EME DJ: «Isto é como un alien que levo dentro e teño que domalo»

A picadiscos galega Marta Fierro, coñecida como EME DJ, participa no Festival de Cans cun exercicio de xenerosidade en forma de documental. Miedo al miedo, dirixido por Menchu Esteban, mostra as probas que a saúde mental pon no camiño desta DJ profesional con máis de 15 anos de experiencia, que tamén se subirá a un chimpín para pechar a festa en Cans facendo o que máis lle gusta: poñer música.

 

«O medo paralízate». «Isto é como un alien que levo dentro e teño que domalo». «Banalízase moito a saúde mental». Estas tres sentenzas resumen a experiencia de Marta Fierro coa ansiedade e a depresión, que se pode ver na peza que agora chega a Cans. Será o sábado ás 16h, no baixo de Carlos, cando o documental protagonizado por EME DJ, Miedo al miedo, se proxecte no marco do Festival de Cans. Dirixido por Menchu Esteban coa produción de N3films, estreouse en festivais o ano pasado e foi parte da sección oficial do Festival de Cine Europeo de Sevilla

«Apetéceme un montón estar no Festival de Cans, por outros anos que o seguín pola radio en Carne Cruda e vin novas sobre o que pasaba eses días no Porriño sempre pensei que era un sitio moi amigable», asegura Marta Fierro, que fará a súa primeira sesión enriba dun chimpín na Leira do Río. Será a fin de festa en Cans, o Discochimpín comezará a soar á 1.30h, despois da gala de entrega de premios e o concerto de Dakidarría.

Unha sesión da picadiscos galega © EME DJ

A idea de gravar Miedo al Miedo xurdiu ao coincidir Marta e Menchu dando clase no mesmo instituto. «Ela lera o meu primeiro libro, Mamá quiero ser DJ, no que eu contaba xa un pouco a miña traxedia, a miña experiencia coa ansiedade e a depresión. Pareceulle moi interesante, e pensou que ninguén estaba falando diso desa maneira, polo que me propuxo gravar. A cousa tardou porque non conseguiamos cartos... Finalmente a cousa foi adiante e puideron acompañarme nalgún bolo. Logo chegou a pandemia e houbo que suspendelo. Foi pasando o tempo e non queriamos deixalo sen rematar, por iso decidimos sacar o que tiñamos e, de conseguir cartos máis adiante, pensamos en completalo», explica.

«Ver o documental prodúceme moito rechazo. A primeira vez foi emocionante, pero non me gusta verme. Non sei se é porque ao non ter un final, non ten unha conclusión. É difícil porque eu non sei cando vou ter o próximo ataque de pánico ou cando vai ser a miña próxima recaída. Intento traballar moito os meus estados emocionais antes dun bolo, para que nada me afecte. É un traballo de terapia e autocoñecemento, pero o medo paralízate e en moitas ocasións non o podes controlar», engade. A experiencia fai que sexa quen de poñer o ‘piloto automático’ e lograr que o bolo saia ben, aínda que ela non o poida gozar: «E pensas, esta é a vida que escollín, por que non a estou desfrutando?».

EME DJ estará na cabina o sábado no peche do Festival de Cans © EME DJ

Marta conta que a inseguridade non se separa dela, e mesmo considera que non lle beneficiou facer público o que lle estaba a suceder. «Isto é como un alien que levo dentro e teño que domalo. Contalo é un prezo moi alto que tiven que pagar. Sentín moito o rexeitamento da xente. A estas alturas, creo que contalo pechoume portas no laboral», lamenta. E, aínda así, celebra que se achega o verán e agarda estar na cabina dos festivais para seguir superando obstáculos e facendo gozar á xente coa música. 

«As cancións teñen que ser poderosas»

«Unha sesión non se pode preparar», defende EME DJ. «Antes, o que facía un DJ cando ía aos sitios era escoller uns cen discos da súa colección de mil, dous mil ou tres mil. Así facíase unha sesión de tres horas, despois na sala xa irás descartando e elixindo, pero tes que ter bastante marxe. Hoxe en día, como imos cun pendrive no que nos caben cinco mil cancións, o que fas na casa é prepararte as cinco ou dez cancións que sabes que nese sitio lo van a petar porque están de moda ou nesa sala sempre soan... Sempre hai unhas cancións que sabes que tes que poñer. Pero do resto non tes nin idea. 

EME DJ en cabina nun directo © EME DJ

Vas mirando, probando... Podes ter algunha idea preconcibida sobre con que cancións comezar, pero principalmente o que tes é que adaptarte. Tes que ver como está a enerxía da xente, se están cansos, se están bebendo moito, e atender tamén á hora que é. Tes que manexar a xente a través da música: as cancións teñen que ser poderosas, ter emoción e espertar algo na xente. O teu traballo é xogar con isto», debulla.

Para esta picadiscos unha canción infalible pode ser a que todo o mundo coñece, a que provoca nostalxia do pasado ou a que ten unha forza propia que che empurra a cantar ou bailar. Non se pode dicir unha canción en concreto porque«depende moito de onde esteas». Con todo, esas cancións poderosas das que fala son as que seguen a mover o mundo das emocións en calquera parte, como lle pasou a ela con ″Terra″ das Tanxugueiras

Cartaz do documental 'Miedo al Miedo', que se proxecta no Festival de Cans © N3films
Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.