Vinte proxeccións (moi subxectivas) para os anos vinte

Imaxe de Álvaro Valiño para a Colección VINTE. © Álvaro Valiño

Disque a década nova non empeza ata o 2021, pero os 20 xa están aquí, e por partida dobre. Sendo esta unha revista que naceu hai un ano coa ilusión de proxectar os anos vinte, hoxe atrevémonos a concretar algunhas proxeccións. O futuro é complexo é incerto pero o mundo xa se está a mover e nós con el: o que aquí enumeramos son visións ou tendencias da sociedade, cultura e estilo de vida que detectamos e que poden mudar, para ben, o que pase neste país os vindeiros anos. 


 

1. IDENTIDADE | Da Galicia do anuncio de Gadis á Galicia de Eroski Paraíso. O que a finais dos anos 00 foi un certo revulsivo para o noso feble orgullo de país (e “Vivamos como galegos” unha consigna para recoñecerse nunha identidade común moi vinculada á despensa como forma de vida), agora é un folclore pasado de moda. Como son as avoas da bata, o Land Róber e outros fenómenos da cultura popular que apelan ao ruralismo e o riquiñismo seguindo esa inercia, un mínimo común amable co que todos nos poidamos identificar. Moi ben, é hora de superalo, non sei se de negalo pero si de subirse nel para dar pasos máis valentes. Aí chegamos á Galicia que chamaremos de Eroski Paraíso: empezando pola propia cadea de supermercados: Eroski-Vegalsa en Galicia fai unha gran parte da súa comunicación en galego, cousa que non fai Gadis. Eroski Paraíso (primeiro a obra de teatro de Chévere e agora o filme de Jorge Coira) é un produto cultural que aborda a nosa identidade tamén dun xeito amable que conecta moi ben co público pero sen deixar de problematizar o desarraigo, a lingua, a emigración… temos unha identidade marcada por todos estes problemas, non só polo que levamos ao bandullo. E non pasa nada por dicilo. A menos que esteas nunha posición de poder que teña moita responsabilidade no desarraigo, na lingua e na emigración e che resulte incómodo levar estes temas ao mainstream. Mais para iso está o teatro e o cine, para alimentar tamén a conciencia (ide ver Eroski Paraíso, que aínda está nalgunhas salas). 

2. TRABALLO | Se algo debería rematar, aínda que isto é máis desexo que realidade, é o desclasamento. A crise do 2008 serviu para xustificar o empeoramento das condicións laborais na maioría dos sectores, ao tempo que internet foi un gran vehículo para a propaganda neoliberal a travós de mitos como o do emprendedorismo e a meritocracia. O resultado é unha masa laboral cada vez máis desunida e máis desprotexida, refuxiada do paro e da pésima situación laboral no autoemprego, aínda máis precario. Con traballadores competindo entre eles a ver quen fai o servizo máis barato en lugar de unirse para manter ou crear unhas condicións dignas. Pasa en moitos sectores e pasa tamén no cultural, onde xente tradicionalmente de esquerdas prefire enredar en guerras culturais que en preocuparse das condicións de traballo, empezando polas propias. Pois ben, haberá que tomar conciencia disto: protexendo e apoiando os sectores que aínda pelexan por manter a dignidade laboral e rebelándonos contra este ecosistema de precariedade cool que por pura supervivencia creamos para ir tirando, pensando moi pouco nos demais nin nos que veñen despois. Se as oportunidades de traballo se reducen, as solucións, no sector que sexa, terán que ser colectivas.

3. POLÍTICA | O máis útil e certo que podemos dicir aquí, a risco de que soe a baleiro e benintencionado, é que agardamos ver mulleres, a poder ser de menos de 50 anos, liderando as institucións, públicas e privadas. Todas. A presidencia da Xunta, os concellos, as deputacións se as hai, os consellos de administración, os clubes de fútbol, os medios de comunicación, os hospitais, a policía e o mundo cultural. Pode que o xénero non garanta que as cousas vaian mellor, pero se non o probamos, e máis dunha vez, nunca o saberemos. E non se trata de coller o poder e máis, senón de tomar as institucións e transformalas ou abolelas se fai falta. Quen vexa esta visión como moi radical ou, peor, con condescendencia, ten dúas opcións: ou poñerse a un lado para facilitar o tránsito ou seguir bloqueando o paso pero tanto terá: o poder imos conquistalo nós, non imos agardar a que nolo cedan. Así que mellor irse facendo á idea. No entanto, os señoros que ocupan todas esas posicións poden ter claro que cada vez nos interesa menos o que nos teñan que dicir ao resto.

