Club Peña Trevinca. 75 anos de paixón pola montaña

Foi no 1944 cando Gonzalo Gurriarán, médico represaliado polo franquismo, fundou o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, unha asociación naturalista e multidisciplinar que desde aquela é un referente para todo o montañismo da nosa terra. Este ano están de celebración, cumpren 75 anos.

Corrían os primeiros meses do ano 1944, cando catro animosos amigos da montaña e a súa contorna, no transcurso dunha xornada de esquí en Manzaneda, descobren que máis ao Leste, había outras montañas de rechamantes perfís e con abundancia de neve. (…) Non tardaron moito tempo en tratar de satisfacer a súa curiosidade e desprázanse ao Barco de Valdeorras en busca dun acceso ao macizo de Pena Trevinca. Tópanse aquí cun non menos entusiasta da montaña e a natureza, o Dr. Gonzalo Gurriarán (…).

Este parágrafo está incluído na web do Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, no apartado que conta a historia da fundación do club. Parece unha escena de película pero sucedeu así no ano 1944. A historia dos pioneiros sempre é emocionante e neste caso aínda máis polo contexto histórico que había daquela. A pasaxe recorda por momentos a como os primeiros practicantes doutra disciplina como o surf atoparon as primeiras praias para surfear en Galicia, tal e como xa contamos en VINTE neste artigo.

Primeiro escudo do club. © Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia

O Club Peña Trevinca foi pioneiro en moitas cousas e é sen dúbida un dos máis importantes, pero as orixes do asociacionismo montañista en Galicia hai que buscalas no Centro Excursionista de Galicia, fundado no ano 36 e conformado por xente de Vigo. Esta asociación tivo un vida efémera e rematou no ano 40, integrándose a partir de aquí no Celta de Vigo, o club de fútbol, que pasou a ter sección de montaña en 1942. Será a partir de 1944 cando estes pioneiros entren en contacto con Gonzalo Gurriarán.

Gonzalo Gurriarán foi un médico do Barco de Valdeorras cunha importante presenza nos ámbitos intelectuais dos anos previos á Guerra Civil en Madrid. Amigo de Severo Ochoa ou García Lorca, coincidiu nese tempo con grandes figuras como Buñuel, Dalí e Ortega y Gasset, entre outros. Foi premiado daquela pola Academia Nacional de Medicina e xa no ano 36 era Xefe Provincial de Sanidade en Madrid. Coa sublevación militar é represaliado e suspendido e refúxiase no Barco de Valdeorras. A partir do contacto coa xente de Vigo Gonzalo Gurriarán será o principal impulsor no ano 1944 do Club Peña Trevinca Montañeros de Galicia (nome orixinal). No libro escrito polo seu fillo, Ricardo Gurriarán, cóntase toda a historia da súa vida.

Gonzalo Gurriarán observando as montañas de Pena Trevinca. © Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia

O contexto no que naceu o club era daquela moi complicado. A Segunda Guerra Mundial libraba as batallas máis importantes e en Galicia eran os anos da fame da posguerra. O club tiña como base o coñecemento e defensa do medio natural e a promoción de todo tipo de actividades de montaña. Pero ademais Peña Trevinca tamén posibilitaba a xuntanza de intelectuais do bando perdedor sen levantar sospeitas e tamén servía para xustificar as continúas viaxes á montaña de Gurriarán nunha época na que estaban moi vixiadas pola Garda Civil. Unha das primeiras medidas do club foi a construción do Refuxio Fonte da Cova, moi cerca da propia Pena Trevinca, que actualmente está restaurado e en activo.

O club Peña Trevinca posibilitaba a xuntanza de intelectuais do bando perdedor sen levantar sospeitas e tamén servía para xustificar as continúas viaxes á montaña de Gurriarán. 

A partir de mediados dos anos 40 o Club Peña Trevinca funciona xa como unha asociación cultural a todos os niveis, con contactos constantes co influente Centro Galego da Habana, co de Bos Aires e con socios espallados por todo o mundo. Contra finais de 1945 o club tiña oito delegacións en Galicia e unha en Madrid. O carácter intelectual e galeguista da entidade queda patente en feitos como a entrega da insignia de Socio de Honra do Club a Ramón Otero Pedrayo en 1951.

Carné de socio número 1 de Gonzalo Gurriarán coa bandeira galega de fondo. © Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia

O primeiros campionatos galegos de esquí celebráronse en Pena Trevinca en 1946 (foto da portada) e foron impulsados polo propio club e por Gonzalo Gurriarán, que era un gran afeccionado. Como anécdota hai que salientar que nestes momentos o club utilizaba como refuxio e almacén as instalacións das antigas minas de volframio dos nazis en Casaio, que aínda se atopaban en moi bo estado. En 1948 prodúcese outro fito para o deporte feminino galego ao celebrárense os primeiros campionatos galegos de esquí feminino. 

Campionato galego de esquí feminino celebrado en Pena Trevinca en 1948. © Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia

Para os primeiros anos da década dos 50 o club conta con máis de mil socios e cunha repercusión moi grande. Ademais a súa acendida defensa do medio natural fará que reclame, con Gurriarán á cabeza, o nomeamento dos Ancares como Parque Nacional, ou que apoie a defensa do lago de Sanabria dunha posible presa que estaba proxectada daquela.

Mulleres practicando esquí en 1952 en Pena Trevinca. © Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia

Na actualidade o Club Peña Trevinca Montañeros de Galicia conta con 800 socios e ten a sede en Vigo. As respectivas delegacións de Manzaneda e O Barco teñen nomes diferentes, Club Alpino Manzaneda e Club Trevinca Barco, respectivamente. A pesar de seren tres clubs diferentes son asociacións irmáns e con raíces comúns.

75 anos despois da súa creación, seguimos a falar dun club cheo de vitalidade, con relevo xeracional garantido e cunha axenda de actividades encomiable. Rutas de sendeirismo, actividades na montaña, conferencias e cursos variados fan que a entidade siga fiel á tremenda herdanza recibida dos pioneiros do montañismo galego.

Imaxe da expedición no ano 2016 do Club Peña Trevinca en El Portillón, subindo ao Aneto. © Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia

Para celebrar o 75 aniversario levan todo o ano facendo unha programación especial de actividades. Unha moi importante é este verán, xa que farán un campamento moi especial con sendeirismo e actividades de media e alta montaña en Italia, no Val de Aosta, ao pé do macizo do Mont Blanc

Todos os actos deste 75 aniversario culminarán no inverno cunha gran exposición de fotografías e documentos do arquivo do club (algunhas delas son as que se poden ver nesta publicación) e unha homenaxe aos socios. Para estar ao día de todo o relacionado co Club Peña Trevinca, ademais de facerse socio, pódese seguir o seu Facebook, a súa completa páxina web, ou seu blog, que actualizan constantemente con todas actividades.

Este artigo foi posible grazas a axuda e achega de documentación de Carlos Garrido, actual presidente do Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia.

Matías Tarrío

Matías Tarrío

Redactor de VINTE. Gústanme os discos e as filloas con rixóns.

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.