PAVA 2. Lucía Aldao e o amor das amigas
«Un canto á amizade e á necesidade doutras olladas –as das amigas– que, desde o amor, axudan a cuestionarnos as nosas crenzas e a revisar os nosos discursos, que falta fai». Todo isto é PAVA 2, o segundo EP en solitario de Lucía Aldao tras o seu debut hai un ano con PAVA. "A da misántropa riquiña", "Ala, veña", "Abril, cerral" e "Sensata e con coche" son as catro novas cancións de Aldao coas que completa este proxecto musical expansivo que, neste caso, só existirá en soporte dixital. Mais este PAVA 2 virá acompañado de moitos directos para o ano 2023.
Lucía Aldao leva máis de vinte anos dedicándose de maneira profesional ao mundo da poesía escénica, da música e do humor e desde 2005, xunto coa poeta María Lado, é parte dúo Aldaolado. As dúas poetas formaron en 2021 a Banda Aldaolado e gravaron dous discos: CASA! e Forestal, un álbum que verá a luz en breve.
Créditos
PAVA 2 é un EP de Lucía Aldao como continuación de PAVA (2021)
Produción musical de Diego Delgado
Portada dixital: ilustración de Lucía Corral
Distribución: Urdime