Lucía Abarrategui e Sergio Pascual forman Laboratorio de Radio, un proxecto profesional de xornalismo e educación que buscar usar a radio como ferramenta social. Deles xurdiu a idea de NALINGUA, unha serie de podcasts e pezas xornalísticas que exploran 5 obras clave da literatura galega. Ou polo menos cinco das obras que máis lle gustaron a Sergio, un neofalante procedente de Valladolid a quen non lle pon medo locutar un podcast en galego, e ademais faino moi ben.
Foto: Xabier Martínez
Que fai un de Valladolid conducindo un podcast sobre libros en galego?
Sergio: Sempre me gustou moito o galego. Lembro que xa na carreira tiña un colega de Ourense que dicía “vou coller un pau” e entón xa pensaba: "o galego mola". Cheguei a Galicia hai sete anos e tiña claro que quería que o meu proceso de adaptación fose total e aprendín o galego. Un elemento máis que completa a miña historia de amor co galego é que teño antepasados na zona de Leiro e na de Monforte. O dos libros vén de lonxe. Encántame a literatura, de feito xa fixen un podcast de literatura na miña terra, e a verdade é que esta era unha xenial oportunidade para aprender tanto da literatura como da lingua galega.
Que buscades con este proxecto?
Lucía: Queremos tirar os complexos que hai en relación á lingua. Se un de Valladolid fala e valora o galego, por que as demais non iamos facelo? É un xeito de animar a ler, pensar, falar en galego superando a "censura", ou mesmo "autocensura" de non ser, en moitos casos, lingua materna. Xa sexa porque na casa non o escoitamos ou porque na escola o propio contexto nos empurrou a falar outra lingua, o galego é patrimonio, é noso e ao mesmo tempo non ten dono. É un dereito precioso podermos ler, aprender, compartir nesta lingua porque nos peta e sen que nos xulguen ou nos dean leccións en relación a isto.
Sergio: Eu nos primeiros meses tiña moito medo de meter a zoca coa lingua pero acabou por darme igual e falei; falei sen me importar o que puidesen pensar do meu incipiente galego. Cando facemos radio nas escolas penso que é unha sorte nacer con dúas linguas e cando vexo que alguén ten medo a falar ou escribir por non saber facelo ben, penso no importante que é a radio e outro tipo de ferramentas porque precisamente a práctica fai que tiremos todos eses medos e aprender é un proceso. Se eu non me tivese atrevido a experimentar co galego hoxe non podería crear este podcast, malia que continúo a ter erros como penso que ten moita xente de Galicia, pero que iso non nos desanime, todo é practicar. Cando eu meto a zoca hai xente que me cuestiona e outra que me anima e me felicita, prefiro a segunda versión e é o que nós facemos co noso alumnado.
Lucía: Queremos tamén falar da literatura sen complexos nin academicismos. Ás veces non hai como que nos valoren desde fóra para tomar consciencia e conciencia da importancia que ten o galego e a boa literatura que temos.
“Eu nos primeiros meses tiña moito medo de meter a zoca coa lingua pero acabou por darme igual e falei; falei sen me importar o que puideran pensar do meu incipiente galego”.
En que vai consistir NALINGUA?
Sergio: A idea de NALINGUA é que sexa unha viaxe pola alma literaria, pero tamén sentimental e social, de Galicia. E iso ímolo facer a través dos cinco episodios de podcast (O misterio dos fillos de Lúa, A Esmorga, Anagnórise, Luns e Memorias dun neno labrego) e de cinco pezas escritas. Queremos que sexa un traxecto ameno, diferente e que trate de perfilar aquilo que intuimos pero non verbalizamos: por qué somos como somos. Todo desde o humilde punto de vista dun valisoletano, galego de adopción. Cómpre dicir que temos a sorte de contar no podcast coa música, feita expresamente para NALINGUA, de Sabela Caamaño, Antía Ameixeiras, Pedro Pascual e o rap de David Brea.
Lucía: Por unha banda, os podcasts son os latexos da incursión de Sergio na literatura galega. Reflexións desde unha ollada rápida e curiosa. Doutro lado, están as reportaxes, ou máis ben as pezas, porque exploramos diferentes formas narrativas, que nacen dalgún dos aspectos que nos chamaron a atención ao ler as diferentes obras. Cada libro funciona como chave para acceder a temas periféricos ou centrais desta escolma literaria. Por exemplo, unha conversa con Fina Casalderrey para explorar o impacto que lle supuxo a ela, e a toda unha xeración, o éxito de O misterio dos fillos de Lúa. Tamén abordamos a supervivencia das feiras en Galicia, a partir dunha reflexión de María Victoria Moreno en Anagnórise; a visión psicolóxica do cancro a propósito de Luns, de Eli Ríos; un roteiro literario pola Ourense actual e a Auria de Blanco Amor e a emocionante historia dun neno labrego que compartiu vivencias con Neira Vilas.
