Que din As R(h)umorosas? Sola, Doviro e Méndez levan á comedia as nosas persoeiras históricas

Ledicia Sola, Carmen Méndez e Marta Doviro son As R(h)umorosas e estréanse con este espectáculo no Encontro Mundial de Humorismo, que celebra a súa terceira edición na Coruña do 28 de abril ao 7 de maio. O seu debut será o 3 de maio ás 19.30 horas no auditorio da sede de Afundación.

 

Facer un monólogo é moi duro, así que Marta Doviro, Ledicia Sola e Carmen Méndez, amigas e colegas de profesión diante e detrás das cámaras, e dentro e fóra dos escenarios, decidiron que a experiencia compartida sería moito mellor. «Se pasa algo, está a outra para salvarte», di Carmen. «Tes unha mala función e non pasa nada porque aí están as túas compañeiras», apunta Ledicia. «E cando sae ben a celebración é sempre maior», salienta Marta. Tres mulleres de caracteres moi distintos que atoparon a virtude de complementarse e aprender unhas das outras. A comedia, mellor en equipo.

Esta unión agromou durante a pandemia, nese tempo que estivemos pechadas nas casas, e se converteu primeiro nos monólogos Sen restricións, que estrearon nas Festas do Apóstolo de Compostela hai dous anos. Cada unha tiña o seu espectáculo de comedia individual –Ledicia, Divina; Marta, Memorias dunha rapaza na costa; e Carmen, Outras químicas– e sumaron forzas para un espectáculo conxunto. Agora están inmersas no proceso de creación desde cero deste novo proxecto que estrean en maio no EMHU: As R(h)umorosas.

Cartaz do Encontro Mundial de Humorismo da Coruña © EMHU

Cantas veces cantamos o que din os rumorosos? do noso himno, sen preguntarnos: Que din as rumorosas? Este é o punto de partida do espectáculo de comedia que están construíndo entre as tres, no que queren falar das mulleres galegas. «Darlle voz a esas mulleres que tamén somos nós. Deixaremos os nosos corpos e as nosas voces para que elas se expresen, en clave de humor. Sería bonito saber que pensa Isabel Zendal sobre a sanidade», explica Carmen. «Ou como era Rosalía. Era así de triste como nos contaron? Ímonos permitir imaxinalas», di Ledicia. «E xogar con elas, pensamos en xuntalas aínda que realmente non conviviran na mesma época. Que pasaría se se xuntan Emilia Pardo Bazán e María Pita a tomar unha copa? Isto tamén é unha maneira de achegar a estas mulleres ao público –e se vén xente nova aínda mellor– dun xeito entretido», agrega Marta.

«Darlle voz a esas mulleres que tamén somos nós. Deixaremos os nosos corpos e as nosas voces para que elas se expresen, en clave de humor»

As R(h)umorosas cantan, bailan e recitan. «Imos partir de improvisacións, con xogos adoptando cada unha distintos roles. Temos varias ideas que se desvelarán no espectáculo, pero o que podemos adiantar é que haberá monólogos, escenas conxuntas, música, baile e poesía», asegura Ledicia. «Unha cousa boa é que agora podemos incorporar todo o aprendido con Sen restricións. Á xente gústalle cando estamos as tres xuntas no escenario porque cada unha ten un humor diferente», sinala Carmen. Para Marta estas escollas pasan tamén por algo fundamental para o espectáculo, pasalo ben: «Divírtome moito cantando e bailando, facía moitos playbacks diante do espello cando era cativa. Entón, se neste novo espectáculo podiamos volver cantar e bailar, era necesario».

Todo o que vai suceder no escenario coas R(h)umorosas é sometido a debate entre as tres. Elas guionizan, dirixen, producen, interpretan... «Ten os seus pros e os seus contras, pero facemos o que nos dá a gana», destacan. «Ás veces é difícil poñernos de acordo, pero ese exercicio é moi bo», afirma Carmen. «Se tes a oportunidade de subirte a un escenario tes que aproveitar para sacar os temas dos que ti queres falar. Pero tamén tes a presión deste oficio no que parece que o tes que facer todo ben á primeira, sobre todo as mulleres, e ninguén nace aprendido», argumenta Ledicia. 

Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola, as R(h)umorosas © Alejandro Goris

A estrea deste espectáculo de humor enmárcase no Encontro Mundial de Humorismo, que dirixe o cómico Luis Piedrahita, un espazo exclusivo para a comedia aberto a propostas moi variadas. O panorama para a comedia feita por mulleres mellorou, pero aínda atopan situacións incómodas nas que se programa un espectáculo con mulleres por aparentar ou encher un baleiro nun cartaz de nomes masculinos. «Avanzouse moitísimo nos dous ou tres últimos anos, a cousa pegou un cambio brutal porque se falou moito do tema e saíron cómicas moi boas, pero aínda hai moito que pelexar», incide Ledicia. «Hai un pouco de hipocrisía con este tema, pero aínda así alí onde nos chamen, nós imos. Cantas máis oportunidades veñan, mellor; pero non somos parvas», di Marta. «Hai que moverse, buscar bolos e estar aí. Cos compañeiros nunca sentimos discriminación de ningún tipo», engade Carmen.

«Se tes a oportunidade de subirte a un escenario tes que aproveitar para sacar os temas dos que ti queres falar»

Marta, Ledicia e Carmen senten vertixe cara á estrea, pero da conversa con elas despréndese o ben que o están a pasar no proceso creativo. Van soltando ideas por todas as vías posibles e logo tratan de encaixar as pezas. «Temos un grupo de Whatsapp e para Sen restricións sacamos de aí partes do guión que transcribimos literalmente. Ademais, mandámonos moitos deberes para casa nas xuntanzas que temos», indica Marta. «O proceso é á inversa, en lugar de partir dun texto partimos destas propostas e improvisacións e, unha vez as temos claras, facemos a dramaturxia. Así imos dándolle unha estrutura ao espectáculo», detalla Ledicia.

Nestes dous anos traballando xuntas foron gañando confianza en escena, como explica Carmen: «Tes que crer na túa pallasa e irte soltando na túa parte cómica. Sempre lles digo que o máis importante é gozalo, porque si ti o pasas ben contaxias o público». En comedia nunca sabes o que pode funcionar, depende moito do momento e do contexto, por iso agora tratan de gozar da relación que se establece en directo co público de cada función. «Antes cando soaba un móbil tiña pánico, pero agora case o estou desexando porque sei que poderei aproveitalo. Despois de pasar polos escenarios acabei perdéndolle o medo», retruca Marta. A posta en escena son elas tres, pero quixeron colocarse no papel por completo e, para iso, contan co vestiario de Lumecú, a xoiaría de Silvereira e os zocos de Elena Ferro.

Inmersas como están na creación deste espectáculo cómico, as tres manteñen outros traballos en paralelo porque parar non é posible, e centrarse nun só proxecto semella un luxo inalcanzable. «A min encantaríame estar só a unha cousa, sería o ideal. Este rollo multitarefa que nos inventamos no mundo no que vivimos non pode ir máis en contra da miña natureza... Pero non hai outra, hai que estar a todo», conta Ledicia, que está a escribir unha película. Carmen está a gravar unha serie e compaxina os madrugóns da rodaxe con As R(h)umorosas e mais cun proxecto documental persoal, mentres que Marta está en pleno proceso de construción dun novo espectáculo individual de comedia e segue actuando con outros grupos. «Teste que organizar ti, tanto no laboral como no emocional», conclúen.

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.