O tempo que somos

Co apoio da Secretaría Xeral de Política Linguística

Como inflúe o tempo (climático) no ánimo da poboación e que implicacións ten nisto o cambio climático? Sergio Pascual consulta a expertos e reflexiona sobre climatoloxía e psicoloxía a partir da lectura de ‘Infamia’, de Ledicia Costas. Esta reportaxe complementa o episodio #7 do podcast NALINGUA dedicado a esta novela. 

«E imos co tempo. 

Unha masa de aire frío traerá tristeza, ganas de non saír da casa e sentimentos próximos ao abatemento constante e á sensación de non querer facer nada máis que ver a información do tempo, unha e outra vez, a ver se cambia. Atención, teremos temperaturas baixas, polo que coide o seu corazón».
 

Imaxine que a información meteorolóxica, alén de para planificarmos a vida, viñese acompañada do parte emocional e fisiolóxico. Unha guía para saber que o sol do verán deriva en certa ansiedade e que, «como todo o mundo sabe», a falta de luz lévanos a unha sensación de certo pesadume existencial. Dicimos iso de «todo o mundo sabe» porque, malia ser algo obvio, poida que precise algún que outro matiz ou información extra. Polo menos, no caso de quen escribe, serve para incidir nalgunhas dúbidas e despexar outras. 

«O ser humano encóntrase en constante intercambio co seu contorno, e está en todo momento exposto a unha gran diversidade de condicións ambientais de carácter altamente complexo». Dominic Royé é climatólogo e investigador da Universidade Santiago de Compostela. Xunto con outros investigadores afondou, de forma novidosa, na relación entre as oscilacións térmicas de Vigo e da Coruña e as chamadas recibidas polas ambulancias: «observouse un aumento da morbilidade cardiovascular (proporción das persoas que enferman nun lugar nun tempo determinado) con temperaturas moderadamente baixas, sen que se requiran extremos para establecer un efecto». Unha relación, a do clima, o tempo e a saúde que, como afirma Juan Taboada, coordinador do departamento de predición en Meteogalicia, «farase máis forte no futuro e, de feito, existe xa unha oficina conxunta entre a organización mundiais da meteoroloxía e a da saúde para reforzar este tipo de relacións».

«O tempo climático impacta directamente o sistema nervioso dos seres humanos, que se vai ver máis afectado para, entre outras cousas, regular a temperatura corporal»

No capítulo de “iso xa o sabía eu” está o impacto directo que ten o tempo no noso comportamento. Seguro que xa o viviron: a humidade enchendo o espazo, acantoándonos, coma se fósemos pequenas plumas que non poden estar quietas. Ese abafo incesante, esa necesidade de fuxir, esa incapacidade de facelo sen afogar. 

«O tempo climático impacta directamente o sistema nervioso dos seres humanos, que se vai ver máis afectado para, entre outras cousas, regular a temperatura corporal». A psicóloga e vogal do Colexio de Psicoloxía de Galicia, Concepción Rodríguez, considera que «as circunstancias climáticas adversas desregulan máis os nosos sistemas internos e requiren un traballo constante por parte do noso organismo para conseguir adecuarse a esa circunstancia externa, influíndo, como é natural, ou determinando, o noso comportamento». 

© Brais Lorenzo

O tempo e mais nós. Ademais de semellar unha novela de autoaxuda reflicte de novo o insignificante que é o ser humano: na súa vaidade, non se decata dos numerosos efectos cambiantes que inflúen nel e que contradín a súa imaxe de fortaleza fronte ao resto de conviventes planetarios. 

Dun tempo a esta parte, mirar ao ceo deixou de ser un oficio de veraneantes costeiros e de excursionistas extremadamente planificados: o cambio climático puxo enriba da mesa a necesidade de entendermos o tempo como un problema de envergadura, tras anos de silencio e adiamentos. 

Estragar o noso territorio -en xeral, sen marcas de pertenza e delimitacións xeográficas ou ideolóxicas- fai que un dos problemas de saúde pública máis apremantes sexa «o impacto do estrés por calor na mortalidade e na morbilidade, particularmente polas altas temperaturas». 

Royé incide sobre a carencia de estudos que «salienten a importancia das noites ou días calorosos definidos nunha escala horaria. Por exemplo, recentemente, explorouse o efecto do ambiente térmico nocturno sobre a mortalidade utilizando diferentes enfoques en Europa e vendo un efecto independente. Nos casos de altas temperaturas nocturnas, despois de altas temperaturas durante o día, o estrés térmico persiste e agrávase polo feito de que o corpo humano non pode descansar». 

