunha comida de confraternización, a festa rematou cun directo de Esteban y Manuel. O local no que se celebrou o concerto estaba ateigado de xente. Cao de Benós non perdeu detalle, e estivo entre o público tirando fotos e comentando a experiencia para os seus máis de 41000 seguidores de Twitter.
Despois de tres anos non se sabe a onde pode chegar a repercusión da Unión Soviética de Sigüeiro. O que está claro e que ganas, humor, apoios e seguidores non lles faltan. Como dixo Perico: “O maior logro da URSS de Sigüeiro foi meter 100 persoas de público nun partido dunha liga amateur de borrachos”. Se cadra ese foi o maior logro, pero o que está claro é que a día de hoxe a Unión Soviética é o elemento vertebrador que consegue unir a toda a mocidade de Sigüeiro nun mesmo local e cun mesmo fin: pasalo ben. Como din eles: Slava URSS manquepierda!