8 galegas de Bos Aires

Aymará Ghiglione

Cando souben que Ruy Farías, especialista no estudo da inmigración galega na Arxentina, estaba traballando nunha investigación para visibilizar o papel das mulleres migrantes galegas, sentín que tiña que formar parte do proxecto. Eu acababa de regresar a Bos Aires, a cidade onde nacín e vivín a miña infancia ata que os meus pais emigraron a Galicia ao comezo dos anos 90. Fixera o camiño inverso ao destas mulleres pero algo me dicía que tiña moito en común con elas. Así foi como me lancei a retratar as persoas que foron prestando o seu testemuño nesta investigación. Hoxe o proxecto está aberto, segue a medrar e estamos buscando novos formatos no que amosalo e dalo a coñecer. Ademais, continuamos na procura de persoas que queiran ser entrevistadas, así que se estás lendo isto e tes algún familiar en Bos Aires que poida ser parte deste relato e axudarnos a recompoñer a historia, podes facernos chegar o seu contacto a través do correo electrónico galegasdebosaires@gmail.com

  • 01

    Dolores Varela Cotelo

    Escapar da guerra

    Orixe: Ponteceso, Carballo. Ano de chegada: 1953. Barco: Lavoisier.

    Ela non quería emigrar, pero o seu marido quería fuxir de todo o que vivira durante os tres anos que estivera na guerra. Lola conta que a viaxe foi moi longa e moi dura, e que se pasou vomitando todo o tempo. Xa na Arxentina traballou como limpadora e o seu marido, que aló era canteiro, como albanel. Desde hai moitos anos vive coa súa familia no partido de Lanús, provincia de Bos Aires. No seu perfecto galego cóntame que a Arxentina tratouna ben, pero que “había que poñer o lombo”.

  • 02

    María Concepción Rey

    Unha nova vida

    Orixe: A Penela, Ourense. Ano de chegada: 1951.

    Tita, como todo o mundo a chama, tiña catorce anos cando chegou a Bos Aires. Desempeñou varios traballos na hostalería e máis tarde foi obreira nunha fábrica textil no partido de Lanús. Viaxou nun barco de carga de bandeira arxentina reconvertido en barco de pasaxeiros. Rodeouse axiña de amizades arxentinas, e foi olvidando o galego. Nunca máis regresou a Galicia.

  • 03

    Felicita Gil Rodríguez

    Os lugares da infancia

    Orixe: Prior, Ourense. Ano de chegada: 1956. Barco: Yapeyú.

    Tiña tres anos e medio cando chegou a Bos Aires coa súa nai. Coñeceu ao seu pai xa na Arxentina, porque este emigrara anos atrás escapando do servizo militar. Non volveu a Galicia ata 1980, despois da morte do seu avó. Conta que cando entrou na casa da súa familia, lembraba perfectamente a distribución antiga, e a ubicación exacta da habitación onde durmía de cativa.

  • 04

    Esperanza Rodríguez Cibeira

    Cultivar as lembranzas

    Orixe: Prior, Ourense. Ano de chegada: 1956. Barco: Yapeyú.

    Nai de Felicita. Despois de varios traballos, ela e o seu marido alugaron un hotel familiar do que ela foi a administradora durante moitos anos. A súa filla conta que traballar a terra segue sendo hoxe o que máis lle gusta facer. Na súa da casa do barrio de San Justo, Esperanza aproveita calquera anaquiño de terra para plantar algún cultivo.

  • 05

    Milagros Díaz Martínez

    A integración no novo mundo

    Orixe: Gondomar, Pontevedra. Ano de chegada: 1962. Barco: Mala Real Inglesa.

    Coñeceu ao seu pai xa na Arxentina, pois este marchara anos antes. Conta que aprendeu falar como porteña practicando lecturas na casa para que os seus compañeiros non se mofaran dela. Di que durante moito tempo sentiu que era a única nena galega en Bos Aires.

  • 06

    Celia Otero

    Volver ás orixes

    Orixe: Lalín, Pontevedra. Ano de chegada: 1951. Barco: Alcántara.

    Celia tiña tres anos cando chegou a Bos Aires. O seu pai quedou en Galicia porque a relación entre el e a nai de Celia truncouse. Xa sendo adulta, despois dunha intervención cirúrxica, decidiu que tiña que coñecelo, e tamén ao resto da súa familia galega. Pouco a pouco puido xerar un vínculo con eles e desde hai anos viaxa a Galicia asiduamente. Hoxe, ademais de escritora, é unha reputada especialista en Historia económica.

  • 07

    Inés Rodríguez Iglesias

    Amor e República

    Orixe: Ourense. Ano de chegada: 1953. Barco: Corrientes.

    Ela e o seu mozo, máis tarde o seu marido, vivían desde nenos na avenida Buenos Aires, en Ourense. Conta que ela veu seguindo ao amor da súa vida, o seu marido Celso, un republicano convencido. Casaron por poderes en 1953 para que ela puidera viaxar. Sesenta e seis anos despois da súa chegada, aínda conserva o seu acento galego.

  • 08

    Zulema Rodríguez González

    O imposible retorno

    Orixe: Carballedo, Lugo. Ano de chegada: 1930. Barco: Sierra Córdoba.

    Presta testemuño pola súa nai Avelina González Vázquez. Ela e o seu marido coñecéronse no centro asturiano e descubriron que viaxaran o mesmo día no mesmo barco. Avelina traballou desde moi nena como empregada doméstica. Sempre lle gustara estudar pero non tivo a oportunidade de facelo. Con 65 anos decidiu rematar a educación primaria nunha escola nocturna. Cincuenta anos despois da chegada, unha única vez volveu a Galicia: “foi un choque enorme para ela”, recorda a súa filla.

Aymará Ghiglione

Aymará Ghiglione

Metade galega, metade arxentina. Deseñadora web de profesión e fotógrafa por puro gusto. Colabora coa Federación de Asociaciones Gallegas en Argentina e expuxo a súa obra no MEGA (Museo de la Emigración Gallega en la Argentina). Co proxecto "Galegas de Bos Aires" vén de gañar o terceiro premio no Concurso Internacional de Fotografía Miradas de Iberoamérica 2018.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.