4. XÉNERO | No punto anterior xa se consigna que o xénero é política e a política é xénero. Mais isto tamén teremos que revisalo, porque: que é o xénero nos anos 20? Seguirá existindo esta construción social?  O certo é que a xente nova ten cada vez máis asumido que as fronteiras de xénero son difusas e que non é o mesmo identidade ou expresión de xénero, sexo biolóxico ou orientación sexual. O transfeminismo estanos a aprender que hai moitas maneiras de clasificarse ou, máis ben, por que hai que clasificarse? Queda moito por coñecer e resignificar aínda pero as novas xeracións van moi por diante na conciencia da diversidade de xénero. A tope con isto. 

5. DEMOGRAFÍA | Seguimos a emigrar, seguimos a non nacer, a pasar de ter fillos ou a non podérnolos permitir. Estamos a sufrir aínda os efectos da quinta vaga migratoria, que botou fóra case 400.000 mozos e mozas, a metade deles con estudos medios ou superiores, nos últimos 20 anos. E máis que os sufriremos se esa xente non regresa ou non se repoboa o territorio con outra. Logo están as migracións internas da aldea á cidade e do interior á costa. O rural interior está máis abandonado ca nunca. E a carencia de servizos é síntoma e é causa. Cando Feijoo di que os pediatras non queren ir traballar e vivir a Verín, a pregunta que hai que facerlle é: e que vai facer para que Verín sexa un lugar atractivo para vivir nos anos vinte?  Quen di Verín di calquera vila, cidade ou aldea galega, e terá que ser atractiva para todas as capas sociais, en termos de renda e de calidade de vida. Para que veña xente de fóra e a que hai non marche. 

6. VIVENDA | O bum do ladrillo deixou moitas casas baleiras. Tamén deixou moitos propietarios, algúns deles fixéronse ricos ou xa o eran e outros quedaron brutalmente endebedados. Nos dous casos optaron por poñer as vendas en alugueiro ao prezo máis alto posible, vendo que a xente ía deixar de mercar e crecería a demanda sobre todo nas cidades (a de toda a vida e tamén a do turismo). E así estamos, cuns prezos pensados para funcionarios do grupo A ou traballadores de Inditex, aos que o resto da xente xa non deberiamos nin querer optar. Pero a alternativa son pisos vellos, cativos ou pouco céntricos, o oposto ás aspiracións de calquera traballador/a millennial. A solución non é doada pero se cadra as aspiracións das novas xeracións tamén acaban mudando nos anos vinte. Se regresamos ou nos movemos aos barrios e ás vilas onde non hai locais de moda nin turismo nin oficinas nin moita ‘clase creativa’ pero si pisos baratos, e nos poñemos de acordo para reclamar un bo sistema de transporte público, poderemos vivir alí sen depender do coche para ir traballar ao centro en caso de precisalo. E socializar doutra maneira, sen ter que aspirar a vivir como os inditexers ou os do grupo A, nin a que a demanda nestes barrios revalorice o piso da avoa para que empecemos a especular con el. Lugares para vivir e andando. O que hai é que quitar o vicio de usar a vivenda como negocio, e para iso hai que regular, e moito, o mercado inmobiliario. Pero a demanda tamén podería cambiar.

