Mentres a Cidade Vella da Coruña vive estes días invadida polos chigres de estética pseudomedieval da Feira das Marabillas, un novo espazo abre as súas portas neste barrio para dar a coñecer o mellor da nova creación visual en Galicia.
Chámase Inoxidable, está na rúa Porta de Aires e os seus impulsores son o fotógrafo Jacobo Ameneiro e a coreógrafa e xestora cultural Carlota Pérez. Este venres, en plena feira medieval, presentan a súa programación, que arrinca cunha mostra de fotógrafas e fotógrafos galegos. Aínda que as súas idades son diversas e é difícil agrupalos xeracionalmente, si que teñen en común protagonizar un momento moi interesante para a fotografía en Galicia, con varias iniciativas editoriais e expositivas agromando e unha ollada diferente e moi persoal sobre a realidade.
Así, temos nomes de creadoras como Bandia Rivera, Tono Arias, Tamara de la Fuente, David Barreiro, Amador Lorenzo, María Verez, Simone Maestra, Suqui Castro, Nico Combarro, Vari Caramés, Ivan Nespereira, Isra Cubillo, Bernardo Villanueva, Jacobo Ameneiro e Ángel Manso, que porán á disposición do público pezas especialmente seleccionadas, coma esta de Suqui Castro.
O foto-libro de autor é un formato cada vez máis escollido por esta xeración de fotógrafos, e se cadra aínda non moi recoñecido aquí, malia levar premios por aí adiante. Nueva Galicia, o foto-libro no que o ourensán Iván Nespereira rexistra a viaxe do caucho ao Amazonas e a dos europeos que viaxaron alá para traballar na súa a extracción, levou o premio Photoespaña 2018 ao mellor libro autoeditado. A editorial Fabulatorio foi finalista destes premios ao mellor libro de fotografía nacional, con Boas Noites de Jesús Madriñán en 2016, con Lugares de Vari Caramés este mesmo ano, e con Ostalgia de Simona Rota, que chegou a levar o premio en 2014. E outras iniciativas como Banco Editorial buscan realizar edicións fotográficas artesanais, limitadas e moi coidadas, de autores como Ariadna Silva, Jesús Caballero, José Padín ou Iago Fernández Díaz.
Estas obras, que quizais non son tan accesibles nas librarías convencionais, estarán á venda en Inoxidable, canda traballos de Tono Arias, pioneiro na edición e na venda de obra fotográfica en Galicia co seu proxecto Dispara na Estrada. Arias presentará o vindeiro 3 de agosto en Inoxidable a súa obra Encarnados, froito de máis dunha década de traballo sobre o Entroido en Galicia que podemos ver en tres libros e un paquete de postais. Nunha sesión vermú neste espazo da Coruña o fotógrafo estradense falará do seu traballo.
Con esta exposición constatamos un movemento de fondo na fotografía galega, que busca o seu espazo en lugares e métodos non convencionais e que está a ofrecer algunhas das visións máis estimulantes sobre o noso país, desde as marxes dunha industria cultural que non parece estar moi ao tanto desta corrente de talento subterráneo.
A Cidade Vella da Coruña acolle esta xeración de fotógrafos e editoriais: o Festival FFoco celébrase na Praza de Azcárraga desde setembro de 2017 e prepara a súa terceira edición. Hai uns meses pechou a sala Nautilus, un espazo para exposicións, presentacións e produción de obra fotográfica, e parece que Inoxidable recolle un pouco ese oco. Perto de alí temos a Fundación Luís Seoane, o centro de arte contemporáneo onde se acaba de inaugurar “Lugares”, de Vari Caramés, que poderemos ver ata o 27 de outubro.
Pola súa parte Inoxidable inicia unha andaina na que non só quere prestar atención a este talento senón tamén cultivar a creatividade dos máis novos, coa posta en marcha da “Pequena Bauhaus”, onde nenas e nenos de 6 a 12 anos poderán participar en actividades de formación e creación en diversas disciplinas artísticas. Tamén ofrecerán talleres e masterclasses de recoñecidos artistas para todo o tipo de públicos, catas de viños e toda unha oferta cultural que ademais quere potenciar as artes inclusivas e os proxectos comunitarios, pois tamén será a sede da Asociación cultural para a integración social Diversos.