O poeta Ismael Ramos ten múltiples obsesións, pero se ten que escoller unha esa é a súa afección pola alta costura en todos os soportes, desde os especiais da revista ¡Hola! ata a canle de Youtube de Chanel.
Que difícil escoller só unha. Na miña cabeza a vida ordénase ata agora por cursos e por rachas. “Rachas” é neste caso un eufemismo de “obsesións”. Creo que un signo de ser millennial é contar a vida así, a través desas “rachas”: prendas de roupa, series de televisión, música, xogos... A través de produtos. Igual iso é facerse vello, non ser millennial. Ou igual todo é culpa do capitalismo (vellez incluída).
Se penso nas teimas máis recentes véñenme á cabeza: o personaxe de Clare en Derry Girls, a sinceridade de Sally Rooney e algunhas cancións de Big Thief. Se lles pregunto ás amigas, citan de entre as históricas: Friends (nada orixinal), Laura Marling e algúns libros de Louise Glück (eternamente).
Para VINTE busquei unha obsesión das que me acompañan dende pequeno, remexín no barullo ata atopar unha desas que se van adaptando aos tempos: como a xente adicta aos reality, que salta de formato en formato, igual (cantísimo podería falarvos de Masterchef Celebrity e de Tamara Falcó!). O caso é que a obsesión que me acompaña dende hai máis tempo, penso, é a alta costura.
No principio dos tempos foron as revistas de moda que por veces miña prima Nuria e mais eu herdabamos de súa nai, eses volumes gordísimos da ¡Hola! dedicados en exclusiva ao prêt-à-porter, que folleabamos e recortabamos ata que non quedaba nada. Despois, foron Sexo en Nova York, The Devil Wears Prada, The September Issue, todas só ou con miña nai, que tamén é a culpable de que vexa en bucle The Gilmore Girls (velaquí a educación sentimental do fillo dunha case adolescente a finais dos 90 e nos primeiros 2000). E agora, a canle de YouTube de Loic Prigent, onde sigo fascinado o rebumbio do backstage dos desfiles, os fitting das principais marcas no quatrième arrondissement ou a inauguración en París da primeira tenda de Fenty (a marca de roupa de Rihanna).
E para rematar están eses vídeos que son case, case ASMR. Eses vídeos do traballo de atelier. A camelia de Chanel construída aplicando calor pétalo a pétalo, ou os cortes da seda dos panos de Hermès. Ese mimo co que unha man cose unha flor a un traxe dunha soa puntada, e que me fai pensar nas mans das mulleres da miña familia, na minuciosidade de miña nai cada vez que dobra un xersei, ou na máquina vella de coser de miña avoa. Esa imaxe que me lembra tantas obsesións como me deixaron en herdanza, tantos complexos e desexos (se é que non son a mesma cousa). Entrar nun mundo que me fai crer que, aínda que a miña memoria se compaña de logos e marcas, hai sempre un fío solto insubstituíble.