7. TRANSPORTE | En Galicia é difícil darlle morte ao coche como símbolo de estatus cultural. Ademais é bastante cínico defender que a xente viva en aldeas ou vilas e ao mesmo tempo querer que renuncie ao vehículo particular. Nun territorio disperso coma o noso precísase mobilidade pero iso non quere dicir que non poida ser sostible, se se dá un cambio cultural que custará traballo pero que se vai acabar impoñendo. Porque non fai falta desprazarse tanto. Non é necesario facer 30 kms para ir cada semana ao centro comercial. Non hai que ir ver o Combo Dominicano a canta verbena haxa, nin ir ao enésimo concerto de Viva Suecia nun festival. Rebaixar a nosa pegada climática implica decrecer, saír menos, reducir o noso consumo tamén de lecer. Ou organizarnos e recuperar o Noitebús para saír polas noites no rural, á parte de ter un bo transporte diurno para ir ao traballo, e que o traballo teña uns horarios decentes que nos permitan adaptarnos ao transporte público. Xa non pode ser todo á carta, non é sustentable. Nas cidades tamén hai moito que mellorar no transporte, en especial nas áreas metropolitanas. Que non haxa máis excusas para ir levar os nenos en SUV desde Teo ao colexio no centro de Santiago. Os símbolos de estatus das familias de clase media urbana tamén van ter que mudar moito para que as cidades sexan máis transitables e respirables.

8. CULTURA | O consumo e produción cultural xa cambiou moito na última época, e non sei se para ben. Por un lado, internet fixo que non sexa imprescindible vivir unha cidade para acceder a moitos produtos culturais, seguir as modas ou socializar con xente de gustos similares. Por outro lado tamén creceu a cultura do evento: as axendas en moitos sitios están cheas de actos, concertos, festivais, palestras, presentacións e festas. O cal está moi ben para toda a pequena industria arredor da cultura e o lecer, pero ás veces non deixo de pensar se non nos estará a quedar un precioso país de ramistas. Todos os concellos teñen diñeiro para eventos e sempre haberá rapazada retornada das capitais que queira dinamizar a súa vila, algo estupendo. Pero que pasaría se puxeramos toda esa enerxía e esforzo a algo que non se acabase nunha fin de semana?  En todo caso é moi positivo que a xente se xunte para ver artistas, que cada vez participe máis, que sinta como propios fenómenos culturais e que se implique para facerllos chegar a outra xente a través de eventos ou de redes sociais. Se podemos detectar algunha tendencia aquí é cara á diferenciación: hai moito contido accesible pero xa non todos consumimos as mesmas series, películas, música ou libros. Xa non somos masa, somos pequenos nichos. E a máis volume máis diversidade: adquirimos personalidade cando compartimos o noso gusto por produtos locais, minoritarios, novidosos. Iso é bo para a nosa cultura. O perigo: que o novidoso se convirta en cultura de usar e tirar, e que poucos produtos culturais transcendan esta rápida cadea de consumo e produción. A solución se cadra pasa, de novo, polo decrecemento: as redes poden ser superficiais pero tamén nos axudan a profundizar no coñecemento. Consumamos e produzamos menos contido pero de máis calidade e ambición, que perdure máis dun par de días nas redes, se é que tal cousa é posible. E revisemos se precisamos gastar tantos recursos, enerxía e talento en eventos e produtos culturais dun día. 

9. BARES | Morreron os bares?  Si, moitos deles morreron. Outros consérvanse mentres teñan os vellos de sempre a tomar as chiquitas ou xogar a partida. A xente nova xa non vai tanto aos bares, e sempre haberá alguén da vella garda cipotuda que o lamente, pero se somos capaces de atopar alternativas de lecer a estes espazos orientados ao consumo de alcol, á testosterona e mesmo á violencia cando se xuntan as dúas cousas anteriores, nin tan mal. Que a xente nova xa non precise beber para socializar é unha boa nova. Que busquemos alternativas máis baratas e saudables nas redes e fóra delas está perfecto. Que teñamos onde ir tomar uns viños de cando en vez seguiría molando, é tradición e cultura gastronómica. Pero non fai falta un bar en cada rúa. E moitísimo menos unha casa de apostas. 

