Esta cineasta viguesa marchou a Londres no 2008 para perseguir o seu soño, estudar cinema. Despois de moito empeño e perseverancia, e xa cun pé de volta na terra, esta semana presenta un dos seus proxectos en Los Ángeles. Falamos con ela sobre este logro, os seus traballos e referentes audiovisuais, o dó migratorio e o proceso emocional do retorno.
De pequena Adriana soñaba con ser xornalista, mais no momento de dar o salto á universidade os seus plans mudaron. Corría o ano 2003 e acabábase de implantar en Santiago de Compostela a titulación de Comunicación Audiovisual. Decidiu probar sorte e, como ela mesma afirma, “foi unha das mellores decisións da miña vida”. O visionado dunha película de Almodóvar, La mala educación, sería revelador para o seu futuro profesional. “Pensei: eu quero facer cousas así”, recorda. Perseguindo a súa ilusión, no 2008, xa recén licenciada e antes de cumprir os 24 anos, decidiu marchar á capital do Reino Unido para cursar un máster na London Film School, porque “quería saber en que consistía iso de facer cine”. Desde aquel momento non cesou no seu empeño de vivir por e para o audiovisual, traballou especialmente en produción e conta con experiencia en montaxe e como asistente de cámara.
Durante os seus anos como londoner fundou o Galicia Film Forum, todo un referente para os galegos en Londres; e explorou a súa faceta de directora plasmando nos seus traballos a súa especial predilección "polas historias persoais e as relacións humanas". Como proxecto de graduación do máster realizou a súa primeira curta, Illa Pedra (2010) coa que gañou dous premios no Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), e que se converteu na primeira curta en galego con audiodescrición para persoas invidentes. Esta curta está inspirada no poemario Dende Illa peixe de Lara Dopazo, coa que colaboraría tamén na gravación de dous videopoemas, A necesidade do outro e Ovella (Premio Francisco Añón 2015).
En Galicia. Portobello-Road (2015), a súa segunda curta, volveu tratar un tema xa recorrente para ela, a emigración, a través dunhas protagonistas femininas. Actualmente, coa idea de despedirse definitivamente de Londres, planea futuros traballos mentres recolle os froitos do seu Experimento la más fuerte, primeiro proxecto realizado dentro do seu doutoramento en práctica documental de xénero na Universidade Royal Holloway de Londres. Un traballo que o pasado outubro formou parte da primeira edición do Split Videoart Festival, en Croacia, e que ata o 2 de xaneiro estará en Los Ángeles dentro do programa do The Film & Video Poetry Society Symposium.
O `Experimento La más fuerte´
Centrada na exploración do proceso creativo da actriz, Adriana embarcouse no proxecto Experimento La más fuerte. Baseouse no texto A máis forte, de August Strindberg (1889), un monólogo no que unha muller casada diríxese á amante do seu marido. Por un lado, pretendía “explorar como un mesmo texto se leva a pantalla de maneira diferente dependendo do proceso creativo do director e da actriz, e en que maneira esas personaxes creadas reflicten ou non estereotipos patriarcais”. Por outro lado, quería investigar como a presenza do documentalista lle afectaba á gravación. “Organicei e gravei a tres equipos de director-actriz e ocupei tres roles diferentes en cada equipo. Co equipo A involucreime desde detrás da cámara, co equipo B mantívenme á marxe e co equipo C fun eu mesma a directora da curta, sendo así o suxeito detrás e diante das cámaras”, explica. O resultado foron tres curtas e un vídeo ensaio no que se reflexiona sobre o experimento mesturando “material gravado durante o proceso creativo de cada equipa e escenas das curtas”.
A cineasta amósase moi contenta co resultado e co interese que está a xerar o seu proxecto en diferentes festivais. As curtas do experimento, de forma independente, xa recibiron algún que outro galardón como o premio á mellor actriz de monólogo para Montserrat Roig de Puig no Avalonia Festival 2020 (Florida). Ademais faille especial ilusión que o experimento ao completo se poida ver en Los Ángeles nunha videoinstalación con 4 pantallas: “aínda que cada curta ten sentido por si mesma, o experimento adquire maior dimensión cando as catro obras se poden ver en conxunto”. Adriana lamenta non poder acudir ao evento por mor da Covid-19: “gustaríame estar alí para ver como é visualmente, como funciona, porque unha das cousas interesantes das videoinstalacións é como o público interactúa coa obra”.
De Almodóvar a Varda
Cando fala de cine non dubida en amosar a súa admiración por grandes directores como Almodóvar ou o hongkonés Won Kar-Wai, do que destaca “os seus xogos cos silencios e os seus planos que transmiten tanto”. Tamén é fan do cinema Dogma 95, “en especial das películas do director Thomas Vinterberg”. Admite que estes son referentes constantes na súa traxectoria, que sempre estarán aí, pero que agora ocupan un segundo plano. A raíz do seu doutoramento atópase inmersa no universo do documental, no que está facendo novos descubrimentos que lle serven de inspiración para o seu traballo. Neste ámbito destaca a directoras como Naomi Kawase, Chantal Akerman e Agnès Varda: “gústanme moito porque exploran as súas vidas persoais a través doutras persoas, algo que estou investigando eu agora”. Tampouco se esquece de citar como fonte de inspiración a xornalista e directora Margarita Ledo.
