'Fariña'. Nacho Carretero e Touriñán levan ao teatro as historias do narcotráfico galego

© Ainé

Despois do libro, da serie de televisión e da realidade mesma, que leva décadas ocupando páxinas do xornais, ‘Fariña’, un dos grandes fenómenos da cultura popular recente, chega ao teatro o vindeiro outono e as entradas están á venda desde hoxe. 


O actor Xosé Antonio Touriñán, canda a produtora Ainé e Nacho Carretero, autor do libro inicial, producen esta peza teatral que usa o costumismo e o humor para retratar o narcotráfico no noso país. Con texto de José Prieto e dirección de Tito Asorey, a Fariña teatral conta cun elenco reducido de actores: María Vázquez, Marcos Pereiro, Sergio Zearreta, Cristina Iglesias e o propio Touriñán. Eles cinco interpretan un gran número de personaxes, más ou menos coñecidos ou anónimos, pero todos de base real, que retratan de xeito costumista como o narcotráfico se foi desenvolvendo grazas á nosa particular idiosincrasia. Fariña conta ademais con tema orixinal propio, Que mal vai ter?, producido para o espectáculo por Novedades Carminha

Desde que Fariña, o ensaio xornalístico de Carretero sobre o narcotráfico en Galicia, saltou dunha pequena editorial madrileña a ser un best-seller e chegar á pequena pantalla coa exitosa serie do mesmo nome, converteuse nun fenómeno cultural que chega agora ao teatro, da man que quen na serie interpretaba a un dos fillos de Manuel Charlín: Xosé Antonio Touriñán. 

Da man da compañía Ainé Touriñán leva xa uns anos desenvolvendo con éxito un formato ata agora moi pouco frecuente na nosa industria cultural: o teatro comercial en galego. E varrendo con el a taquilla en auditorios de cidades e vilas grazas a obras como Amigos ata a morte, Somos criminais ou Unha noite na praia, estas dúas protagonizadas polo cómico de Culleredo xunto a Carlos Blanco, outra máquina de encher teatros e, por certo, tamén vinculado á serie Fariña facendo dun dos grandes capos galegos, Laureano Oubiña

Nesta ocasión foi Touriñán quen lle propuxo a Nacho Carretero levar o universo de Fariña ao teatro, cunha visión máis ampla da que ofrecía a serie de Antena 3, que só contaba o anaco da historia relativo á operación Nécora. Tal como conta o actor e produtor, “quedaban moitas historias por contar, esas pequenas historias que empezan co contrabando, con xente moi humilde”, e que o libro xa conta ao seu inicio para situarnos nas particularidades que tivo o narcotráfico en Galicia, cando se pasou do fume á fariña. 

“Parecía que non se podía levar á cultura popular o narcotráfico, que era como frivolizar ou estereotipar certos temas e creo que este medo xa non o temos, algo que fala dunha sociedade cada vez máis madura”, explica Nacho Carretero. 

O texto que desenvolveu José Prieto “o que nos permite é entrar na historia dun xeito que nin o libro nin a serie permiten, fai que se poida penetrar na historia dun xeito moi cercano”, explica Nacho Carretero: “Imos entrar en situacións da vida cotiá que a todos nos poden resultar familiares e que son un exemplo de como foi avanzando o fenómeno coa tolerancia de todo o mundo”. Desde este novo ángulo o que quere mostrar Fariña é, en palabras de Carretero, “case unha radiografía social de Galicia, con moitas chiscadelas e códigos costumistas galegos. A maioría do publico vaise sentir identificado e queremos que iso convide á reflexión”.  

Quere isto dicir que Fariña se converteu nunha comedia? “Non sei se se lle pode chamar comedia”, comenta o autor, “pero si que queremos usar o humor desa maneira, con escenas que provocan risa, imos levando o espectador por aí ata que se revela a seriedade e a traxedia”. Nacho Carretero reivindica esta forma de levar o narcotráfico á cultura popular porque “parecía que non se podía, que era como frivolizar ou estereotipar certos temas e creo que este medo xa non o temos, algo que fala dunha sociedade cada vez máis madura”. 

Fariña estréase o 25 de outubro no Teatro Colón na Coruña e logo xirará por auditorios de todo o país. Co precedente do libro e a serie, aspiran Touriñán e Carretero a mover a función fóra de Galicia? Non o descartan aínda que non está nos seus plans inmediatos: “Xa se verá, imos ver primeiro que tal funciona en Galicia, aínda que potencialmente podería ter interese fóra, claro”, contan desde a produtora. Polo de agora o público galego poderá gozar de Fariña na súa lingua e cunha ollada cómplice, non co narcotráfico pero si coa nosa particular maneira de afrontar a realidade. 

As entradas para ver ‘Fariña’ xa están á venda e pódense consultar as datas e localidades na web Farina.gal

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.