Rafa Anido: Galician Bizarre ADN

Hai case unha década que o Galician Bizarre se fixo realidade, e agora xa temos nas mans a súa terceira entrega. Os tentáculos da criatura non deixaron de crecer en todo este tempo, no que o omnipresente Rafa Anido funciona como unha sorte de conciencia na sombra e un dos seus máximos referentes, a través de toda clase de propostas musicais que parten da liturxia faino-ti-mesmo. Sobre todo isto e a natureza do GB, Rafa dános resposta e convíanos a coñecer o ADN dun fenómeno do que exerce de pai e fillo ao mesmo tempo.

 

Como son os teus comezos na música?

Comecei moi tarde, aos 18 anos, cando meu pai nos comprou unha guitarra e un ampli moi cutres a min e a meu irmán. Facía acoples durante horas no garaxe e como o mastro da guitarra remataba en punta acabei cravándoa no ampli. 

 

Que grupos marcan a túa aprendizaxe no DIY?

Lía nas revistas, sobre todo no Ruta 66, que había outro xeito de entender a música alén do mainstream, cousas como K Records, Dischord ou SST, aínda que iso quedaba moi lonxe. Na túa propia cidade (Compostela) se buscabas atopabas iso tamén. Eran os tempos da distribuidora Lixo Urbano, emisoras como Radio Medellín e Radio Kalimero (onde eu tamén facía programas), concertos na Nasa ou en Número K e bares con musicón como o Bar Tolo, A Calexa, Superfuzz ou o Stop. E, por suposto, moito tempo libre na universidade e alcol moi barato. Grupos guiris había tamén moitos pero alí estaban Fame Neghra ou Túzaros seguindo os postulados do punk e o hardcore da época. 

 

Como foi a túa experiencia en grupos iniciais como Taxi Driver e Hemisferio Izquierdo?

Éramos moi inxenuos, teloneàbamos a orquestras, tocabamos en festas universitarias, okupas… pero pasabámolo moi ben, calquera cousa pequena para nós era un aliciente. Funcionabamos como colectivo compartindo todo, nun ambiente en Galicia totalmente desolador naqueles anos 90. 

 

Baixo que idea e cando xorde o Galician Bizarre? 

Co cambio de século aquelo xa era outra cousa: grazas a internet unha serie de persoas empezámonos a poñer en contacto uns cos outros por redes como Fotolog ou MySpace. Tocabamos xuntos ou ías ao concerto de outros. A idea era facerse fan dos grupos e tamén colega. Retroalimentarse uns cos outros, ir a cear unha zorza, tocar, emborracharse, e ir escoitar música nos bares. 

 

Considérante o ideólogo do Galician Bizarre, como percibes esta consideración?

Fun a imaxe das camisetas que fixemos para a primeira edición, quizais porque era dos máis vellos pero de aí a ser o ideólogo é moito dicir. Carlangas (Novedades Carminha) foi o que moveu máis o cotarro de todos nós e animou a cousa. Tiña moita capacidade organizativa. Agora no GB3 custounos máis arrincar, eramos xa outra xente, pero tamén conseguimos o obxectivo con creces. 

 

Creo que o carácter máis provinciano do Galician Bizarre marca diferenzas entre as cidades e os pobos de onde están saíndo os grupos, e iso en plena era internet. Que diferenzas notas entre a mentalidade dos grupos da Coruña e os dos arredores galaicos?

Na escena galega eu non percibo ningunha diferenza entre grupos das cidades dos pobos ou das aldeas, tampouco prexuízos de estilo ou idioma no que se canta. O centro neurálxico pode ser O Grove ou Cedeira como fai anos, Sarria ou Chantada. Ou incluso no medio da nada como a aldea abandonada de Saumede, en Ourense. 

 

Os primeiros anos do Galician Bizarre recórdame ás escenas de finais dos setenta, do post-punk ou rock underground norteamericano, coa as súas colaboracións entre bandas, pero, sobre todo, conciencia de unidade entre grupo.

Unha das motivacións para formar un grupo é o de pasar a formar parte dunha escena. Agora hai quen di que iso xa se perdeu, que cada un vai ao seu. Pero, como di Cibrán de Esposa, se é así fagamos o disco precisamente para volver a xuntar a xente outra vez. 

 

"A idea era facerse fan dos grupos e tamén colega. Retroalimentarse uns cos outros, ir a cear unha zorza, tocar, emborracharse, e ir escoitar música nos bares". 

Pertencer a unha escena delimitada pola lingua e a cultura galega a veces ten levado a críticas aos grupos que non amosan concordancia con esta idea. Para ti, é importante que haxa unha identidade cultural autonómica ligada á música?

