Sabela Silva. Reivindicamos a primeira Sabela que cantou en galego

© BelaFans

Sabela Ramil é xa finalista de OT2018, despois de cantar na última gala a adaptación dun poema de Cantares Gallegos: Negro Caravel. Mais esta Sabela (1993) non é a primeira artista con ese nome que lle canta a Rosalía. Sabela Silva (1959) ata hai tres meses era a Sabela cantante que todos coñeciamos. Para que non caia no esquecemento ante a irrupción da nova ídola, repasamos os mellores momentos desta icona do pop enxebre que se reinventou máis veces que Madonna. 

Descuberta nos anos 80 por Manolo Muñiz, o creador da Orquestra Compostela, Sabela, nacida en Boqueixón ao pé do Pico Sacro, é “a diva da música galega” (como proclama o seu club de fans en Facebook) que máis tempo leva en activo. Da música popular de verbena foi evolucionando cara á música lixeira con toques disco e latinos, sen perder nunca a vocación de ser unha das grandes cantantes do noso país. E se na súa primeira casete, con a penas vinte anos, saía vestida ‘de galega’, con pano e tapada ata o pescozo, co paso do tempo foi tendendo aos escotes, os shorts e as minisaias, como a artista pop que en realidade quería ser. 

Agora vive en Asturias mais non abandona os escenarios e podemos vela de cando en vez nos programas da TVG cantando vellos éxitos como Miña Galicia ou Galego Mix

Vexamos a súa evolución a través das portadas da súa discografía, recuperadas pola páxina de Facebook Sabela BelaFans:  

A Madonna do Pico Sacro

Agora que coñecemos a  discografía e a evolución estética de Sabela, imos poñer unha selección de vídeos do Youtube para que as novas xeracións comprendan a dimensión musical e escénica dunha das nosas cantantes máis icónicas. 

Sabela versionou a Abba antes de que o fixese Madonna:  

En 2012 gravou para a tele esta impactante peza audiovisual, algo parecido a un videoclip na muralla de Lugo: 

Velaquí o seu popurrí máis clásico, Galego Mix, nunha das súas moitas actuacións en Luar:

Mais o noso tema favorito, todo un himno para a redacción de VINTE, é  Miña Galicia. Sabela foi a primeira cantante galega en levar ao escenario unha parella de boys.

A diva de Instagram

Por se a súa traxectoria non fose abondo para que vos fagades fans desta Sabela, queridos, millennials, que saibades que tamén anda polo Instagram. Na súa conta Sabela_oficial (chegas tarde, Sabela Ramil) podemos vela nas súas tres facetas principais: enriba do escenario, dándolle duro no ximnasio e gozando da boa vida. 

View this post on Instagram

Como cuesta los lunes 💪😘😘😘❤️❤️

A post shared by Sabela Silva (@sabela_oficial) on

Ir ao ximnasio é fundamental para poder presumir de corpo nestas fotos artísticas do Insta. 

Mais iso non quita de beberlle un bo viño de cando en vez gozando da compaña dun bo amigo:

View this post on Instagram

Un buen Ribeiro un buen amigo 😘😘😘❤️❤️

A post shared by Sabela Silva (@sabela_oficial) on

En fin, en VINTE fomos, somos e seremos sempre fans desta Sabela. A das Pontes non o terá tan fácil á hora de destronar a deusa do Pico Sacro. Do mesmo xeito que  Rosalía Vila, a quen admiramos moito, aínda lle faltan uns poucos colacaos para poder competir coa Rosalía de Padrón. 

E como somos fans, e seguro que agora vós xa tamén, aquí un baile que nos dedica con agarimo. Xa sabedes a coreografía de Miña Galicia

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.