Con que criterio elixistes os libros dos que ides falar?
Sergio: O criterio foi a lóxica dunha persoa que acaba de chegar á literatura galega e quere recuperar lecturas que non tivo e que sexan a base para seguir aprendendo. Por iso hai libros para a infancia, para a mocidade e tamén para a madurez. É certo que tiven a sorte de coñecer moitos autores e autoras a través de experiencias de radio vencelladas á literatura galega que desenvolvemos co noso proxecto, Laboratorio de Radio. De feito, fiquei abraiado coa historia de María Victoria Moreno, unha extremeña que converteu o galego na súa lingua de escrita e fala e que escribiu obras tan fermosas como Anágnorise ou Mar adiante, entre outras. Había obras imprescindibles como A esmorga ou Memorias dun neno labrego e tamén grandes descubrimentos como Luns, de Eli Ríos.
Lucía: Unha das obras que vai formar parte de NALINGUA é O misterio dos fillos de Lúa. Para min, foi un libro co que gocei moito de nena e que, coido, deixou pegada en toda unha xeración. Canto lle debemos a autoras como Casalderrey! Sergio ficou interesado polo libro, deixeillo e daquela recomendación agromou a idea deste proxecto.
Sergio: É verdade, foi un comezo tímido que me levou a outras lecturas. Cheguei con trinta anos a esta obra e goceina coma se tivese oito. É certo iso que din de que os bos libros rexuvenecen.
“É unha mágoa que a lectura teña que ser obrigatoria porque cando descobres o que pode achegar a nivel emocional e formativo, entendes que o que era obriga é un absoluto pracer.”
Na súa maioría son libros que se adoitan poñer como lecturas obrigadas no ensino. Que lle diriades a quen queira lelos voluntariamente?
Sergio: Si, é certo. É unha mágoa que a lectura teña que ser obrigatoria porque cando descobres o que pode achegar a nivel emocional e formativo, entendes que o que era obriga é un absoluto pracer.
Lucía: Eu diríalle que lle dea unha oportunidade aos podcasts pois, cunha breve escoita, podemos ter unha visión "allea" das marabillosas oportunidades que temos no ensino, pero tamén fóra del, para achegarnos á nosa literatura. As reportaxes son espazos de reflexión, un exemplo dos roteiros polos que nos poden levar as lecturas, sempre inéditas e persoais. Podcasts e pezas escritas son complementarias pero tamén autónomas.
Desde fóra, como vedes o estado da literatura galega? E da súa recepción?
Lucía: Podemos afirmar sen dubidar que a literatura galega está, e sempre estivo, chea de talentos. A isto hai que engadir que actualmente podemos escoller entre unha gran variedade de sensibilidades, temas e formas de contar en todos os xéneros. Temos autoras como Berta Dávila, Eli Ríos, Fina Casalderrey, Pilar Pallarés, Helena Janeiro, Ledicia Costas, Ismael Ramos, Pedro Feijoo, Francisco Castro... e o mellor e que son só exemplos porque poderiamos encher páxinas e páxinas de obras clásicas e contemporáneas de grande calidade. Penso que sería interesante estimular lecturas non obrigatorias desde a escola para amosar a grande oferta das nosas letras, tamén abrir novas vías como os audiolibros e, se cadra, ampliar as posibilidades que nos ofrece o mundo dixital.
Sergio: Desde fóra, coido que o tecido literario galego é dunha enorme calidade. Hai moitas editoriais traballando en diferentes eidos para que o galego siga a espallarse a través das letras. Ademais temos a sorte de que hai moitas obras que son traducidas ao galego. Tamén hai moitas obras en galego que espertan tal interese que son traducidas a outras linguas. Non é casualidade que grandes premios literarios dos últimos anos teñan sido outorgados a autores e autoras galegas. A atmosfera, a nivel literario, está creada e o que precisamos, entre todos nós, é empurrar as persoas escépticas a coller un libro en galego e gozar, como fixemos nós con NALINGUA, e como tanta xente fai e seguirá facendo.
“Penso que sería interesante estimular lecturas non obrigatorias desde a escola para amosar a grande oferta das nosas letras, tamén abrir novas vías como os audiolibros e, se cadra, ampliar as posibilidades que nos ofrece o mundo dixital”.
