EXVBA. Música efémera para reconectar co espazo e co tempo

Logo de sete anos traballando xuntos para bandas sonoras como a de ‘Hierro’ –a serie dirixida por Jorge Coira para Movistar+–, Elba Fernández e Xavi Font únense nun novo proxecto musical pensado só para ser interpretado en directo e en espazos como o da igrexa de San Domingos de Bonaval, onde se estrean o vindeiro 22 de outubro dentro do festival Soa Bonaval que organiza o Museo do Pobo Galego. 

Fotos: Tamara de la Fuente

 

Os dous teñen tras de si unha longa traxectoria musical que comezou no ámbito do indie e do pop (Xavi Font en bandas como Loopside ou Dar Ful Ful e Elba Fernández como Jane Joyd) e que evolucionou, no caso de Font, á composición de música para cinema e tv (O apóstolo, A sombra da lei) ata que se xuntaron os dous en 2014 para facer o tema principal da BSO da serie Hierro cando aínda era un proxecto da produtora coruñesa Portocabo que buscaba unha televisión ou plataforma. 

Desa unión e de varios anos de idas e vidas para sacar adiante a serie saíu non só unha excelente banda sonora e mais o universo musical do primeiro disco de Mordem, novo proxecto musical de Elba, senón tamén unha amizade e unha complicidade artística que os mantén como dúo profesional: neste momento están a preparar as músicas de Proxecto Emperador, o novo filme de Jorge Coira, e máis Rapa, a serie que o mesmo director está a rodar en Cedeira e Ferrol para Movistar+. Moito traballo e moitas horas metidas no estudio que precisaban unha vía de escape e esta é o seu novo proxecto: EXVBA (léase Exuba

© Tamara de la Fuente

Mais non agardemos poder escoitar a música de EXVBA en disco ou en plataformas. É unha música pensada só para ser sentida en directo: unha experiencia efémera que dialoga cun espazo concreto, como é o da Igrexa de Bonaval, que Elba e Xavi elixiron porque «é unha igrexa moi querida por nós, está preto do estudio onde traballamos e xa a temos usado para algunhas gravacións da BSO de Hierro». Será a posta de largo deste peculiar formato que queren seguir movendo por máis espazos similares. Só igrexas? «Espazos que teñan entre 6 e 8 segundos de reverberación, ese é o noso rider», explica Xavi Font. 

Así, as igrexas e conventos –«e algún túnel que xa temos localizado por aí»— están especialmente deseñados para a acústica antiga que queren conseguir con este proxecto, e que pasa «polas capas de voz de Elba, que semellan ás veces os cantos da polifonía do Renacemento, mesturado co dark ambient da liña dura do s XXI. Imos na procura de atmósferas, porque somos os dous así de intensos», recoñece Xavi. «Non é un tipo de música que sexa fácil de escoitar», engade Elba, «quizais por descoñecemento; eu recoñezo que cando empecei a escoitar ambient, que ao mellor son temas de 10 minutos nos que case non está variando nada, son evolucións moi lentas nas que te tes que meter… entrei, pero ten moito que ver co momento vital en que descobres esta música para que te enganche e te metas nela, porque é moi reflexiva».

«Espazos que teñan entre 6 e 8 segundos de reverberación, ese é o noso rider», explica Xavi Font. 

Na parte conceptual, a proposta de EXVBA ten que ver tamén cos animais mariños, en concreto coas baleas. Así o explica Xavi Font: «hai algúns cetáceos que teñen unhas estruturas de cantos que son 7 temas que van cantando en bucle, e nos que contan o que lles pasou nos últimos sete anos: se tiveron unha cría, se lles morreu alguén, se tiveron un accidente, onde estiveron migrando… Iso deunos esta idea que temos de facer estes sete temas, xa que hai tamén sete anos que nos coñecemos, e darlle continuidade: cada ano desbotariamos un tema e fariamos outro novo».

Un concepto de música efémera que vai á contra da tendencia a que a música sexa ubicua e estea en todos os dispositivos e plataformas: «Volvemos varios pasos para atrás, a cando a música non se gravaba. Realmente só hai pouco máis dun século desde que se empezou a gravar a música, a súa natureza antes era experimentala neste tipo de espazos», di Elba. «É imposible reproducir as sensacións que tes nos espazos, cómo che afectan fisicamente as ondas cando estas nun auditorio ou nunha igrexa», explica Xavi. Os dous coinciden en sinalar que «o espazo en sí completa a composición, como xa acontecía na polifonía renacentista», e mesmo fai unha parte importante da produción do son ao que quen chegar. Para iso contan tamén coa colaboración do técnico de son Rubén Montes

«Volvemos varios pasos para atrás, a cando a música non se gravaba. Realmente só hai pouco máis dun século desde que se empezou a gravar a música, a súa natureza antes era experimentala neste tipo de espazos», di Elba Fernández.

«Isto fíxome pensar», comenta Elba,  en que «cando tes un proxecto musical que vai de xira métente a tocar en calquera sitio, en lugares horribles, que che dan unha experiencia moi distorsionada, non podes controlar o son. Cando acudes a concertos iso nótase e os técnicos sofren moito». Xavi está de acordo: «Hai unha violencia á hora de tratar os grupos cando van xirando. Encáixanche no que á organización dos concertos ou festivais lles vai ben, e non teñen para nada en conta a personalidade e o son do grupo. Hai unha falta de cociña e de respecto moi grande». 

Contra esa máquina procesadora de consumo rápido e masivo nace este proxecto que vai no sentido contrario «pero non o facemos como exercicio intelectual, en realidade non é máis que o que nos pide o corpo», aseguran. Elba e Xavi atoparon en EXVBA a maneira de reconectarse co pracer de facer música con total liberdade, e agardan que o público tamén o faga, a base de conectar consigo mesmo durante esa hora de experiencia musical. Logo desta estrea en Bonaval buscarán levar a proposta a outros espazos similares: «Gustaríanos facer pouquiños concertos pero si que fose itinerante, en lugares moi especiais. Se cadra un ou dous concertos cada ano, e irnos así atopando co público ata que morramos. Como as baleas».

Xavi Font e Elba Fernández na Igrexa de Bonaval, onde presentan EXVBA o vindeiro 22 de outubro. © Tamara de la Fuente

 

EXVBA preséntase o vindeiro 22 de outubro no festival Soa Bonaval, en Santiago de Compostela. As entradas están á venda na web do Museo do Pobo Galego.

 

© Museo do Pobo Galego
María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.