"Notas do funeral de Ricardo Vieito". Mariquiña Tereshkova ponlle imaxes ao universo familiar de HOLGADO

Estreamos en primicia o novo videoclip de HOLGADO, que é unha creación da videopoeta lucense Mariquiña Tereshkova (Instagram). O videoclip comeza coa Intro instrumental do disco e un relato da propia Mariquiña para continuar xa co tema "Notas do funeral de Ricardo Vieito" onde Keko Ponte AKA HOLGADO lembra o velatorio e funeral do seu avó e, xa de paso, axusta contas. 

 

A Regueifa 2.0 presenta 'O fillo de Suso', primeiro disco en galego do barcalés HOLGADO, que reúne unha ducia de cancións «a medio camiño entre o neofolk máis espido e a Americana de raiz as lembranzas dunha infancia rural que se extingue irremediablemente, nun exercicio de nostalxia absolutamente conmovedor. Unha carta de amor aos seus anos mozos na que son evidentes as influencias do outro lado do Atlántico de xigantes coma Bill Callahan, Will Oldham, Damien Jurado ou Bon Iver pero non tanto o substrato inconsciente co que o músico de Negreira nos remite aos grandes songwriters galegos dos anos 70s como Suso Vaamonde, Miro Casabella ou Benedicto».

 

E así explican na nota promocional as orixes deste disco, que se pode escoitar en Bandcamp (enlace): «Ricardo Vieito e Carmen Fuentes vivían nunha casa vella de pedra no barrio de Vilachán, en Negreira. Tiveron dúas fillas, e anos máis tarde chegaron ademais catro fillos. Durmían todos enriba da cuadra das bestas. Ricardo e Carmen traballaron sempre de labregos. Oitenta anos mais tarde o seu neto grava doce cancións que configuran un testemuño da nostalxia do rural. Feito dende a atalaia urbanita de Madrí, "O Fillo de Suso" trata de reivindicar as cousas importantes: as filloas de Consuelo, traballar menos, nadar no río, un prato de garbanzos».

Créditos

"Notas do funeral de Ricardo Vieito" é unha composición de HOLGADO, gravada, mesturada e producido na casa e masterizado en Kadifornia por Mario G. Alberni, canda o resto de cancións de 'O fillo de Suso'.

 

Neste tema colabora Elisa García no cello e aos coros Manuela Aparicio, María Carnicer, Daniel Jiménez, Nacho Lavilla, Carles Marqués-Marcet, Paula Salañer, Isabel Peña e Rodrigo Sorogoyen. 

 

O vídeo é unha creación de Mariquiña Tereshkova.

 

"O fillo de Suso" sae ao abeiro da plataforma A Regueifa 2.0.

Máis da Regueifa Plataforma

  • "Non me esquenzas". Presentamos en primicia o novo de Grampoder

    'Non me esquenzas' é o primeiro single de 'PM', o disco longo que Grampoder presentarán a finais desta semana. A banda compostelá, formada por LeRoi e Martin Wu, edita o traballo despois dunha prolongada ausencia discográfica de preto de oito anos, cunha versión máis eléctrica, máis enerxética, máis negra do seu rock portátil. 

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.