Este sábado entréganse os premios do audiovisual galego. Unha convocatoria na que compiten películas, series de televisión, programas, curtametraxes, webseries, anuncios e videoclips, canda os profesionais que traballan nestas producións. E, ante todo, un bo xeito de repasar o que deu de si o 2018 no audiovisual de produción galega.
Empecemos polo elefante no cuarto. Vendo a lista de finalistas é imposible non botar de menos a produción galega máis importante do ano pasado (por orzamento, polos profesionais implicados e sobre todo por alcance e impacto social): a serie Fariña, emitida a comezos do ano pasado en Antena 3. Malia ter a súa sede fiscal en Galicia e a maioría de equipo técnico e artístico ser de aquí (algúns dos requisitos para participar), Bambú Producciones, por algún motivo que ignoramos, decidiu non presentar a serie aos premios. É unha mágoa non poder ver actores e actrices como Javier Rey, Tristán Ulloa, Morris, Isabel Naveira, Carlos Blanco, Eva Fernández, Manuel Lourenzo, Yolanda Muíños, Fran Lareu, X.A. Touriñán, Xúlio Abonjo ou Cristina Iglesias, ou profesionais galegos como Carlos Sedes (director), Ramón Campos e Gema R. Neira (guión), Antonio Pereira (dirección de arte) ou Eva Camino (vestiario), recollendo merecidos premios por un traballo recoñecido dentro e fóra das nosas fronteiras, con premios como os Feroz, os Iris ou o Ondas. Algo semellante ocorre con Vivir sin permiso, outra serie sobre o narcotráfico rodada mas rías baixas e coproducida pola gaelga Ficción Producciones para Mediaset.
Esta ausencia despexa o camiño para que sexa o cinema o que aspire a máis premios nas candidaturas profesionais este ano. As dúas producións favoritas, que acumulan 15 finalistas cada unha e compiten polo premio á mellor longametraxe, representan ademais os dous modelos de produción posibles: por un lado, o cinema de vocación máis industrial, apoiado por grandes grupos mediáticos como Atresmedia e Movistar, e distribuída por unha major (Fox), coa película A sombra da lei, de Dani de la Torre, producida por Vaca Films. Por outro o cinema de autor, con orzamento moito máis modesto, pensado para moverse por festivais e con moitas dificultades de distribución, en parte por estar rodada en galego. Esa é Trote, de Xacio Baño, producida por Frida Films. Ningunha delas cumpriu plenamente os seus obxectivos en canto á recepción, pero aí estarán mañá facéndose de novo visibles entre o público galego, que aínda lles pode dar unha nova oportunidade.
Completan a categoría de Mellor longametraxe unha de animación: Memorias dun home en pixama, que trataba de repetir o éxito de Arrugas levando á gran pantalla un cómic de Paco Roca, tamén con Ángel de la Cruz na produción e no guión (e as incorporacións da guionista Diana López Varela e o director vigués Carlos Fernández), e que de momento tampouco tivo demasiado percorrido. Quizais a máis vista polo público local fose Contou Rosalía, un telefilme dirixido e producido por Zaza Ceballos, que se emitiu como miniserie na TVG na véspera do Día das Letras.
A Televisión de Galicia copa todas as candidaturas en Mellor serie e Mellor programa de TV. Aquí é por onde titularán, xa sabemos, as portadas de La Voz de Galicia e El Correo Gallego, dependendo de se gañan máis premios Serramoura e Viradeira (Voz Audiovisual) ou O sabor das margaridas (CTV), que sería unha das incorporacións máis novidosas. Esta é, por certo, a primeira serie en galego que se vendeu a Netflix, que a empezará a emitir a partir do 31 de marzo. Este ano entra como finalista a nova serie da TVG Os Mariachi, dirixida e producida por Zopilote, creadores de Era visto e de Air Galicia. En canto a programas, o cultural Zigzag está de novo presente, na súa versión de fin de semana, canda outro clásico, o Land Róber, e dúas novas incorporacións: a serie documental Buscadores de naufraxios e o programa de sketches en teatros Malo será.
Máis alá das candidaturas profesionais, vinculadas á maioría destas producións, este ano se cadra as propostas máis estimulantes atópanse nas categorías de Mellor documental, Mellor curtametraxe e Mellor serie web. É aí onde podemos coñecer novas voces, novos talentos e historias diferentes, pois a maioría delas móvense por círculos diferentes aos da TVG ou do cinema comercial.