10. NETFLIX | Entón que, non saímos da casa? Quedamos deitados toda a fin de semana diante da tele ou do ordenador? En absoluto. O primeiro acto revolucionario destes anos 20 en cada casa debería ser darse de baixa de Netflix, rebelarnos contra o xigante tecnolóxico que nos quere obrigar a papar unha serie ou película nova cada semana canda o resto do mundo e que, xa o dixo o seu fundador Reed Hastings, a quen lle fai competencia é ás horas de sono. Hai que durmir, iso é o prioritario, e despois pensar en que pasaría se as horas que pasamos buscando algo que ver nunha plataforma ou vendo calquera serie de moda as empregasemos en ver outro tipo de filmes, ler algún ensaio, un cómic, xogar unha partida de tute, facer manualidades, practicar sexo ou coidar a nosa xente. Xa non digo meternos nunha asociación veciñal ou montar un sindicato. O que sexa, pero é necesario recuperar esa liberdade de elixir que facer co noso ocio sen ser escravos do que programe Netflix cada semana. E ampliar os nosos temas de conversa máis alá de Stranger Things

11. ALIMENTACIÓN | Remata por fin a década de Master Chef e El Comidista e os cociñeiros empezan a verse tan decadentes como as estrelas de rock que quixeron ser. O sushi é unha comida mala de supermercado, as modas exóticas van e veñen, pero quen te conquistará polo estómago vai ser quen saiba facer o caldo, unha xarda ao forno, unha carne asada ou bo guiso de choupa. Se cadra hai uns anos dicir isto era unha ranciada. Se cadra aínda o é (lembremos que xa superamos o tema anuncio de Gadis). Mais coa traza que teñen as cousas o gran reto será aprender de novo a alimentarnos moi ben por pouco diñeiro, e a nada que xuntemos a nova obsesión por comer san cos orzamentos axustados que teremos para facer a compra, e nos interesemos un pouco polo noso patrimonio gastronómico e as receitas tradicionais, só falta un ingrediente: ter tempo para cociñar. E para isto podemos sacar unha hora cada noite se nos desenganchamos de Netflix.

12. ROUPA | A fast-fashion ten que rematar, por moitos motivos: ambientais, económicos, sociais… e porque non fai falta estrear unha prenda cada mes ou cada semana. Co tempo ademais será de mal gusto, como Netflix ou o sushi do Mercadona. A alternativa á moda barata non é gastar máis en moda cara, senón gastar menos, non comprar, ignorar os estímulos que nos mandan as influencers de a patacón no Instagram. Cada galega gasta de media máis de 600€ en roupa cada ano. Non pasa nada se se gasta menos, ou se unha parte dese gasto se fai en marcas locais. Que non hai moitas, vale, pero menos haberá se o papa todo o xigante Inditex. Se Amancio perde uns poucos miles de millóns porque o noso consumo é máis racional, tampouco nos dá moita lástima. 

13. VIAXES | Sentímolo, amigas, aquí tamén vai haber que decrecer. Que Greta Thunberg non bota non sei cantos días nun veleiro cruzando o Atlántico (e peor aínda, atrévese a coller un tren entre Lisboa e Madrid) para que logo nós andemos toleando nas ofertas a ver a que capital europea podemos voar por debaixo de 60€. Como se son 600€. Viaxar empeza a ser de mal gusto nos países ricos, mentres nalgúns menos ricos seguimos a beneficiarnos do low-cost para poder coñecer mundo, que falta nos fai. Ou polo menos así foi nos anos 10, só hai que ver as redes sociais da xente que nos rodea. Mais se cadra nos anos 20 xa non é así. Se cadra a xente nova non prioriza tanto o viaxar para presumir no Instagram, ou empeza a sentir vergoña deses chimpos entre varias cidades que antes se chufaba de facer por catro pesos con Ryanair, ao se decatar da pegada carbónica de tanta viaxe. Non están pechando a primeira fonte de traballo nas comarcas das Pontes e Meirama para que logo ande a xente a contaminar en avións coma se non houbese mañá. O de que haxa mañá está por ver, pero se as novas xeracións queren loitar por non afogar neste planeta o noso deber é estar con elas. 

