David Gesteira, falsos mitos e xubilados estudando Historia
Pode ser que a Historia sexa escrita por quen gaña, pero que grazas á investigación e divulgación pode ser mudada e aberta a outros ollares tamén é unha certeza. Isto de feito pasa na actualidade, con mellores ou peores consecuencias e xerando numerosos debates, xustos ou non. Porque a Historia é así, un relato que se adapta a formatos e discursos procurando servir como argumento, aínda que se traten de feitos claros. Isto logo deriva en mitos e lendas, en correntes de coñecemento falsario, que chegan ata nós en forma de política, cultura ou identidade.
Para romper estes mitos, como o celtismo ou o escurantismo da Idade Media, contamos con David Gesteira, historiador e divulgador que traballa noutro podcast en galego: Descifrando a Historia. Con el rachamos ideas establecidas, afondamos no que significa a representación na Historia ou do uso ideolóxico de certas cousas que non son nin Historia, como moito lendas ou bulos.
Parolamos de tempos pasados e da súa representación audiovisual, de como os nazis aparecen en todo ata ser case personaxes e non persoas reais, de aprender Historia fóra das aulas, ou dentro pero como xubilado.
Créditos
O Café Derby é unha sobremesa cultural e virtual. Con Nicolás Carreira, Carme Domínguez, Adrián Lede e un convidado ou convidada cada semana.
Co patrocinio de PuntoGal e Deleite.