Nós dicimos que si, e se é así é porque Verto é dun dos grupos que mellor se manexa en internet co seu fandom. O segredo? Ser riquiños e auténticos, contestar e seguir a todo o mundo de volta, facer RTs… e facer temazos, claro.
O ano 2020 vai ser recordado por algún que outro acontecemento global pero sobre todo pola irrupción dun fenómeno sen precedentes para a música en galego: o fandom de Verto. Este dúo formado por Berto Mira e Fer Peleteiro, conquistou en menos dun ano, coa aparición do seu EP Puro Ocio e de hits como "Rebolando por ti", "Oie Gayego" ou "Algo que non sexa" os corazóns de centos de fans que se manifestan na rede dun xeito sincero, intenso e moi afectuoso.
A Verto a fama pillounos de sorpresa. Empezaron a sacar cancións «para que as escoitasen os nosos colegas, rollo mira o que sabermos facer. E de súpeto atopámonos con todo o percal», explica Berto, a metade deste dúo cuxo ‘percal’ é ter centos de seguidores que os stannean con orgullo nas redes, especialmente en Twitter e Instagram. Pero tamén os chegan a parar pola rúa ou agardan o que faga falta despois dos concertos para pedirlles unha foto ou un autógrafo.
Foi esta resposta dos fans o que os motivou a seguir creando, e a tomalo máis en serio. «Para nós agora mesmo é un traballo, entre ensaiar, gravar e falar de cousas de negocios, encargar camisolas, cerrar un concerto…» e levar as redes, claro. Desde hai pouco tempo teñen un representante que lles leva as contratacións, pero a condición que puxeron foi levar eles mesmos as redes para ter un contacto directo e persoal co seu público. Todo este traballo non lles impide continuar coa súa carreira de Medicina, que os dous estudan en Santiago: «Fer e eu somos persoas bastante organizadas coa carreira e non nos supuxo ningún problema, penso que ao contrario, aprendemos a optimizar mellor o tempo», explica Berto.
«Nós seguimos de volta a xente que nos segue e iso é raro nun grupo de música. O que máis une a peña en Twitter a nós é que temos un rollo moi normalizador e non imos de guais. Se alguén di que lle mola unha canción nós agradecémolo porque é o mínimo».
Dos máis de 4.000 seguidores que teñen en Twitter pode que máis da metade chegasen cando se fixo viral a súa actuación en Luar cantando "Oie Gayego". Para Berto «foi un punto de inflexión porque nos deu a coñecer a un público máis amplo, de fóra de Santiago. Como se fixo moi viral moita xente coñeceu o noso proxecto grazas a esa canción, que ao final non ten moito que ver co noso proxecto en xeral, pero trouxo a esa xente e aí quedou».
Isto sucedeu en xaneiro deste ano pero xa un mes antes empezaron a ser conscientes da súa pegada na xente con “Algo que non sexa”, unha canción estrearon co Pack de Nadal de 2019. «Foi quizais o noso primeiro viral, co verso de Fer que é así como un poema medio recitado; a peña empezou a subilo e a dicir que lle gustaba, poñíase moi intensa, como bua encántame, estou chorando, e para nós foi así o primeiro shock», comenta Berto, que engade «penso que a peña que nos segue é moi intensa, moi emocional. Ou polo menos a máis fan parece que queda coas cancións máis íntimas, as menos obvias». Tanto é así que en Twitter apareceron varias covers.
Aínda que en Instagram teñen máis seguidores (superan os cinco mil), en Twitter é onde o seu fandom se mostra máis activo, e Berto apunta algunhas claves: «Nós seguimos de volta a xente que nos segue e iso é raro nun grupo de música. O que máis une a peña en Twitter a nós é que temos un rollo moi normalizador e non imos de guais. Se alguén di que lle mola unha canción nós agradecémolo porque é o mínimo. Entón créase un lazo distinto, non tes ese enigma dunha banda que pasa dos fans. O noso grupo é máis familiar, como se fosemos teus irmáns».
Este contacto directo permítelles coñecer ben os seus fans, aínda que tampouco se atreverían a facer un retrato robot da persoa media que os segue: «Resultaríame raro facer unha descrición, pero paréceme peña intensa e en xeral bastante decente, moi normal e superpancha, que simplemente queren agradecer a música que lles mola, e iso para min é moi bonito”, recalca.
