A Facultade de Comunicación da Universidade da Coruña ven de presentar o Grao en creación dixital, animación e videoxogos, unha titulación que comezará o próximo curso e que ven encher un baleiro na formación de profesionais deste sector en Galicia.
O Grao en creación dixital, animación e videoxogos que se estreará o curso que vén acaba cunha eiva do sistema universitario galego. Xa hai anos que moitas universidades ofrecen estudos oficiais relacionados con este sector da industria cultural que cada vez ten máis peso. A Universidade da Coruña ven unirse agora a moitas outras de toda España que xa ofrecían esta formación de xeito oficial en lugares como Madrid, Zaragoza, Castellón, Barcelona ou Xirona.
Esta titulación de 4 anos pretende que o alumnado teña unha formación que abranga o proceso de produción de animación e videoxogos desde todos os puntos de vista, tanto creativo ou artístico, como técnico ou comercial. Ademais disto, o que fará especial o grao da UdC é que no seu plan de estudos a animación e os videoxogos acaban converxendo, seguindo así a tendencia actual da industria na que os dous formatos xa non son tratados de xeito independente. Algunhas das materias serán Debuxo anatómico, Modelado, Empresa e emprendemento ou, unha das máis atractivas, Historia dos videoxogos . Pode consultarse todo o plan de estudos aquí.
A facultade encargada deste grao será a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, e isto non é casualidade. Esta facultade xa tiña un perfil moi orientado á creación dixital e algúns dos seus traballos de fin de grao acabaron converténdose finalmente en videoxogos. Tal é o caso, por exemplo, de As Chiaventuras, de Cristina García Aradas e Beatriz Pombo París, que gañou o premio ao mellor videoxogo e mellores gráficos na III edición do Festival Audiovisual Universitario Oculus.
Da mesma universidade tamén saíu Molab, unha asociación estudantil de desenvolvemento de videoxogos que une alumnado de Comunicación Audiovisual co de Informática, antes bastante afastados. Vemos, pois, como na cidade herculina parece que hai canteira e afección polo tema. De feito en menos dun mes, do 11 ao 13 de xullo, celebrarase a XVIII edición de Mundos Digitales, o congreso internacional de animación, efectos visuais e novos medios que adoita xuntar na Coruña moitos profesionais deste ámbito e unha chea de estudantes que queren entrar en contacto con esta industria.
Este evento celebra tamén unha feira do emprego moi concorrida porque non é moi doado atopar profesionais que dominen as ferramentas e técnicas de creación dixital e modelado en 3D que require un sector que non para de medrar. Nesta feira é onde estudantes ou profesionais poden amosarlles os seus traballos ás empresas participantes e tamén establecer contactos entre creadores.
O Mundos Digitales inclúe tamén un festival de animación con competición de curtas a nivel internacional e estatal. Neste último apartado é finalista a peza Peixes, dirixida por Juan C. Pena e producida polo estudio coruñés Qatrogatos. Peixes xa leva un interesante percorrido por festivais: estivo no Festival de Cans e hai 2 meses participou no prestixioso festival de TriBeCa en Nova York. A curta pódese ver enteira en Youtube.
Todo esta escena creativa galega vai ter co Grao en creación dixital, animación e videoxogos un pulo importante de cara a unha industria que cada vez demanda máis profesionais e que ofrece saídas laborais interesantes para a rapazada que vaia comezar na universidade. Moitos deles pode que acaben emprendendo e fundando pequenas empresas que poden chegar a despuntar.
Un exemplo de empresa galega deste sector que está destacando é Gato Salvaje, tamén da Coruña, que está preparando o seu videoxogo The Waylanderds para estrear o ano que vén, logo dunha exitosa campaña en Kickstarter. Polo momento están levantando bastante expectación con este xogo no que aparece a mitoloxía celta e o Camiño de Santiago. En Youtube xa están analizándoo.