En curtametraxes temos traballos moi interesantes como A nena azul, de Sandra Sánchez, que retrata o universo infantil a partir de dúas nenas que se coñecen na intemperie dunha praia. Tamén se achega aos pesadelos infantís e á fronteira entre o mundo máxico e e a crúa realidade Mouras, de Olga Osorio. As dúas dan mostra dunha excelente solvencia á hora de filmar en paisaxes galegas tan distintas como a Costa da Morte ou o Caurel. Logo temos Limbo, un desacougante relato dirixido por Dani Viqueira sobre a autodestrución do seu protagonista masculino, tamén con elementos fantásticos, unha pouca violencia e un maxistral uso do son. E Beatiful Boy, de Fran X. Rodríguez, unha comedia negra sobre as posesións, o consumismo e a morte. Na categoría de curtas de animación destaca moi por riba Soy una tumba, de Khris Cembe, que tamén foi finalista nos premios Goya.
Varias destas pezas están incluídas no catálogo de curtas "Shorts from Galicia" que sacou hai un mes Agadic:
O documental segue a dar alegrías con cineastas consolidados que seguen a apostar por contar historias neste formato. Idénticas, de Luís Avilés, retrata a dúas irmás xemelgas de 7 anos que padecen unha enfermidade ultrarara, só que unha padece os síntomas e outra non. Un relato íntimo, duro pero tamén cercano, en complicidade coa familia de Noia que se enfronta a estas circunstancias. Versogramas, dirixido por Esferobite (Belén Montero e Juan Lesta) e producido por Celia Parra, bótalle unha interesante ollada desde Galicia ao panorama internacional da videopoesía, cun tratamento audiovisual moi estimulante, que xa é marca da casa. O caso Diana Quer: 500 días é un formato de docuficción dirixido por Paula Cons para a TVG que reconstrúe o cado da rapaza madrileña asasinada na Pobra do Caramiñal en 2017. E Todas as mulleres que coñezo é a peza máis radical desde o punto de vista político e tamén formal. A directora Xiana do Teixeiro articula neste filme un discurso arredor do medo, da violencia contra as mulleres e da sororidade como arma política, rodado en branco e negro a partir de conversas entre varios grupos de amigas e estudantes de secundaria.
En webseries temos dous traballos que saíron do Carballo Interplay, como Hai vida en Bran?, de Ángela Andrada, e Dinosaurio, unha serie-antoloxía creada no festival na que capítulos independentes parten da mesma premisa: que pasa no mundo cando se acaba internet. Logo temos un formato máis tipo youtuber, As cousas do choio, protagonizado polo octoxenario Juan “O Choio”, avó do director, Román Castaño. E para rematar unha serie documental, Sorrisos transformadores, que fala da vida das persoas trans e dos problemas q atopan na sociedade.
Quédanos por falar dos videoclips, nos que este ano curiosamente son case todos de artistas de fóra como Love of Lesbian (Ladybug Films), La Pegatina con Macaco (Manu Viqueira) e Delafé (David Fidalgo Omil), e tamén cadra que están baseados case por enteiro na animación. Coa excepción dos trapeiros galegos Boyanka Kostova, que presentan esta peza dirixida por Alicia Alonso.
Dos vídeos publicitarios temos asiduos a esta categoría, como as produtoras Congo (Larseiros, para Larsa) e Mondotropo (Comparte a maxia, para Eroski coa compañía Chévere, que triunfou no teatro con Eroski Paraíso), o realizador Juan Galiñanes (Ti, para os salóns de peiteado Loida), xunto co estudio lugués 60 Ráfagas (Donde empieza tu piel, para a Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés).
A quiniela
Feito o repaso ás producións principais, se tivesemos que apostar polos gañadores deste sábado, esta sería a nosa quiniela. Que non está guiada polas nosas preferencias senón pola intuición de quen pode gañar, baseada nos criterios que a Academia ten mostrado outros anos. Servirá para pouco máis que para comentar no Twitter os nosos erros e acertos. En negriña, a nosa predición:
Mellor anuncio publicitario
- COMPARTE A MAXIA (Mondotropo).
- DONDE EMPIEZA TU PIEL (60 Ráfagas)
- LARSEIROS(Congo Producciones Audiovisuales y Gráficas).
- TI (Juan Galiñanes).
Mellor curtametraxe de animación
- FIN DE LA CITA (David Saborido e Luna Sánchez).
- LUSCOFUSCO (Javier Portomeñe).
- PEIXES (Juan C. Pena Babío e QatroGatos).
- SOY UNA TUMBA (Uniko e Autour de Minuit).
Mellor curtametraxe de imaxe real
- A NENA AZUL (Reira Filmes en produción asociada con Píxel Films e Comunika)
- BEAUTIFUL BOY (I Do Visual e EP Audiovisual).