Contádenos algo máis sobre Laboratorio de Radio. Como empezastes?
Lucía: Todo empezou en 2013. Sergio mais eu coñecémonos facendo un máster de radio en Madrid. Pasamos por diferentes medios pero a precariedade é un feito na profesión. Malia todo non queriamos separarnos deste medio e decidimos emprender. Fundamos así Laboratorio de Radio, un proxecto que achega todos os beneficios da radio (didácticos, lúdicos e inclusivos) a calquera lugar e a calquera persoa. Despois chegarían os recoñecementos, que sempre dan ánimos no difícil camiño do emprendemento, e sete anos despois seguimos adiante.
Sergio: Temos a sorte de traballar en moi diferentes contextos e por toda Galicia polo que estamos moi ledos de que o Laboratorio de Radio consiga achegar esta paixón a tanta xente. Dar voz a quen habitualmente non a ten -mocidade e maiores- é a nosa misión e niso estamos. A radio para poñer en diálogo diferentes xeracións, como ferramenta para a dinamización da lingua, para a salvagarda do patrimonio inmaterial, para a inclusión de persoas en risco de exclusión social, o podcast para profundar na literatura, etc. Son moitísimos os beneficios que ten esta ferramenta a nivel sociocultural.
Que outros proxectos tedes na actualidade?
Sergio: O Laboratorio de Radio absorbe moita enerxía, tempo e ilusión. A vida de autónomos non é fácil e ademais Lucía está a desenvolver a súa tese, que ten moito que ver coa radio e a educación interxeracional, e eu, estou a desenvolver a miña na análise de discurso sobre a violencia de xénero. O noso traballo académico tamén ten unha aplicación no Laboratorio de Radio. Alén diso, en relación á produción de podcast, temos un caixón con varios proxectos.
Como valorades o panorama dos podcast en Galicia?
Lucía: Na verdade temos feito varios podcasts mais as oportunidades naceron en lingua castelá, tiñamos ofrecido algunha cousa en galego sen éxito, que está nese caixón do que falamos. Por exemplo Ondas Elementales, un podcast de curiosidades a partir dos poemas de Neruda que fixemos para Cuonda ou Cuéntame Otra, un contido sobre series que foi difundido en SpainMedia Radio. Por tanto, NALINGUA supón unha alegría para nós, a primeira posibilidade para crear podcast en galego.
Sergio: Isto vai parello ao estado do podcast en Galicia, pouco a pouco comeza a haber contidos aínda que non o ecosistema que xa está a profesionalizarse en España. En Galicia, penso, aínda estamos nesa fase amateur, que é de valorar, e que precede o agromar dunha oferta maior. É cuestión de tempo e de que as institucións e as empresas arrisquen. No caso de NALINGUA é de agradecer o apoio da Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia que fai posible que levemos adiante este proxecto. E, por suposto, o interese e a colaboración de VINTE. No panorama salientamos, por exemplo, o traballo que fan desde Londres Miguel Rodríguez e Duarte Romero no seu Té con gotas e outros que se poden atopar, por exemplo, en Podgalego. Non obstante, falta unha oferta estable.
Que outros contidos vos gustaría escoitar en galego en formato podcast?
Lucía: Cando imos aos coles a conclusión é que a xente nova non escoita a radio máis que cando vai no coche por causa de que a poñen as persoas adultas. O alumnado que escoita por iniciativa propia adoita procurar contidos musicais. Ademais descoñecen, en gran parte, o que é un podcast. Isto evidencia que reducimos, por descoñecemento e pola oferta das radios comerciais, o que é a linguaxe radiofónica e, por conseguinte, do podcast, que é moito máis que música. Isto tamén está presente na oferta de podcast actual, a maior parte son conversas informais, só utilizan a voz, horas falando con cousas que xa se contaron mil veces do mesmo xeito. Non me interesa. Encantaríame que houbese unha plataforma tipo Podium Podcast en galego cunha oferta múltiple que vaia desde as reportaxes até a ficción sonora, podcast onde se explote a riqueza da linguaxe pero supoño que todo chegará.
Sergio: Eu estou agardando por unha gran produción de ficción sonora, reportaxes tipo Radio Ambulante en galego que exploren temas da terra e de contextos onde as galegas e os galegos estades presentes (xa sei, no mundo enteiro). Podcasts que recollan patrimonio... hai tantas cousas que se poden facer e que adoraría escoitar ou, mesmo, producir!