A segunda década do século vinteún foi unha época na que o reggaetón tomou o pulso dos gustos musicais da sociedade, acadando unha exposición mediática que chegou ata aquí por medio de artistas galegas como Clara Sobrino Heyvaert, máis coñecida como Clara!, que tamén é vocalista e DJ.
Foi desde Bruxelas como Clara! conseguiu facer un nome a partir dunhas orixes marcadas polos seus comezos serodios como produtora: «Comecei bastante tarde, sempre me gustou moito a música pero non me atrevía a entrar. En parte polo condicionamento que vivimos as mulleres desde pequenas, supoño que sentín que era algo de homes. Ademais da falta de confianza en min mesma, tamén creo que se debe ao efecto dunha educación patriarcal. Non me refiro ao que aprendín na casa, que teño unha nai activa e creativa, senón á sociedade», explica.
Este arranque chegou un dí cando «a miña amiga Juliette, DJ Amigo III , pediume que tocase música nunha pequena festa, porque coñecía a miña paixón», cóntanos Clara. «A experiencia gustoume moito e creei un soundcloud no que subir mixes con diferentes estilos. Cando subín o primeiro mix de “Reggaetoneras”, recibín máis atención e o selo discográfico Gravats, que son amigos do meu ex (todo na vida son contactos), suxeriu que fixese unha cinta.»
«A cinta tivo unha boa acollida», explica, «pero saíu cando eu estaba súper embarazada, polo que retardou un pouco as cousas. A primeira data que me propuxeron para un evento “real”, non entre amigos, coincidiu co día do meu parto». Clara comezou a cantar aproximadamente un ano despois: «O meu amigo Florent (Maoupa) veume ver pinchar. El non escoitaba nada de reggaetón, pero veu apoiarme. Ao final, díxome de facermos música xuntas, e eu respondín que non sabía cantar, mais el dixo que me vira sincronizando os labios mentres pinchaba».
E como foi esta pesquisa? A DJ explica que atopou as artistas «en foros antigos, pasando moitas horas en Youtube, colocando anuncios en grupos de Facebook, etc. Para que se sentise un pouco de onde vén e onde vai, quería que houbese tanto de oldschool como do máis actual posible». Como aínda non sabía mesturar «pedinlle axuda ao meu ex, que aprendera un mínimo de técnica como adolescente. Xuntos buscamos unha orde para todo isto e intentamos mostrar o divertido que era facelo, pois algo que me gusta moito deste tipo de música é o humor e a falta de complexos, como o uso dos samples. As letras explícitas tamén me fan rir moito. Para a intro e o skit tomamos anacos das firmas do comezo e final dalgunhas cancións. Sempre me fascinaron aqueles momentos nos que o produtor ou produtora di o seu nome e cousas como “para a miña xente”... con efectos intelixentes e divertidos. Para darlle forma, inspirámonos en Dj Kost e Dj Goldfinger».
Nas cintas de Reggatoneras Clara! leva a cabo unha mix tremendamente fogosa, na que reduce a intensidade dos baixos, e sempre busca a esencia esquelética dos ritmos. Afrodisíaco rítmico que ten moito que ver coas intencións sinaladas pola DJ e autora de cómics Teresa Ferreiro na entrevista que lle fixo a Clara! en Ruido de Fondo hai uns meses: «Comentaches sobre como se relaciona o reggaetón coa túa adolescencia e o espertar sexual que comporta. Eu tamén o ligo con esa etapa das nosas vidas e creo que tamén o fai moita outra xente. Aínda que hai unha opinión de que o reggaeton é un movemento que contribúe á obxectivización das mulleres, tamén existe a defensa deste xénero como movemento de liberación sexual feminina».
A partir da cinta de Reggaetoneras, xurdiron mais, como Reggaetoneras 2, onde se mergulla nos recunchos underground do reggaetón, ao tempo que busca romper tópicos e estereotipos sobre este xénero musical. Neste sentido, unha das pescudas levadas a cabo por Clara foi investigar e recoller un gran número de voces femininas dentro do reggeatón. Máis aló do feito de comprobar o alto número de mulleres involucradas nesta escena, «decateime da importancia de forzar as cousas para lograr a igualdade. Antes, a obriga de meter artistas femininas nun festival molestábame. Pensaba que o importante era a calidade do artista, non o seu sexo. Pero entendín dun xeito práctico como funciona. Para min non existían todas esas mulleres, non as coñecía porque non tiñan visibilidade. Buscándoas activamente, pasando horas investigando, descubrín unha chea de voces femininas. Se non fixese a miña misión de atopalas, só tería acceso aos homes MCs, porque son os que contaron co apoio da industria e os que chegaron aos meus oídos sen esforzo. Hoxe as cousas cambiaron moito neste xénero, en moi pouco tempo. Hai moitas MCs, tanto na escena alternativa coma no mainstream puro».