Dúas constantes: a emigración e o universo femenino
A emigración e o tema do retorno a Galicia é algo moi presente nos seus traballos. Ela mesma afirma que “rodar as miñas curtametraxes foi unha maneira de explorar a morriña”. Nestes dous traballos, Illa Pedra (2010) e Galicia.Portobello Road (2015), Adriana revela un interese cara a un cinema intimista, de linguaxe persoal e na que as voces femininas son as protagonistas. Coa perspectiva que dá o paso do tempo revisa a súa obras e queda sorprendida, especialmente con Illa Pedra, na que a distancia pon terra de por medio entre dúas amigas inseparables. “O curioso desta curta é que nela plasmei cousas que non sentía no momento no que foi rodada. Por aquelas datas eu acababa de estudar o mestrado na escola de cine e tiña a vida de estudante en Londres, aínda non me enfrentara ao panorama laboral, non tiña moitos problemas e botaba de menos Galicia, pero non da maneira que o fixen co paso do tempo”. Pola súa banda, en Galicia.Portobello Road explora a idea do retorno a Galicia e a relación entre unha nai e unha filla, que deberán aprender a entenderse como as mulleres que son, máis aló dos lazos familiares. “Esta curta xorde nun momento da miña vida no que empecei a ver a miña nai como muller, non simplemente como a miña proxenitora. A isto sumouse a miña fascinación pola pegada que deixou a comunidade española, en concreto a galega, que emigrou a Londres décadas atrás. Sobre todo interesáronme os vínculos que estableceron con esa zona concreta da cidade, Portobello Road”.
Galicia Film Forum
Páramo destaca a importancia dos colectivos galegos en Londres. Existen “pola necesidade e o desexo” de xuntarse e de crear comunidade. “Eu creo que me volvín máis galega cando saín de Galicia (risas), como que es máis consciente de de onde ves, do teu sentido de pertenza a unha determinada cultura”. O grupo de Facebook Galegos morriñentos en Londres é un dos máis coñecidos, aínda que tamén están Troula (@troulalondon), A Caramiña ou Oxford Pandeireteiras, entre outras. Para aglutinalos a todos apareceu a asociación Rede Galega en UK (REGA-UK), que se presentou oficialmente o 13 de maio do 2018, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas en Londres. A directora forma parte desta rede de colectivos gracias ao Galicia Film Forum, asociación sen ánimo de lucro que fundou no 2015 xunto con outros compañeiros e que naceu da necesidade de querer ver cinema galego fóra de Galicia. Co paso do tempo o Galicia Film Forum foi adquirindo relevancia: “Pouco a pouco fómonos profesionalizando máis, conseguimos subvencións, máis medios e incluso puidemos contar coa presenza en Londres de varios directores galegos”. Para Adriana a importancia do Galicia Film Forum reside na súa esencia como lugar de encontro e de socialización, algo que este ano se perdeu debido á pandemia da Covid-19 que obligou a trasladar toda a actividade á esfera online.
O dó migratorio
Gracias ao director Javier Moreno Caballero, Adriana Páramo embarcouse no documental Entre dos tierras (2019) sobre o dó migratorio dos españois en Londres. Ela nunca escoitara falar deste termo, mais ao investigar sentiuse plenamente identificada con el. Lembra o proceso de gravación como “moi intenso”. Comezou como produtora e acabou poñéndose diante da cámara para contar a súa historia. Era a primeira vez que facía algo así e esta experiencia axudoulle a asimilar moitos dos seus sentimentos: “comecei a comprender que eu me sentía como dúas persoas, cando estaba en Galicia e cando volvía a Londres”. Aquilo xa non era somente morriña senón “unha necesidade de retornar”. Agora mesmo afírma atoparse como o título do documental de Moreno. Leva xa uns meses en Vigo pero a súa vida laboral continúa de forma virtual en Londres, traballa para unha produtora e imparte un obradoiros de cine dirixidos a nenos. Afirma que o proceso emocional do retorno é todo un tema en sí. “Ali en Londres eu renegaba moito de ser londoner e agora que estou aquí hai certas cousas que boto de menos”. Non se arrepinte da súa decisión de retornar, pero sabe que supón un esforzo adaptativo. Para os que poidan estar na súa mesma situación, aconsella aceptar o cambio e non querer volver á vida que se deixou atrás no momento de partir.
Proxectos futuros
A directora viguesa ten un par de cousas no tinteiro, en concreto dous documentais que están relacionados coa investigación de xénero na que está inmersa. O primeiro céntrase na obra de teatro Anatomía dunha serea que a actriz Iria Pinheiro creou, coa compañía de teatro Chévere, para visibilizar a violencia obstétrica. “Contactei con Iria e comecei a gravar os ensaios e o seu proceso creativo. Para min foi coma unha porta ao mundo da maternidade, a todo aquilo que non se conta, a todo o que se da por sabido, á idea érrónea que moitas veces temos do que é un parto”, explica. Comezou o proxecto hai dous anos e agora está en stand by, algo que lamenta. “Non quero deixar o meu traballo parado porque para min o documental é como un anexo da obra… traballar con Chévere e con Iria foi moi enriquecedor, gustaríame rematalo xa non só por min, senon tamén por eles e porque creo que é necesario contar este tipo de historias na pantalla e representalas de maneira realista”, asegura. O segundo documental que ten previsto realizar espera que sexa o seu proxecto de tese. Nel Adriana tamén quere explorar os tabús establecidos en torno ao concepto da maternidade, mais xa desde un punto de vista máis persoal: “a motivación para facer este documental vén de descubrir o meu desexo de ser nai, algo que nunca sentira ata hai ben pouco”.