14. INTERNET | Non queremos ser moi pesadas co decrecemento pero aínda temos que falar de internet e si, aquí tamén toca quitarse un pouco. Por ecoloxía de diverso tipo (guindamos demasiado ruído e lixo á rede cada día) pero sobre todo pola nosa saúde mental, por mellorar a convivencia e tamén por recuperar a nosa liberdade. A rede naceu como unha utopía e agora xa se presenta como distopía. A fascinación polas “novas tecnoloxías” desaparece no momento en que deixamos de chamarlles así e empezamos a distinguir o que nos fai ben do que nos prexudica. Cando máis dixitalizamos a nosa vida máis escravos somos de Google, Facebook ou Amazon, e hai un problema serio aí de gobernanza: quen deseña a nosa maneira de comunicarnos e de relacionarnos son catro multinacionais opacas sobre as que temos moi pouco poder de decisión. Ante isto, á parte das medidas persoas que poida tomar cada quen, cómpre xente experta nos gobernos que coñeza ben a tecnoloxía e non a abrace como algo bo per se senón que protexa os nosos intereses. E unha alfabetización dixital que en vez de gastar os orzamentos públicos en pantallas que medien todo tipo de educación, nos aprenda a ser donos da tecnoloxía e non ao revés. Nos anos dez fixémonos súbditos da tecnoloxía. Seremos quen nos vinte de liberarnos das adiccións dixitais e facernos cidadáns adultos de internet? 

15. ALDEA | Hai un período de 25 anos, que podemos trazar entre o nacemento do bravú en 1994 e este 2019, no que a identidade rural se mesturou coa cultura pop, reivindicando un espazo de modernidade e un novo orgullo de vivir na aldea. Esta nobre intención, con grandes froitos na nosa cultura, acabou derivando nun monocultivo mediático que converteu este ruralismo pop nunha caricatura repetitiva, superficial e cómoda tanto para as audiencias menos esixentes como para os medios máis conservadores. Mais abonda con rascar un pouco na superficie e ver que no rural hai moito máis: enormes profesionais gandeiros e labregas que saben moito do seu traballo e xente nova, comprometida e profundamente respectuosa cos seus veciños da aldea. Na cultura pop temos exemplos como Óliver Laxe, Rodrigo Cuevas, o Agrocuir, o programa Labranza e centos de olladas novas que empezan a ser relevantes e a abrirse paso entre as orquestras, as festas de papar, os chistes de vellos e as verzas xigantes que a TVG quixo impoñer como cultura rural galega. 

16. MEDIOS | O panorama mediático estivo moi difícil nestes anos dez, marcados polo férreo control económico e político do goberno de Feijoo. O que pase nos anos vinte terá moito que ver coa continuidade ou non do PP na Xunta. No peor dos casos seguirá como está, cunha inercia que conduza a Televisión de Galicia polo camiño que leva cara á irrelevancia, de xeito que cando a ultradereita mande pechala sexa tan cativa que ninguén pelexe demasiado por mantela. E coa maioría de cabeceiras loitando pola supervivencia a base de subvencións, publicidade institucional que condicione a información e clicks baratos. O maior problema, derivado tamén disto, é que a xente nova cada vez consume menos estes medios, e en xeral todo o que non pase por Telecinco ou Atresmedia non existe. E quen se informe polas redes cada vez ten máis difícil recibir dos seus achegados algo que non estea sesgado, esaxerado ou directamente falseado para que apele ás súas emocións máis básicas. É difícil ser optimista aquí. Pero algo si podemos facer: nesta década a maioría dos medios dixitais van cobrar polo acceso ao contido con algún tipo de subscrición. Na nosa man está decidir a cales lles damos os cartos. 

