Resis. Un xeito diferente de achegarse á música contemporánea

© RESIS

Do 3 de maio ao 1 de xuño desenvolverase en diferentes espazos da cidade da Coruña o Resis, un festival atípico dedicado á música contemporánea no que haberá concertos, intervencións artísticas, audiovisual e diálogo entre disciplinas.

A música contemporánea, esa re-lectura que se fai da música utilizando instrumentos clásicos, ten moito de experimentación e de vangarda e habitualmente é consumida por un público moi selecto e, moitas veces, de certa idade. Ademais para poder disfrutar de concertos de música contemporánea o normal é acudir a salas de concertos clásicas como teatros, ou no caso da Coruña, o Pazo da Ópera. Para romper con todos estes preconceptos chega o Resis.

“Queremos achegar a música contemporánea a todos os públicos e por iso programamos os concertos fóra dos escenarios habituais”, relata Marina Chiavegatto, encargada da comunicación e prensa do festival. Este é un dos sinais de identidade do proxecto. Se o ano pasado houbo concertos en lugares da Coruña como o Aquarium Finisterrae (como se pode ver na foto de portada), este ano haberá na Domus, na Fundación Luis Seoane, no Museo de Belas Artes ou na Igrexa das Capuchinas, entre outros lugares. A segunda edición do Resis (pódese consultar toda a programación na súa web) acontecerá entre o 3 de maio e o 1 de xuño e todas as actuacións son de balde ata completar aforo.

Dentro do programa un dos concertos máis especiais será este sábado 4 de maio. Será especial polo espectáculo, que leva por nome Ubume, e que propiciará un encontro entre a música da shakuhachi (frauta xaponesa que tocan os monxes budistas) e a danza contemporánea experimental. O shakuhachi tocarao Cesar Viana e a danza correrá a cargo de Luz Arcas, unha das referencias na danza contemporánea actual. Ubume será especial tamén polo lugar no que se desenvolverá, a Igrexa das Capuchinas, un lugar que ademais de ter un incalculable valor histórico e patrimonial, ten a honra de ser o primeiro templo no que se estableceu unha misa fixa en idioma galego no ano 1966.

Outro momento a ter en conta nesta edición será o sábado 11 de maio ás 20h na Domus, no concerto titulado Gran Torso, que pretende dar a voz a todo o talento de xente nova de aquí que tivo que saír fóra do país para desenvolver a súa faceta na música. “Tanto en Galicia como en toda España temos moito talento fuxido, mozas e mozos brillantes que actualmente están traballando como interpretes nas mellores formacións de música contemporánea de toda Europa”, explica Ramón Otero, director musical do Resis. Todo este “talento fuxido” reunirase neste evento. Hugo Gomez-Chao que será o director, e tamén é o director artístico do festival, resalta a dificultade do concerto: “Todas as obras deste concerto son tecnicamente moi complexas, con varias pezas que nunca se interpretaron en Galicia e haberá tamén unha estrea absoluta”.

Cartel do concerto do próximo 11 de maio. © RESIS

Dentro de todas as propostas destaca tamén pola súa singularidade a que acontecerá o día 1 de xuño no Museo de Belas Artes. O festival invitou a dous compositores galegos de sona, o noiés Haché Costa e o mosense Jacobo Gaspar, a crear obras inspiradas en esculturas do propio múseo. Polo tanto, falamos de dúas estreas absolutas que se poderán desfrutar ese día.

E é que o apoio ao talento máis novo de Galicia será outra vez unha das razóns de ser do Resis. “Este ano tamén incorporamos un proxecto educativo da man do conservatorio de Vigo no que se seleccionará unha obra do alumnado de Composición para a súa estrea no Resis do ano 2020", explica Ramón Otero.

O Resis é un festival de música pero nel tamén haberá espazo para a performance, o audiovisual, conferencias, e incluso a presenza de tres cociñeiros que farán de ponte entre a cociña e a música. Este 3 de maio os protagonistas serán Luis Veira do Restaurante Árbore da Veira e Alvaro Victoriano do Restaurante Peculiar, e o 18 de maio tocaralle a Xoán Crujeiras do Restaurante Bido. Na primeira quenda, este sábado, tamén comeza a video instalación Todo está ordenado de Begoña M. Santiago, que estará ata o día 30 na Normal e que supón unha experiencia entre o cine experimental e a arte dixital.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.