Outono medieval. As redes énchense de contidos dixitais sobre o Reino de Galicia

Co patrocinio de

Nesta altura, o que non contamos nas redes semella que non exista, por iso, repasamos o que está a dar de si este exercicio contra a desmemoria que promove o Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galiza, lanzado pola Deputación da Coruña, para socializar a historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval de Galicia. 

 

O Reino de Galicia existe desde o século V, cando chegan os suevos, e mantense como entidade cando menos ata o ano 1833. Porén, o historiador Anselmo López Carreira conta nunha entrevista en Praza.gal que «Eduardo Pardo de Guevara subliña que en ningún momento houbo un documento que puxese fin ao Reino de Galicia, polo que a entidade –aínda que integrada na coroa española– nunca desapareceu».

O historiador da Arte e investigador Francisco Prado déixanos claro que o imaxinario do Reino de Galicia está –ou debera estar– máis presente nos nosos días, pois non só a realeza británica pode presumir de grandes cerimonias. 

Nestes días, o escritor, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e director de Cultura Galega, Manuel Gago, tamén optou por achegarnos a unha figura protagonista da Galicia do século X a través dun dos seus coidados e documentados fíos de Twitter: a figura do bispo Pedro de Mezonzo.

Ao abeiro do certame Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia da Deputación da Coruña nace este proxecto da cooperativa O Cable Inglés, que conta coa colaboración da Editorial Xerais. Baseándose no libro de Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira O Reino Medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria, a bookstagramer Irene Pérez Lis vai debullando os diferentes capítulos da historia medieval galega en breves pílulas de vídeo. Os contidos de Crónicas dunha desmemoria están no Facebook, Youtube e Instagram.

A empresa Trivium ECT creou grazas a esta iniciativa do ente provincial a páxina web Forega, que ofrece información detallada sobre as fortificacións construídas na Coruña durante a Idade Media e a Idade Moderna. «Durante o desenvolvemento do feudalismo, os castelos e torres foron símbolo e centro de poder para os señores, pero tamén elementos de coerción, exercicio dos dereitos xurisdiccionais e recadación de impostos. As súas características construtivas, localización e distribución corresponden a unha lóxica histórica, cun tipo de relacións sociais e con formas específicas de guerra vinculadas ao mundo feudal», debullan os creadores do proxecto, que inclúe un mapa interactivo para ampliar a información sobre estas construcións. 

Captura de Forega.gal © Forega

A Deputación da Coruña organizou este mes o Congreso sobre o Reino medieval de Galicia, que se celebrou no Museo do Pobo Galego. As sesións quedaron gravadas e pódense consultar no seu sitio web, pero ademais, desde a conta do evento están a compartir nas redes –tanto no Twitter e no Instagram como no Facebook– datos pouco coñecidos deste período de esplendor para o país. 

Son moitas as propostas que se están a desenvolver grazas ao Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia, outro dos que xa tomou forma é a obra Terra das raíñas, da compañía Os Quinquilláns,  creou un espectáculo cómico-participativo de divulgación histórica para todos os públicos que combina técnica actoral con escenas de títeres, deseñado para representarse ao aire libre. En Padrón xa puideron gozar do espectáculo. 

Moi pronto tamén sairá á luz a creación musical de Carolina Rubirosa, Soldadeiras, un libro-disco que conectará as cantigas medievais coas tendencias musicais da actualidade. Tamén chegarán proxectos como o de GCiencia, que está preparando un podcast de 15 episodios titulado Bailando con Reis e Raíñas. Ou a tipografía que está a deseñar Alberto Sánchez Regueiro no seu proxecto A letra do Reino, co que editará en soporte informático, con plena e transversal accesibilidade para todos os soportes vinculados ás novas tecnoloxías, unha tipografía galega que teña como finalidade última contribuír á dignificación e caracterización dunha imaxe de país. Por outra banda, Nós Diario creou un podcast e ten publicado unha serie de artigos en profundidade sobre reis e raíñas da Galicia medieval. 

Desde Orgullo Galego están a facer entrevistas con historiadores e divulgadores en directo na súa canle de Twitch para abordar demoradamente o que supuxo o Reino de Galicia para a situación actual do país. O Reino de Galicia: coñecer o pasado para construírmos o futuro inclúe estas conversas con Eva Moreda Rodríguez, Xosé Ramón Hermida Meilán, Carlos Barros Guimeráns ou Héitor Picallo Fuentes, e mais o deseño dun sitio web no que tamén están a compartir infografías.

Abraham Carreiro Fernández edita un xornal infantil e xuvenil, O Papagaio, que se distribúe por bibliotecas, centros educativos e particulares de Galicia, dende o ano 2016. Coa intención de introducirse neste período histórico publicou un número especial que se pode adquirir online e que fala sobre como era a vida dos habitantes do Reino medieval de Galicia, os seus monarcas, que pasaba naquel momento baixo a Catedral de Santiago, a lingua e a separación do galego e o Portugués ou a organización das vilas.

Moi pronto poderemos ver A Historia do Reino Medieval de Galicia explicada por Teodoro e Atanasio, unha web serie que preparan desde Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega, que pretender explicar os feitos máis destacados daquela época da man de Teodoro e Atanasio, discípulos do Apóstolo Santiago. Orientada para un público xuvenil, estará protagonizada por Isabel Risco e Fran Rei. Desde Arraianos Producións, Aser Álvarez tamén traballa nun documental transmedia sobre a primeira monarca titular da historia de Europa: Urraca. A pioneira do feminismo

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.