- LIMBO (Dani Viqueira en colaboración con Centroña Producións).
- MOURAS (Miss Movies).
Mellor documental
- IDÉNTICAS (Amanita Studio, La Panificadora e Aspoh)
- O CASO DIANA QUER 500 DÍAS (CRTVG e Agallas Films).
- TÓDALAS MULLERES QUE COÑEZO (Walkie Talkie Films).
- VERSOGRAMAS (Esferobite).
Mellor longametraxe
- A SOMBRA DA LEI (Vaca Films Studio, Atresmedia Cine, La Ley del Plomo AIE e Playtime Production Sarl).
- CONTOU ROSALÍA (Zenit Televisión e CRTVG).
- MEMORIAS DUN HOME EN PIXAMA (Ézaro Films, Ladybug Films, Dream Team Concept e Hampa Studio).
- TROTE (Frida Films e M-Films).
Mellor programa de TV
- BUSCADORES DE NAUFRAXIOS (CAPÍTULOS 1 AO 15) (Voz Audiovisual e CRTVG).
- LAND ROBER TUNAI SHOW (PROGRAMAS 110 AO 143) (TVG e CTV en colaboración con Destino Bergen).
- MALO SERÁ! (PROGRAMAS 1 AO 10) (Tex 45 Produccións).
- ZIGZAG FIN DE SEMANA (TEMPADA 2018) (TVG).
Mellor serie de televisión
- O SABOR DAS MARGARIDAS (CAPÍTULOS 1 AO 6)) (TVG, CTV e Comarex de CV).
- OS MARIACHI (TEMPADA 1) (Produccións Zopilote para TVG).
- SERRAMOURA (CAPÍTULOS 99 ao 135) (Voz Audiovisual e CRTVG).
- VIRADEIRA (CAPÍTULOS 8 ao 23) (Voz Audiovisual e CRTVG).
Mellor serie web
- AS COUSAS DO CHOIO (CAPÍTULOS 1 AO 5) (Román Castaño Frieiro).
- DINOSAURIO, A SERIE (CAPÍTULOS 1 AO 3) (Carballo Interplay Producións).
- HAY VIDA EN BRAN? (CAPÍTULOS 1 AO 3) (Angela Andrada).
- SORRISOS TRANSFORMADORES (CAPÍTULOS 1 AO 8) (Islandia Producións).
Mellor videoclip
- AHORA O NUNCA (Pegatina feat Macaco) (Warner Music Spain e Manu Viqueira).
- EL ASTRONAUTA QUE VIO A ELVIS (Love of Lesbian) (Ézaro Films e Ladybug Films).
- EU NON SEI PORQUÉ (Boyanka Kostova) (Alicia Alonso García).
- LA GRAN OLA (Delafé) (Delafé e David Fidalgo Omil).
CATEGORÍAS PROFESIONAIS
Mellor comunicador/a de televisión
- MARÍA SOLAR (ZIG ZAG FIN DE SEMANA, Tempada 2018).
- MARTA DOVIRO (UNHA VIAXE PARA CONTAR, Capítulos 1 ao 9).
- ROBERTO VILAR (LAND ROBER TUNAI SHOW, Programas 110 ao 143).
- RODRIGO VÁZQUEZ (TI VERÁS, Programa 364).
Mellor dirección
- DANI DE LA TORRE (A SOMBRA DA LEI).
- GISELLE LLANIO E MANUEL A. ESPIÑEIRA (PAZO DE FAMILIA, Tempada 2018).
- MIGUEL CONDE, JORGE SAAVEDRA, JUAN GALIÑANES e GISELLE LLANIO (SERRAMOURA, Capítulos 99 a 135).
- XACIO BAÑO (TROTE).
Mellor dirección de arte
- ALEXANDRA FERNÁNDEZ CARNERO (CONTOU ROSALÍA).
- ÁNGEL AMARO (O SABOR DAS MARGARIDAS, Capítulos 1-6).
- JUAN PEDRO DE GASPAR (A SOMBRA DA LEI).
- MARÍA LOLO (TROTE).
Mellor dirección de fotografía
- JOSU INCHÁUSTEGUI (A SOMBRA DA LEI).
- LUCÍA C. PAN (TROTE).
- RICKY MORGADE (VERSOGRAMAS).
- SUSO BELLO (O SABOR DAS MARGARIDAS, Capítulos 1 ao 6).
Mellor dirección de produción
- ALVARO PEREZ BECERRA e JAVI LOPA (MALO SERÁ!, programas 1-10).