«Os efectos do tempo pódense mitigar se as circunstancias sociopolíticas e económicas o permiten. Se as persoas contan con recursos para lles facer fronte a eses elementos desreguladores do noso equilibrio físico e psicolóxico de maneira eficaz, o impacto será moito menor. Por tanto, diría que esoutros factores teñen máis relevancia».

A calor, como xa saben, sobre todo en Ourense, xunto con outros factores, «pode provocar alteracións e privacións do sono debido aos necesarios procesos de termorregulación», asevera o investigador da USC. 

A ciencia demostrou, nun tempo no que moita xente empezou a conxugala en primeira persoa do plural, que nada é absoluto e que a relatividade é unha palabra clave e os matices son capitais. Non todo ten que ver co tempo, e tampouco hai que desbotalo da ecuación de saúde fisiolóxica e mental. Quede claro, neste tempo de malos entendidos e sobreinterpretacións, como esclarece Royé, que «nin o clima nin o tempo fan enfermar, senón que, na maioría dos casos, provocan un empeoramento ou melloramento do estado de saúde. A terapia climática forma parte da medicina preventiva e da rehabilitación para a mellora de numerosas patoloxías, sobre todo de tipo atópico. A climatoterapia inclúe, así mesmo, diversas terapias específicas, como a helioterapia (pequenas e controladas radiacións de sol) ou a talasoterapia (aproveitamento do medio mariño para a saúde)».

Este problema co tempo, do noso tempo -xogo de palabras innecesario, mais irresistible- lévanos a procura de solucións. No campo das emocións, Concepción Rodríguez entende que «os efectos do tempo pódense mitigar se as circunstancias sociopolíticas e económicas o permiten. Se as persoas contan con recursos para lles facer fronte a eses elementos desreguladores do noso equilibrio físico e psicolóxico de maneira eficaz, o impacto será moito menor. Por tanto, diría que esoutros factores teñen máis relevancia».

Exposto o impacto do tempo de xeito directo no ser humano, tamén hai que sinalar a súa influencia ou impacto indirecto. «Baixos rendementos agrícolas e de produción de alimentos por mor da seca», explica Royé, sobre os fenómenos meteorolóxicos que derivan en desastres climáticos.  Segundo ACNUR estes desastres obrigaron en 2017 a 17,2 millóns de persoas a lle dar as costas a unha terra queimada á que antes chamaban casa. 

E mirando para o ceo do futuro, que tempo nos agarda? Pois, polo momento, sen novidades á vista: a temperatura global e a de Galicia irá in crescendo (termo en latín para atenuar a gravidade da frase precedente e non ser tachado de alarmista ou negacionista do “non cambio climático”), haberá «un aumento nos fenómenos extremos». É dicir, «maior número de vagas de calor e máis agudas», explica Taboada.  Algúns poderán levar con menos complexos, aínda, o polo de ‘Galifornia’.

Por iso, propóñolles dous finais: un ilustre, outro alternativo. Non sei se son os máis acaídos, aínda que os finais nunca o son:

  1. Frase ilustre, peche memorable, de Ken Caldeira, científico líder do estudo do clima do Instituto Carnegie da Universidade de Stanford: «Estamos desprazándonos cada vez máis desde un modo de actuar que predí o que vai pasar a un que trata de explicar o que pasou».
  2. Escenario alternativo: a persoa que dá o tempo no telexornal vén acompañada doutra que nos fala sobre como nos afectará o tempo de hoxe. «As previsións non son boas», di a psicóloga climática, «ou cambiamos o xeito de actuar ou prepárense para malos tempos».

 

Sergio Pascual

Sergio Pascual

Xornalista. Tras varias experiencias profesionais fundei xunto a Lucía Abarrategui Laboratorio de Radio, un proxecto que achega a radio a calquera lugar e a calquera persoa. Gústame observar e, de cando a vez, as letras seguen as ideas e escribo cousas e gravo outras.

Escoita o podcast relacionado

  • NALINGUA

    NALINGUA #7: Infamia

    A néboa, a friaxe, a chuvia. En 'Infamia', de Ledicia Costas (Xerais), a meteoroloxía ten un papel clave. 'Infamia' repta entre a dor dos segredos agochados, a tristura do silencio e a brétema da inmensa pena que respira o lugar onde todo sucede: Merlo. Sentimentos que non se ven, pero que si se sinten. Mergúllate con nós en 'Infamia'. 

    Co apoio da Secretaría Xeral de Política Linguística

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.