"Teresiña". Unha canción que une sons arábigos e tradición galega adianta o primeiro LP de Momboi
Momboi estrean "Teresiña", adianto do seu primeiro disco longo que publicarán a finais do verán. Unha canción con forma de carta que hibrida sonoridades arábigas e tradición galega e na que contan coa colaboración da artista Belem Tajes na voz e tamén no vídeo dirixido por Rafael de Ramón Herrera. "Teresiña" publícase este 20 de maio así que a partir das doce desta noite estará dispoñible en plataformas dixitais, entre tanto podemos descubrila no clip que adianta VINTE.
«Teresiña é unha homenaxe á miña avoa materna e ao sitio onde me criei», di Brais Sánchez (voz, guitarra e letrista en Momboi). «Unha das últimas veces que falamos foi mentres ela cosía cunha máquina antiga que tiña na casa e lembro moito aquela conversa na que descubrín cousas dela que descoñecía». Un recordo que deveu canción. "Lobiño quédate preto - canta - que non che teño medo, quédate preto". E o lobiño pode ser o bo e o malo que teñen os recordos ou como dicir que non tememos levar canda nós as ausencias.
Momboi son Brais Sánchez, Daniel García 'Carba', André Garabato e Beny Mayo e interpretan 'Teresiña' xunto á artista Belém Tajes (Vudú). O vídeo está ideado e dirixido por Rafael de Ramón Herrera e gravado en Compostela e Noia. Na casa do propio director, no bar La Flor e nunha antiga curtidoría situada ao lado da casa do tío avó de Brais Sánchez. É a segunda vez que Momboi confían no realizador de El Puerro Producciones, con quen xa traballaran no clip de 'Inverno de cores', unha das cancións de 'Ofrenda', o seu EP debut. Despois dese álbum publicaron durante o confinamento o sinxelo "Hostal Azteca", unha canción na que as influencias flamencas adiantan parte do son que escoitaremos no novo disco, que será o primeiro LP de Momboi e que sairá a finais de verán.
En 'Teresiña' esa influencia apórtaa a guitarra flamenca e o resultado é un híbrido entre sonoridade arábiga e tradición galega, unha mestura que está presente noutras pezas do folk e que Momboi explora nesta canción continuando os camiños da fusión polos que sempre transita.
Créditos
VIDEO
Dirección: Rafael de Ramón Herrera
Dirección Fotografía: Juan Manuel Grondona
Dirección de arte : Sandra Fuentes
MÚSICA
Arranxos: Momboi e Ángel Morandeira (MaySound)
Gravado en: A Ponte dos concertos por Tomás Ageitos
Mesturado por: Matías Unruh
Masterizado por: Cem Oral (Jammin' Masters)
Colaboran:
Edelmiro Fernández: Percusión tradicional.
Ángel Morandeira: Voces no coro final.