Residencias literarias. Sobre o tempo de escritura e a precariedade do sistema literario

As residencias literarias brindan a oportunidade de coñecer novos lugares, desenvolver a creatividade e ter tempo para escribir, mais evidencian as carencias dun sistema literario no que é moi difícil ser escritor 24 horas ao día.

Un espazo cheo de recursos, un sitio de produción e un lugar onde tomarlle o pulso á creatividade. O que acontece alí dentro ten que ver co outro ritmo das letras e do quefacer cultural cotián que se detén nos procesos de escritura persoais, en novelas e poemarios cociñados a lume lento e no fluxo de experiencias que se moven tecendo redes entre elas. Nas residencias literarias imponse a non présa, a non xerarquía. Un tipo de proxecto que aporta o valor simbólico de estar situadas nunha nova realidade, acceder ao radar dun contexto na súa base, dentro e fóra das marxes.

Ao longo da historia fiouse unha relación única, case mística, entre unha escritora e o espazo onde realiza o seu traballo.«Unha residencia literaria é un lugar no que te afastas dos espazos tan terriblemente connotados aos que estás afeita. É unha tabula rasa na que non tes pasado. Es ti a que tes que escribir ese vínculo con ese espazo, con ese novo contexto», explica a poeta Yolanda Castaño, a escritora galega con máis experiencia neste tipo de residencias. 

«Es ti a que tes que escribir ese vínculo con ese espazo». Yolanda Castaño

Xa pasou máis dunha década dende que Castaño comezou a súa andaina por este tipo de iniciativas. A illa grega de Rodas e un recuncho ás aforas de Múnich foron os seus primeiros destinos, unhas vivencias que mudaron por completo o seu xeito de entender o ecosistema literario. «Esas primeiras veces quedoume tan clara e tan contundente a importancia, a relevancia, a significación do que isto significaba que desexei algo así para o noso país. Eu entendín un cambio de paradigma a respecto ao apoio da creación literaria», sinala. 

Yolanda Castaño durante unha residencia literaria en California o pasado mes de agosto. © Cedida

O espazo físico é un recurso chave nas residencias literarias, mais son moitos os xeitos de entender que isto significa. Algúns pasan polo concepto tradicional de facilitar lugares e manutención para que os creadores poidan realizar o seu labor durante longos períodos de tempo nun lugar específico, pero tamén adoptan outras formas máis flexibles, que saen dese ámbito e que consisten en poñer en común os proxectos e facer talleres formativos, como a Residencia Literaria Cidade da Cultura dirixida polo escritor coruñés Javier Peña.

«É moi de espirse diante dos outros e tamén é moi xeneroso dar ideas que ti poderías utilizar para outra novela. É un pouco un intercambio, eu douche está idea e eu recibo outras ideas, suponse que esa novela vai crecendo e medrando na nosa cabeza. Eu sempre digo que saio moito mellor escritor desas residencias do que chego», destaca Peña. Unha busca de traballo en grupo, unha especie de experimento no que, a través das actividades, uns se abren fronte aos outros. Así é como define o escritor o traballo que realizan.

«Saio moito mellor escritor desas residencias do que chego». Javier Peña

Mais non todas as residencias literarias transcorren nun mesmo sitio, nun espazo pechado. O camiño de Santiago é o espazo no que ten lugar a residencia itinerante Ameto Mítico, un proxecto impulsado pola Fundación Uxío Novoneyra. A poeta e tradutora Tamara Andrés, unhas das seis participantes da terceira edición celebrada o pasado setembro, destaca que, a pesar de ter pouco tempo para escribir, existía unha comunicación poética entre todos moi forte. «Éextremadamente intensa a todos os niveis. Está o corpo canso de andar todo o tempo, estamos tamén alterados de ter tantos estímulos todo o tempo porque hai paisaxe moi rica e tamén paisaxe que vai cambiando todo o tempo, e despois é o contacto permanente entre nós: moitas conversas, moi íntimas», describe Andrés.

Tamara Andrés xunto ás súas compañeiras de Ameto Mítico. © Cedida

Pese a que no imaxinario colectivo os procesos de escritura son extremadamente solitarios, as residencias serven como punto de encontro, algo que tamén pode servir para sentirse acompañado. Sobre ese traballo de acompañamento persoal e de escoita fala Jesús Castro, que pasou pola primeira edición da residencia celebrada no Gaiás: «Sendo como é a construción dunha novela un proceso solitario e demorado (sobre todo para alguén que traballa con unidades literarias máis compactas e de extensión curta), é moi gratificante a sensación de compaña e entendemento que proporciona un obradoiro no que case se diría que estás escribindo a vinte mans. Ou a vinte e dúas, concretamente, porque o labor de Javier Peña é exhaustivo e dedícalles moito tempo a todos os proxectos», conta Castro.

