Plăcinte. Puto Rumeinian presenta o primeiro traballo individual de FØ Records, "os trapeiros de Negreira"

O mellor trap de Galicia vén de Negreira e fano desde hai uns anos os rapaces de FØ Records. Música de traza urbana ao mellor xeito do drill e do grime dos barrios deprimidos de Londres, mais cos referentes dunha vila galega, que tampouco precisa tópicos rurais para contar o seu día a día. Hoxe sacan ‘Plăcinte’, unha mixtape de seis temas que son a estrea en solitario dun deles, o rapeiro de orixe moldava Puto Rumeinian.


O seu nome real é Bogdan Anestiadi, que explica o significado de plăcinte, un tipo de empanadillas do seu país de orixe: «non son empanadillas exactamente, é como un tipo de masa que pode levar dentro pois carne, queixo, patacas, o que sexa. E nada, miña nai adoitaba facelas e eu que sei, para facelas son moi laboriosas e non se fan moi a miúdo, cando as facía encantábanme. Tampouco sabía como chamarlle á mixtape e púxenlle Plăcinte, porque é algo que me gusta, que me trae bos recordos».

O proxecto de seis temas inclúe colaboracións de Cibrán de Boyanka Kostova e do rapeiro de Cangas Sad Damn Hosse Lean, e vén acompañado dunha sesión en directo gravada coa asistencia dos propios Boyanka Kostova, que estrearon onte na canle de Youtube do grupo negreirés. 

Tal e como contan na información que achegan á prensa, Plăcinte é unha mostra da diversidade de sons dentro da música negra contemporánea coa que o colectivo de Negreira se atreve a experimentar, deixando sempre o seu selo persoal tanto a nivel lírico e melódico como na produción. Xa sexa no protagonismo dos 808s influenciados polo drill do Reino Unido que se pode intuír en cortes como "Espumoso” ou “Sablazo no Peito”, nas baterías máis próximas ao trap de "Intro" ou de “Z.Ø.Ø." ou nos patróns do garage que podemos atopar no remix de "Móveo", os barcaleses seguen marcando a súa presenza a través destas influencias. 

«Eu son de Moldavia pero teño nacionalidade romanesa e eu que sei, dixen vale, vou abrazar o meme. Crear un personaxe que sexa romanés, que roube cobre, que sexa súper agresivo, un delincuente, cando na realidade eu son todo o contrario.» 

E nas letras, bastante retranca arredor dos temas típicos neste tipo de música, e tamén dos prexuízos: «Puto Rumeinian é un personaxe que creei eu, non vou cantar sobre a miña vida universitaria, a parte de que agora está cousa moi aburrida con isto do covid, non está pasando nada novo. Eu son de Moldavia pero teño nacionalidade romanesa e eu que sei, dixen vale, vou abrazar o meme. Crear un personaxe que sexa romanés, que roube cobre, que sexa súper agresivo, un delincuente, cando na realidade eu son todo o contrario. Divírteme un montón cantar sobre estes temas, e creo que sempre deixo entrever o feito de que todo é de coña. Realmente penso que o divertido de escoitar temas como “Sablazo no Peito” é que digas, vale, onde irá este tío que non matou unha mosca na súa vida rapeando sobre isto?», explica Anestiadi.

Con este lanzamento, os rapaces de FØ Records abren un ano 2021 no que esperan lanzar moita máis música e outros proxectos audiovisuais. O conxunto gañou a finais do ano pasado o Premio Musical do certame Youtubeir@s polo vídeo do seu sinxelo "Lume", dirixido e protagonizado por Álvaro Alvite

Para os vindeiros meses preparan a saída de máis mixtapes individuais doutros membros do grupo, formado polos rapeiros og coulomb, goodboy.Xd, Camel B., ademais de Puto Rumeinian. Xogando con cruzar a liña entre o irónico e o xenuíno, a música de FØ Records está fortemente influída pola escena do trap melódico (véxanse Young Thug, Travis Scott ou Migos) e o delivery cru do grime e do drill británico. Mais sempre falando do seu universo máis próximo: as peripecias da rapazada contemporánea do val da Barcala. 

 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.