Do que si son conscientes é de que co seu pop con influencias de artistas como Drake son quen de atraer a un público novo para a música en galego: novo de idade pero tamén de novidade «porque é xente que non está moi metida non rollo da música en galego, e nós buscabamos un pouco iso desde o principio, gustarlle á xente con independencia da lingua que fale, facer música que cunde e xa está”. Algo que non se debe só a eles, di, senón a unha escena que no último ano ofrece música actual e diversa na nosa lingua da man de Baiuca ou Boyanka Kostova, entre outros, que canda Berto están no top de escoitas de Spotify en Galicia. «Hai moita música do panorama galego moi fresca, e máis que virá nos vindeiros meses con proxectos novos que están saíndo, estade atentos”, indica Berto.
«O nome de Verto estaba collido nas redes, puxemos medio de cola “Vertotemazos” e agora hai xente que xa nos chama así: Verto Temazos. É un pouco raro»
Ten ademais claro é que os seguidores son os seus maiores publicistas, cando non directamente axentes de contratación. A finais do verán, despois dos dous primeiros concertos de Verto no Gaiás e nas festas de Pontevedra, varios fans de Ponteareas empezaron a chiar pedíndolle ao concello que os trouxese para as festas dos Remedios. E, como din eles, fíxose a maxia.
A partir desatouse a loucura e no twitter hai peticións para levar a Berto a tocar a ducias de localidades, de Galicia e de fóra.
A fin de semana que vén estarán na Semana Cultural do San Froilán en Lugo e xa esgotaron as entradas o primeiro día. Se non fose ano de pandemia Verto había ser un dos grupos que máis prazas enchese esta temporada, pero tiveron a mala sorte de sacar o seu EP Puro Ocio o 11 de marzo do 2020, de xeito que «aínda nunca demos un concerto normal». Para eles por agora o normal é ter a xente sentada, mais non importa, sempre se pode bailar coas pernas no aire.
Un dos concertos máis demandados pola xente é para que toquen no campus da USC, e ese é o bolo que a Fer e a Berto máis ilusión lles faría, porque en Santiago é onde estudan, onde se coñeceron, onde empezaron a facer cancións e onde estas empezaron a soar en bares coma o Pozo, o Flows ou o Avante. Cónstalles que na USC pediron o seu contacto para chamalos, pero o contacto non se produciu aínda. Berto entende que o ambiente está agora complicado pola covid e é unha mágoa: «se fas un concerto con todas as medidas de seguridade non vai haber un gromo, dá moita pena que o primeiro que se cancela sexa a cultura».
Mais non teñen présa e mentres non poden tocar en directo todo o que lles gustaría preparan novos temas: «Agora imos sacar dúas cancions así máis reguetoneras e logo imos facer un cambio que lle gustará moito á xente. Que sexan pacientes, que veñen cousas moi guapas, colaboracións, un LP para 2021 e oxalá poidamos dar moitos concertos o verán que vén», avanza Berto. Para este inverno están ben provistos: teñen internet, unha chea de fans que os adoran e material físico que ofrecerlles, como as camisolas que acaban de poñer á venda, en dous modelos: o seu logo, feito, por Cuchiflainas, e unha nova da canción “Algo que non sexa”. En menos de 24 horas xa había varios talles esgotados.
Tamén lles gustaría facer algún directo por internet, e pode que xurda a posibilidade en breve. A súa única experiencia ata agora foi este que fixo Berto desde a súa casa cando fora o festival Son da casa en pleno confinamento. Moi íntimo, si, pero chegou a xuntar 400 persoas.
Teñen fans, camisolas, temazos -«o nome de Verto estaba collido nas redes, puxemos medio de cola “Vertotemazos” e agora hai xente que xa nos chama así: Verto Temazos. É un pouco raro», ri Berto- e ata un bot en Twitter que chía cada certo tempo versos das súas cancións. «Son cousas que non entendemos» -Berto continúa a rir-, «non teño nin idea de quen o fixo. Eu quedei un pouco flipado, pero xa o normalizamos, de feito ás veces cando se equivoca coa letra eu putéoo e dígolle que o imos despedir. Normalizamos moi axiña que houbese un bot coas nosas letras. Normalízaste cousas moi raras con este grupo».