«Pensar que algo non pode ser bo para as mulleres porque é moi sexual é unha idea moi machista en si mesma, é suxerir que o sexo é algo reservado para os homes.»
Reggaetoneras non só acabou sendo o título dunha serie de cintas, senón tamén un lema en si mesmo, a través do que Clara explica o punto de inflexión de toda unha mentalidade: «Cando hai uns anos comezou a poñerse de moda o reggaetón dousmilero, decateime de que apenas coñecía a mulleres MCs. Pregunteilles aos meus amigos, e máis do mesmo. Os únicos que conseguiron chegar e, sobre todo, manter o éxito foron os homes. Por este motivo quixen darlles visibilidade dende a miña humilde posición, xa que eu non era coñecida en absoluto. Por outra banda, estaba cansa de xente que me repetía que o reggaeton lles parecía machista e que non era lóxico que a unha feminista puidese gustarlle. Non creo que este xénero sexa problemático, considérase así porque é moi sexual. Desde o meu punto de vista, pensar que algo non pode ser bo para as mulleres porque é moi sexual é unha idea moi machista en si mesma, é suxerir que o sexo é algo reservado para os homes. En todas as cancións de reggaeton que coñezo, elas fano porque queren, hai consentimento e gústalles. Ademais, creo que isto é máis poderoso cando elas son as que cantan, as que se afirman nesa provocación».
E como foi esta pesquisa? A DJ explica que atopou as artistas «en foros antigos, pasando moitas horas en Youtube, colocando anuncios en grupos de Facebook, etc. Para que se sentise un pouco de onde vén e onde vai, quería que houbese tanto de oldschool como do máis actual posible». Como aínda non sabía mesturar «pedinlle axuda ao meu ex, que aprendera un mínimo de técnica como adolescente. Xuntos buscamos unha orde para todo isto e intentamos mostrar o divertido que era facelo, pois algo que me gusta moito deste tipo de música é o humor e a falta de complexos, como o uso dos samples. As letras explícitas tamén me fan rir moito. Para a intro e o skit tomamos anacos das firmas do comezo e final dalgunhas cancións. Sempre me fascinaron aqueles momentos nos que o produtor ou produtora di o seu nome e cousas como “para a miña xente”... con efectos intelixentes e divertidos. Para darlle forma, inspirámonos en Dj Kost e Dj Goldfinger».
Nas cintas de Reggatoneras Clara! leva a cabo unha mix tremendamente fogosa, na que reduce a intensidade dos baixos, e sempre busca a esencia esquelética dos ritmos. Afrodisíaco rítmico que ten moito que ver coas intencións sinaladas pola DJ e autora de cómics Teresa Ferreiro na entrevista que lle fixo a Clara! en Ruido de Fondo hai uns meses: «Comentaches sobre como se relaciona o reggaetón coa túa adolescencia e o espertar sexual que comporta. Eu tamén o ligo con esa etapa das nosas vidas e creo que tamén o fai moita outra xente. Aínda que hai unha opinión de que o reggaeton é un movemento que contribúe á obxectivización das mulleres, tamén existe a defensa deste xénero como movemento de liberación sexual feminina».
Se nos centramos unicamente no traballo musical feito por Clara! á hora de buscar armar os seus mix, non cabe dúbida de que estamos ante unha sinfonía poliédrica do ritmo, que expresa o que Victor Coyote dixo no seu momento sobre a falsa simpleza dos seus argumentos instrumentais, nos que o uso en si do contratempo xa provén de máis posibilidades que na maioría de esquemas do mundo rock.
Cimentado sobre unha base teórica provista de suficientes argumentos como para desbaratar os clichés e tópicos máis repetidos ate a saciedade, o traballo feito por Clara é unha mostra de pensamento contundente, levada a cabo por unha artista galega con máis éxito en terras alleas que no seu lugar de orixe, con vindeiros proxectos como «unha cinta que debería saír pronto, na que mesturo Reggaetoneras con edits, mashups, voces miñas, exclusivas... experimentación e, sobre todo, moita diversión. Encántame o formato mixtape porque dá moita liberdade. Tamén estou a traballar en novas músicas con diferentes colaboradores, igual un álbum en solitario, aínda non o sei».