No GB non hai identidade de ter que cantar en galego ou castelán, mesmo houbo varios grupos cantando en inglés. Somos galegos pero hai moito xeitos de selo, o que pensar ou o que dicir nas cancións. Falamos das cousas de Galicia pero tamén de outras universais. De todos xeitos en Galicia temos que unirnos para loitar polo común, sexa na música na cultura ou en calquer outro ámbito. Os da mafia caciquil: a Xunta, Abel Caballero, Fenosa... van seguir chuchándonos a sangue se nos deixamos. 

 

Hai algunha escena ou grupos que os servisen de modelo no que mirarse á hora de conformar o concepto de Galician Bizarre?

Non pensamos en ningunha escena para empezar, foi algo espontáneo. Pero tamén vexo escenas similares á nosa en Valencia e Madrid, que levan traballando desde principios do século XXI de xeito autónomo ao indie, aos festivais ou a Radio3. En Madrid con grupos como Humbert Humbert, Ginferno, Grabba Grabba Tape, Fabuloso Combo Espectro, Juanita y los Feos, Coprolitos, Tzetze, Afilador, Casa Dragòn, Juana Chicharo... e en Valencia Venereans, Betunizer, Le Jonathan Relly, Cuello, Los Plátanos , Futuro Terror, Tipex, Podium, Estrategia Lo Capto, Las Rodilleras, Triple Ente, Negro... 

 

Da Nave 1839 ao Casino 1889, como estableces a influencia do Galician Bizarre na conformación de salas e demais sitios enfocados no underground en Galicia?

Penso que todos nos retroalimentamos, pero quizais a grande influencia para todos é o Liceo Mutante de Pontevedra: todo tería sido máis pequeno sen non tivesemos o Liceo. É mais ben o Liceo o que nos fixo crecer a todos. Aínda rexiste de xeito heroico xunto coa Nave 1839, na Coruña. 

 

Que grupos che resultan máis significativos desta escena? 

Se me permitides, vou citar a unha serie de grupos que por desgraza non puideron saír neste GB3, xa que no vinilo so collían 17, pero nun previsible GB4 deberan estar: Elvis Negro, Thee Boas, Superser, Breakin Bones, Grima, Krise, Tulip Glitchgirl, Kings of the Beach, Espejos y Diamantes, Romance, Cuerpo Astral, Meus, Copa Turbo, Gancho Sanchez, Vietnam, Musel, Galope Mestizo, Blanco Palamera, Rabuda, Ulobit, Xoan Anleo, Seda, Cloaca, Ministra, Zoot Chasm, No Hay Dolor, Ocre, Naranja Imaginario, Modulador de Ondas, Zara...

 

Ata que punto cres que é beneficiosa ou prexudicial a etiqueta do Galician Bizarre en grupos como Telephone Rouges ou Lamprea Explosiva, por dicir dous exemplos?

É beneficioso para saír un pouco do ámbito galego, dese xeito o grupo poderá ter un pouco máis de percorrido e poder durar algún ano, mais da súa inevitable desaparición en poucos anos. Non sei que prexudicial pode ser saír no GB, o que si sei é que caer na escena indie é o final do proceso creativo para o que se debería formar un grupo na maioría dos casos. 

 

A diferenza da típica homoxeneidade entre as bandas dunha escena rock ou pop, no caso do Galician Bizarre hai unha gama de estilos totalmente cromática. A que se debe isto? 

Cando empezou isto e segue pasando creo, a xente superou aquelo que viña de atrás de que se che gustaba o punk non podía gustarche o tecno pop, ou se che gustaba a música electrónica non oías garaxe por poñer exemplos. Podía gustarche La Casa Azul, Desechables, Aphex Twin ou os Rockahulas

 

Que papel teñen na idiosincrasia  do Galician Bizarre grupos nos que ti estiveches como Los Iribarnes, Jimenez del Oso ou Metralletas Lecheras?

Pois non o sei, a verdade, pero si sei de outros grupos galegos que deixaron unha pegada inborrable para sempre como Indómitos, Terremoto Si, Fluzo/ Maladrómeda, Telephones Rouges ou Dois

 

En que momento tes consciencia de que Galician Bizarre é algo tanxible? 

Claramente cando teño un dos vinilos nas miñas mans. 

 

Que grupos de hoxe en día saídos do Galician Bizarre te motivan máis? 

Motívanme moito os poucos grupos que aínda existen e seguen traballando de xeito independente, Los Santos e Alarido Mongólico

Rafa Anido nun concerto da súa banda Travesti Afgano en Ferrol. © Sara Roca
Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.