«Paso o tempo nos talleres de impresión ou de pintura, por curiosidade e por aprender procesos distintos dos meus». Jesús Castro

O mundo literario actual está a afacerse á popularización do sistema escritor en residencia, tratando de fortalecer o traballo colaborativo e procesual, o intercambio con outros axentes e disciplinas. «Cando non estou co caderno e co ordenador, paso o tempo nos talleres de impresión ou de pintura, por curiosidade e por aprender procesos distintos dos meus. A mesa da cociña, como é natural, supón tamén aquí ese lugar de encontro e de socialización», explica Castro, que no momento desta entrevista atópase a realizar unha residencia artística no Tyrone Guthrie Centre en Annaghmakerrig(Irlanda), a través dun dos proxectos impulsados por Castaño. 

Jesús Castro xunto a un dos espazos da residencia Tyrone Guthrie Centre. © Cedida

A relación entre disciplinas vai máis aló no caso de Tamara Andrés. A de Combarro ve na mestura entre artes un xeito de explorar a poesía. As súas redes durante o Ameto Mítico foron mostra disto, xa que creou un fío de imaxes na súa conta de Twitter (@TamaraAndres_) no que cada día subía catro fotos tomadas durante esa xornada. «A fotografía é unha linguaxe que levo tempo a explorar. Agora xa descubrín que o que me gusta é o analóxico, pola textura, e iso tamén o levo á palabra», explica Tamara. Un dos seus obxectivos é facer un poemario fotográfico a partir do vivido durante esta experiencia.

Fotografías analóxicas tomadas por Tamara Andrés durante Ameto Mítico. © Cedida

Malia os puntos positivos das residencias literarias, todas as entrevistadas para esta reportaxe coinciden en que detrás das residencias literarias tamén se atopa, en numerosas ocasións, unha fonda situación de precariedade que existe no eido da literatura. Ás propias dificultades intrínsecas á concepción e execución da obra, xa sexa unha novela, un poemario ou calquera outra cousa, únense moitas veces as prosaicas e nada artísticas condicións materiais do día a día. Un lugar de traballo con ruídos, a precariedade económica ou as simples distraccións cotiás poden ser un lastre para levar a bo porto a culminación dun traballo.

As residencias supoñen oportunidades para deixar atrás todo o superfluo e centrarse no proxecto que se traia entre mans. Casos con certas semellanzas son os de Jesús Castro e Tamara Andrés: con outros traballos no seu día a día, as residencias supoñen unha paréntese na que poderen ser escritores 24 horas ao día. «Para min, que son unha persoa de ritmos moi lentos, contar cun espazo e un tempo só para a escritura supuxo a posibilidade de traballar no texto dun xeito moito máis eficaz, intenso e despreocupado», aclara Castro. «Eu sempre escribo no meu tempo de descanso ou no meu tempo de ocio. Aquí faise máis evidente porque teño que pedir uns días de vacacións para este proxecto en específico, pero supoño que todo isto deriva dunha non profesionalización da literatura neste contexto», engade Andrés. 

«Eu sempre escribo no me tempo de descanso ou no meu tempo de ocio. Aquí faise máis evidente porque teño que pedir uns días de vacacións». Tamara Andrés.

Unha situación de precariedade xeneralizada na que Javier Peña tamén fai fincapé. A el gustaríalle que a Residencia da Cidade da Cultura tivese unha duración máis longa, pero é plenamente consciente de que isto imposibilitaría a participación de moita xente que utiliza o seu tempo de descanso para acudir a ela. Un esforzo persoal que, en moitas ocasións, supón tempo de estar coa familia, os amigos ou simplemente de lecer. 

Javier Peña ao carón de Marta Sanz, invitada da segunda edición da Residencia Cidade da Cultura. © Cedida

Dada a precariedade do sistema e a falta de iniciativas en Galicia naquel momento, Yolanda Castaño lanzouse en 2019 á creación da súa propia residencia, Residencia 1863, situada en pleno centro da Coruña . «Non habendo axudas á creación de longo alcance, unha residencia polo menos significa esa bolsa de osíxeno, esa paréntese concentrada, na que durante un tempo limitado e intensivo podemos darlle o impulso definitivo á novela, avanzar nun poemario, e facer o que non podemos sacar adiante nun ano de traballo na nosa casa», conta a poeta. Un traballo que achega a creadores doutros lugares a Galicia e que, nos últimos tempos, brinda a oportunidade a escritores galegos de vivir experiencias no exterior. 

Un lugar de traballo e inspiración, unha oportunidade de coñecer os procesos doutros e unha experiencia que permite ser escritora 24 horas ao día. As residencias literarias son, na maior parte de veces, unha paréntese na vida daqueles que escriben e que non poden dedicarlle todo o seu tempo. A cara A dunha moeda que evidencia a necesidade da revisión do sistema literario e a falta de profesionalización e de boas condicións.

 

Belén Teiga

Belén Teiga

Xornalista, convencida de que hai outro xeito de contar as cousas. Arredor das letras e a cultura. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.