17. LINGUA | De novo é complicado ser optimista cando o último estudo do IGE di que cada vez menos rapazada de 5 a 14 anos di saber falar sequera algo de galego. Mais é certo que a nosa lingua nunca foi tan usada en público, tan escrita por xente tan diversa, tan presente na música, no cinema, na ciencia e noutras manifestacións culturais. Tamén nas redes sociais, co risco das cámaras de eco: que moita xente galegofalante vexa que na súa burbulla de redes só se fala galego e que moita xente castelanfalante vexa que na súa só se fala castelán. Ningunha das dúas burbullas é real: se acaso a do castelán é moito máis numerosa. Así que queda seguir falando, seguir penetrando con naturalidade (ou forzando un chisco) en espazos onde aínda non está moi presente, e que os medios de comunicación deixen de reservar o galego para o nicho cultural ou ruralista e visibilicen unha nova xeración de galegofalantes con intereses moito máis diversos. Un dos grandes retos do futuro vai ser a lingua oral e como a equiparamos ás outras nun mundo dixital no que todo cada vez funciona máis por voz. Aí estamos moi atrás e se espabilamos poderemos ademais emanciparnos da excesiva importancia que se lle dá á escrita, superando ademais os debates ortográficos: a Alexa tanto lle ten que lle usemos N ou NH. Outra materia pendente en canto á percepción social da lingua é superar o riquiñismo léxico: a riqueza do galego vai moito máis alá dos catro tópicos do vocabulario e ten que ver coa sintaxe, a morfoloxía, a fonética, as variantes dialectais. Querer falar o galego “neutro” da TVG para parecer máis finos é cousa do pasado. Ser hiperenxebres ou usar os castelanismos do “gallego do pueblo” tamén. O galego sexy é o galego rico, diverso, auténtico e correcto. Coas súas sete vogais e os pronomes ben colocados. 

18. DEPORTE | Galicia é un territorio tremendamente deportista: hai centos de clubes de deporte de base e moita afección que vai máis alá do fútbol, desde o triatlón ata o piragüismo, o atletismo, o baloncesto, o roller derby… ou quen colle as fins de semana a bicicleta ou as zapatillas de correr. O deporte é unha das bases do noso tecido social local e temos que seguilo fomentando e facendo visible. E se hai algo no deporte que ten a potencia de cambialo todo na vindeira década é o protagonismo dos equipos femininos nos deportes mainstream. Non está tan lonxe o día no que para falar do Dépor teñamos que especificar se falamos do masculino ou do feminino (ou que o Dépor a secas sexa o feminino, que polo menos gaña partidos). 

19. MÚSICA | O folk vai morrer como etiqueta para renacer como música popular. Non farán falta manobras como chamarlle ‘trad’ á música tradicional, como tampouco haberá moita separación nin reticencias entre esta e a electrónica e o pop. Que tal Baiuca no Festival de Ortigueira e Tanxugueiras no Atlantic Fest? E todos os proxectos mestizos que veñan. Xa non vai quedar ningún ‘moderno’ en Vigo que desprece as pandeiretas. Iso é bo ou malo? Hase ver. A roda do prexuízo-descuberta-fartura-prexuízo nunca para, e iso tamén está ben e é o que fai avanzar o mundo. 

20. CINEMA | Máis etiquetas fóra: o Novo Cinema Galego xa morreu. Agora é cinema galego a secas, a fin de contas aos festivais nos que triunfa nunca chegou o “vello cinema galego” para comparar. Ademais os Laxe, Patiño, Enciso e Toucedo xa crearon escola e agora temos xente como Adrián Canoura, Lucía Estévez, Aldara Pagán, as irmás Lara e Noa Castro, Nacho Ozores, Sol Mussa, Iria Silvosa e moitos máis nomes que darán moito que falar nos anos vinte se acadan un pouco máis de apoio e seguen o seu propio camiño aproveitando o rego de posibilidades que abriu o NCG dando exemplo ás novas xeracións non só do cine senón do resto do mundo cultural.  

 

BÓLA EXTRA: RUINDADE | A medida en que imos madurando como sociedade e perdendo complexos, cómpre quitar de enriba tamén un dos males dun pobo que sufriu tradicionalmente moita represión e carencias: a ruindade cos demais. Se deixamos de mirar de esguello, de ser desconfiados, de pensar que cada triunfo do que está ao carón é unha ameaza, de agachar a cabeza diante dos poderosos e machacar os que son máis débiles ca nós, seguiremos avanzando moito. Con que pensemos máis en clave colectiva e máis a longo prazo no legado que lle deixaremos a quen veña ou naza aquí, ou con que nos levemos mellor entre nós e non sexamos miserables, ruíns nin haters, seguro que virán tempos mellores. E sobre todo, farémonos fortes para tornar de que regresen as carencias e a represión. Que están aí, espreitando. 
 

Feliz 2020

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.