Delas Fest. Dez murais para (re)pensar o espazo público
O Delas Fest é o primeiro festival de arte urbana e contextual que se celebra en Europa con perspectiva de xénero. Celébrase desde 2019 en diversas localizacións da bisbarra de Santiago de Compostela e vén de rematar a súa cuarta edición.
Repasamos dez murais de gran formato e intervencións no espazo público que deixa este festival da cooperativa 7H que pon a muller no centro da arte urbana. "Para nós o fundamental é dotar de referentes ás mulleres novas, e ás non tan novas, sobre as artistas que están a traballar no eido da arte urbana porque seguen existindo moitos esterotipos de xénero tamén no ámbito da arte. Queremos axudar a cambiar esa mentalidade e a rachar con eses estereotipos", sinalaba a comisaria do Delas Fest Clara R. Cordeiro co galo da segunda edición, xa en plena pandemia, en Praza.gal.
Na app Elas Street Art é posible atopar o resto de murais realizados ao abeiro do festival, do programa que o procedeu, o Elas tamén Pintan, e doutras obras creadas por mulleres. Funciona como base de datos en forma de aplicación móbil na que pretenden catalogar e divulgar pezas de arte urbana creadas por mulleres. Para sumar pezas ao catálogo, hai que cubrir un formulario.
O Delas Fest é o primeiro festival de arte urbana e contextual que se celebra en Europa con perspectiva de xénero. Celébrase desde 2019 en diversas localizacións da bisbarra de Santiago de Compostela e vén de rematar a súa cuarta edición.
Repasamos dez murais de gran formato e intervencións no espazo público que deixa este festival da cooperativa 7H que pon a muller no centro da arte urbana. "Para nós o fundamental é dotar de referentes ás mulleres novas, e ás non tan novas, sobre as artistas que están a traballar no eido da arte urbana porque seguen existindo moitos esterotipos de xénero tamén no ámbito da arte. Queremos axudar a cambiar esa mentalidade e a rachar con eses estereotipos", sinalaba a comisaria do Delas Fest Clara R. Cordeiro co galo da segunda edición, xa en plena pandemia, en Praza.gal.
Na app Elas Street Art é posible atopar o resto de murais realizados ao abeiro do festival, do programa que o procedeu, o Elas tamén Pintan, e doutras obras creadas por mulleres. Funciona como base de datos en forma de aplicación móbil na que pretenden catalogar e divulgar pezas de arte urbana creadas por mulleres. Para sumar pezas ao catálogo, hai que cubrir un formulario.
- 01
Intervención de Lorena Cosba en Compostela
Instalación efémera –xa desaparecida– creada durante a primeira edición do Delas Fest [en 2019] na Casa do Matadoiro (Compostela) pola fotógrafa Lorena Cosba (Huesca, 1979), quen realizou o retrato fotográfico individual de diversas usuarias da Casa do Matadoiro co fin de captar capturar sinais de identidade particulares tanto a través de primeiros planos coma de retratos de corpo enteiro.
Ademais, nas ventás situadas na fachada e un dos laterais do edificio, con vistas á Praza do Matadoiro, Cosba situou catro pares de ollos, impresos tamén a gran tamaño, co obxectivo de facilitar á obra a súa transcendencia máis alá dos límites do edificio e, por tanto, espertando a atención de transeúntes e veciñanza.
- 02
'La culpa no era mía', de Vegan Bunnies en Teo
Intervención realizada pola grafiteira e activista Vegan Bunnies (Perú), quen desprega a súa expresividade artística en varios planos e formatos desde o anonimato, sorteando os perigos derivados de transgredir, deliberadamente, os límites impostos pola lei.
A través de intervencións efémeras baseadas nunha estética que combina ilustracións con aparencia doce e amable, a miúdo protagonizadas por coellos, con mensaxes combativas e críticas, apoia con irreverencia e firmeza de todo tipo de causas sociais. Neste caso, a artista traballou no túnel de Luou, en Teo.
- 03
'As mulleres sostemos a metade do ceo', de Fitz Licuado en Ames
Florencia Durán (Montevideo, 1986), coñecida nos circuítos da arte urbana como Fitz Licuado, reivindica neste mural realizado en 2020 a forza da sororidade e a axuda mutua entre mulleres fronte ás cargas que o patriarcado nos impuxo ao longo da historia e aínda nos segue a impor.
As figuras que protagonizan a peza, inspiradas en varias mulleres do municipio a quen a creadora fotografou, sosteñen –coma escribiu Xohana Torres– a metade do ceo na fachada traseira da Casa da Cultura do Milladoiro (Ames).
- 04
'Auroras e Manuelas', de Lidia Cao en Teo
Tras coñecer diversos capítulos e personaxes femininas das páxinas máis invisibilizadas e esquecidas da biografía colectiva do municipio teense, en boa medidas grazas aos testemuños das integrantes da Asociación A Oliveira pola recuperación da memoria histórica, Lidia Cao (Santiago, 1997) realizou unha mullerenaxe ás irmás Aurora e Manuela Liste Forján no pavillón de Calo (Teo).