- CONCHA FONTENLA (O SABOR DAS MARGARIDAS, Capítulos 1 ao 6).
- MARÍA LIAÑO (A SOMBRA DA LEI).
- XABIER EIRÍS (TROTE).
Mellor guión
- ANGEL DE LA CRUZ, DIANA LÓPEZ VARELA e PACO ROCA (MEMORIAS DUN HOME EN PIXAMA).
- GHALEB JABER, RAQUEL ARIAS e ELIGIO MONTERO (O SABOR DAS MARGARIDAS, Capítulos 1 ao 6).
- PATXI AMEZCUA (A SOMBRA DA LEI).
- XACIO BAÑO e DIEGO AMEIXEIRAS (TROTE).
Mellor interpretación feminina de reparto
- ADRIANA TORREBEJANO (A SOMBRA DA LEI).
- BEATRIZ SERÉN (PAZO DE FAMILIA, Tempada 2018).
- MELANIA CRUZ (TROTE).
- TAMARA CANOSA (TROTE).
Mellor interpretación feminina protagonista
- MARÍA VAZQUEZ (TROTE).
- MELANIA CRUZ (CONTOU ROSALÍA).
- MICHELLE JENNER (A SOMBRA DA LEI).
- ROSA ÁLVAREZ CABO (SEA BEASTS).
Mellor interpretación masculina de reparto
- CELSO BUGALLO (TROTE).
- DENIS GÓMEZ (O SABOR DAS MARGARIDAS, Capítulos 1 ao 6).
- ERNESTO ALTERIO (A SOMBRA DA LEI).
- FEDERICO PÉREZ (TROTE).
Mellor interpretación masculina protagonista
- ANTONIO DURAN "MORRIS" (OS MARIACHI, Tempada 1).
- LUIS TOSAR (A SOMBRA DA LEI).
- TONI SALGADO (O SABOR DAS MARGARIDAS, Capítulos 1 ao 6).
- XOSÉ A. TOURIÑAN (LAND ROBER TUNAI SHOW, programas 110 ao 143).
Mellor maquillaxe e perruquería
- CARMEN BLANCO MARTÍNEZ, AMPARO SÁNCHEZ GRACIA e LOURDES PÉREZ BRIONES (CONTOU ROSALÍA).
- MARIAN SIMÓN (TROTE).
- NATALIA ARCAY e NOELIA ARCAY (SERRAMOURA, Capítulos 99 ao 135).
- RAQUEL FIDALGO e NOÉ MONTES (A SOMBRA DA LEI).
Mellor montaxe
- ÁLVARO GAGO (TROTE).
- BELÉN MONTERO (VERSOGRAMAS).
- JORGE COIRA (A SOMBRA DA LEI).
- SUSANA SOTELO (GALLO).
Mellor música orixinal
- ISAAC GARABATOS (VERSOGRAMAS).
- MANU CONDE (CONTOU ROSALÍA).
- MANU RIVEIRO e XAVI FONT (A SOMBRA DA LEI).
- SANTI BALMES, JULIÁN SALDARRIAGA e DANIEL FERRER (MEMORIAS DUN HOME EN PIXAMA).
Mellor realización
- ISABEL BLANCO (PASAPORTE GALEGO, Programas 1 ao 8).
- JOSÉ VILLAVERDE (LAND ROBER TUNAI SHOW, Programas 110 ao 143).Embed Editar delete_forever swap_vert
- SITO TORRES e MIGUEL GRANERO (ALBUM DE VIAXE, Programas 1 ao 9).
- XABIER EIRÍS (IMOS INDO, Capítulos 1 ao 8).
Embed Editar delete_forever swap_vert
Mellor son
- CARLOS MOURIÑO (O SABOR DAS MARGARIDAS, Capítulos 1 ao 6).
- DAVID MACHADO (La Panificadora), JAMES MUÑOZ e JOSÉ ANTONIO MANOVEL (A SOMBRA DA LEI).
- JUAN GAY, JAVI PATO e DAVID MACHADO (CONTOU ROSALÍA).
- JUAN GAY, SANTI JUL e IVÁN LAXE (OS MARIACHI, Tempada 1).
- MIGUEL SEIXO (TROTE).
Mellor vestiario
- ARÁNZAZU DOMÍNGUEZ VEIGA (CONTOU ROSALÍA).
- CLARA BILBAO (A SOMBRA DA LEI).
- PEDRO FERNÁNDEZ, BORJA VARELA e ÁNGEL NIMO (LAS BRUJAS DE E ́LENTE).
- RENATA UZAL (TROTE).