'Burato'. Estreamos en exclusiva o novo single de Peña

Estreamos en exclusiva "Burato", o primeiro single do que será tamén o primeiro álbum de Peña, 'Carreiro', despois de conquistarnos con aquel EP de tres cancións titulado 'Fórmula'. A banda formada por Toño Magariños (diola, Unicornibot), Rubén Abad (Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez (Trilitrate) presenta neste disco un corpo de cancións exquisito, que casa sinxeleza con idiosincrasia e valentía formal. A pulsión subconsciente da musica popular amplíase para desbordar harmonías neste álbum que funciona a xeito de novo retorno, de hipnótica chamada ao fogar ulterior, tal como o definen Peña: «espazo familiar onde se proxectan imaxes da nosa infancia, aínda que nelas atopemos algúns elementos sutilmente recolocados... non todo está onde estaba».

 

O vídeo de 'Burato', unha canción protagonizada por órganos, voces e silencios, é de Rubén Domínguez e así o explica el: «quixen traballar sobre o refuxio e a memoria e como ambas parecen tecer alianzas e descubrir crebas. No espazo físico que constrúe a canción hai silenzos, rito e confesións; intimidade e coidados, pero tamén nubes que non parecen ser pasaxeiras, nunha atmosfera onírica. Hai unha esperanza dalgo e un consolo, mais tamén unha ameaza que se proxecta con intermitencias».

 

'Carreiro' publícase o 23 de abril en vinilo, CD, casete e nas plataformas dixitais, da man do selo Repetidor.

Créditos

Música e gravación: Peña (Toño Magariños, Rubén Abad e Elena Vázquez)

Mestura: Xavier Muñoz

Masterización: Rafa Martínez del Pozo

 

Vídeo: Rubén Domínguez 

Tamén che interesa

  • "Fórmula". Presentamos en primicia o novo videoclip de Peña

    Nos tempos da alta definición, o individual e as presas, Peña publican este vídeo repousado, colectivo e gravado cos seus teléfonos e os de moita xente achegada. Peña é un proxecto conformado por Toño Magariños (diola, Unicornibot), Rubén Abad (Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez (Trilitrate). Estes tres músicos do sur de Galicia experimentan coas tradicións do pop, o folk e a música electrónica para perfilar un proxecto que xira en torno ao amor en todas as súas formas. O seu primeiro EP contén 3 cancións e distribúe nunha edición limitada en casete. Poderedes escoitalo nas redes a partir do 17 de xullo.

    Música
  • Baldíos. Un filme para o novo disco de Pantis

    Paisaxes fóra de lugar, recunchos de casas vellas, viaxes en coche, amigos, cidades estrañas, arquivos domésticos, bailes, textos coas intencións para facer unha película... Case dezaseis minutos máxicos que condensan o universo creado por Rubén Domínguez para Baldíos, o novo traballo de Pantis. O segundo LP deste proxecto artístico do músico e realizador do Grove gravouse en San Vicente, Santiago de Compostela, Rabat, Helsinki, Madrid e San Sadurninho entre 2017 e 2019 vén acompañado deste filme e ademais pódese escoitar no seu Bandcamp (enlace). 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.