Veciñas do municipio e símbolo de todas as mulleres que afrontaron con ousadía as violencias indicibles do fascismo, a súa resistencia e determinación fronte a represión exercida sobre a súa familia debido ao compromiso coa Segunda República e o comunismo materialízase nas mans de Aurora, quen suxeita as tesoiras que cortan a soga da opresión.
- 05
'Por min, que chova', do Dúo Amazonas en Brión
Este mural das artistas latinoamericanas Lina Castellanos (Botogá, 1990) e Natalia Andreoli (Bos Aires, 1992), coñecidas colectivamente como Dúo Amazonas, honra o rol feminino nos oficios manuais e artesanais do noso rural.
A mensaxe condénsase na parte central da composición, protagonizada pola laboriosa confección dunha caroza, a tradicional protección invernal galega, acompañada da frase 'Por min, que chova'. O arraigo deste labor entre as mulleres do municipio foi unha das moitas historias compartidas polas alumnas da escola municipal de Música e Baile Tradicional de Brión e do Obradoiro de Mente Activa, quen acompañaron ás creadoras durante o proceso no Campo de Fútbol Municipal de Brión.
- 06
'Bajo mi ocho parroquias', de Lily Brick en Compostela
A fisionomía dun polígono de vivendas na zona da praza de León, en Compostela, experimentou unha transformación radical no seu rostro público grazas aos trazos da artista visual Mireia Serra i Bernadó (Lleida, 1990), coñecida artisticamente como Lily Brick. Inspirada nas historias que lle trasladou a veciñanza da zona a través dos encontros organizados no festival, a creadora realizou un mural de gran formato con spray e pintura plástica que reivindica a memoria de loita das mulleres do barrio.
Encargadas do coidado das súas crianzas e, á vez, do sostemento da economía familiar, en moitos casos vinculada ao río Sar, onde lavaban a roupa, e á fábrica de paraugas Caravel, foron exemplo de todas as que saíron, durante xeracións, cara a adiante malia ter enfronte un horizonte duro e incerto.
- 07
'Minia de Pedrouzos', de Susana Blasco en Brión
A deseñadora gráfica, ilustradora e especialista na técnica da colaxe Susana Blasco (Zaragoza, 1972) creou unha peza mural que procura reverter a habitual invisibilización e desprezo das vivencias e saberes da muller rural.
A intervención, composta pola combinación de preto de 150 pezas dunha colaxe de nove fotografías, iniciouse coa compilación, entre a veciñanza e o alumnado do IES de Brión, de retratos femininos antigos de mulleres do municipio ou con algún vínculo con el, a partir das que a creadora aragonesa elaborou un quebracabezas compositivo e simbólico. A personaxe feminina resultante foi nomeada, por decisión da súa autora e das persoas implicadas no proceso, como Minia de Pedrouzos.
- 08
'Veciñas', de Marina Capdevila en Teo
A ilustradora, deseñadora e muralista Marina Capdevila (Falset, Tarragona, 1985) asinou en 2021 no Auditorio Municipal Constante Liste en Lucí (Teo) unha intervención mural que reivindica o historicamente negado papel das mulleres na conservación e difusión do patrimonio inmaterial así como na xeración de riqueza e benestar no rural.
A temática da obra está inspirada nas historias que a creadora catalá coñeceu a través de varias residentes no concello, que lle trasladaron o rol crucial das mulleres que, durante xeracións e xeracións, sostiveron a vida colectiva dentro e fóra do fogar. O resultado é unha mullerenaxe ás teenses maiores a través dunha peza realizada con pintura plástica e protagonizada por tres personaxes femininas da terceira idade que, en actitude rebelde, desenvolven accións tradicionalmente asociadas aos homes.
- 09
Mural de Mariana Santos en Santiago
A partir de fotografías procedente dos álbums familiares de veciñas de San Lázaro e Amio, a artista portuguesa Mariana Santos (Lisboa, 1995) creou un gran álbum de lembranzas colectivo en formato mural a través da combinación da monocromía en branco e negro do pasado e a forza expresionista de liñas e trazos.
O puzzle compositivo resultante –situado na rúa do Cubelo, 42, en Santiago– dá conta das escenas cotiás do barrio ao longo do século XX, relatadas e compartidas coa creadora por integrantes da Asociación Veciñal Monte do Gozo na cuarta edición do Delas Fest celebrada este ano.
- 10
Mural de Udatxo en Teo
A artista plástica e muralista Udane Juaristi (Azkoitia, 1985), coñecida artisticamente como Udatxo, creou na antiga escola unitaria de Francos (Teo) un mural de dúas composicións inspirado en escenas cotiás da Feira Cabalar de San Martiño, celebrada á beira do espazo na que se sitúa o edificio.
Inspirada polas historias que lle relataron as integrantes da Asociación Veciñal Carballeira de Francos, así como por imaxes do arquivo municipal de Teo, realizadas na década dos oitenta polo fotógrafo local Álvaro Parajó, a creadora vasca plasmou a importancia das figuras femininas nas diferentes tarefas que dan vida a esta festividade.