Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, volve acoller esta semana o Revenidas, o festival que xunta a música e a cultura mariñeiras, nunha edición na que non haberá a mítica sardiñada nin posibilidade de acampar, pero que nos trae un cartel co mellor da música galega actual e ilustres visitas internacionais. E que se completa con obradoiros de cultura mariñeira, visitas a bateas, concertos a bordo, roteiros, ilustración e ata un podcast.
«Imos ter un cartel moi de Revenidas e moi poderoso», anunciou Xoán Quintáns, director do festival, na presentación que se fixo este luns aos medios. Seguramente sexa o cartel festivaleiro que xunte máis e mellores nomes da música que se fai agora mesmo en Galicia e en galego, e tamén unha das citas con maior presenza feminina: Tanxugueiras, Laura Lamontagne & Pico Amperio, A Rabela, A banda da Loba, Mounqup, Guadi Galego, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, xunto con Verto, Boyanka Kostova, Los Rastreadores, ou Monoulious DOP. Uniranse desde a Comunidade Valenciana de Zoo, Los Chicos del Maíz e Ciudad Jara, o novo proxecto de Pablo Sánchez (La Raíz), e desde italia Talco Masquerade, a formación da banda punk Talco en versión máis folk e acústica.
Entre as novidades deste ano está o Revenidas Ilustra, no que quince artistas realizarán unha ilustración de cada un dos grupos que participan no festival. Cada unha desas láminas será asinada polo artista e subhastarase a través das redes de xeito solidario a favor da entidade que decidan o propio artista e o ilustrador.
Mais Revenidas non é só música. Vilaxoán é protagonista indiscutible do festival, como queda plasmado no roteiro guiado por Xurxo Souto que terá lugar o mércores e que rematará cun showcoking de cociña mariñeira, e tamén nos Concertos a Bordo, nos que ademáis da músicas de grandes artistas galegos haberá obradoiros de cultura mariñeira e visitas a bateas.
Entre as novidades deste ano está o Revenidas Ilustra, no que quince artistas realizarán unha ilustración de cada un dos grupos que participan no festival. Cada unha desas láminas será asinada polo artista e subhastarase a través das redes de xeito solidario a favor da entidade que decidan o propio artista e o ilustrador. A outra novidade que o festival dará este ano o salto ao mundo dixital coa creación dun podcast diario, Ondiñas, que se emitirá a través do Spotify do festival e no que o xornalista e crítico musical Carlos Crespo entrevistará artistas, patrocinadores e traballadores do evento. «Un podcast que agardamos manter no tempo, dándolle contidos e presencia todo o ano», avanzou Quintáns.
Na súa aporta pola “cultura segura”, o festival ten previsto acoller 1.500 persoas en dous sectores diferenciados, cada un deles con todos os servizos e con todas as medidas sanitarias que contempla a normativa vixente. Ademais dos escenarios principais, Xacobeo 21-22 e FestGalicia, o escenario Deleite instalarase na praza Rafael Pazos da vila, con actividades dirixidas ao público familiar.
Aínda quedan dispoñibles algúns abonos e pódense adquirir na web www.revenidas.com as entradas diarias a un prezo de 20 euros máis gastos de xestión. Para os menores, o prezo será de 12 euros.