Blues Museum. As mulleres cantan blues esta fin de semana en Lugo

Chega o Blues Museum, o Festival Internacional de Blues de Lugo, cunha forte presenza feminina nos concertos gratuítos que haberá arredor do Museo Provincial durante toda a fin de semana.

En agosto fará un ano que nos deixou Aretha Franklin pero o seu mito e as súas cancións perviven, non só na memoria senón nas voces de Astrid Jones, Juno Kotto King, Mayka Edjole e Shirley Davis. Elas forman Aretha Soul Divas, o supergrupo de homenaxe á raíña do soul que protagoniza a 3ª edición do Festival Internacional de Blues de Lugo. Ademais o festival traerá á cidade da muralla músicos británicos, norteamericanos e xamaicanos, nun panorama internacional polo mellor soul, jazz e blues contemporáneos.

As catro vocalistas de Aretha Soul Divas son moi coñecidas na escena da música negra de Madrid e o que ía ser un proxecto efémero acabou por consolidar nunha banda permanente debido ao éxito dos seus directos. Unha oportunidade única de gozar coas cancións da diva de Menphis da man dunhas intérpretes e dunha banda fantástica.

 

Unha das artistas máis importantes desta edición do Blues Museum é Yolanda Brown. A saxofonista británica de orixe xamaicana conta cunha importantísima nómina de colaboracións no seu currículo e ten un excelente directo no que mestura jazz, reggae e blues. 

Yolanda Brown nun concerto do ano pasado. © Yolanda Brown

 

Izo Fitzroy é outro dos nomes deste ano. A cantante londiniense, coa súa tremenda e persoal voz, estará en Lugo acompañada da súa banda de sete músicos e tres coristas. Blues e soul moi potente cun directo tamén moi bo.

 

No elenco deste Blues Museum estarán tamén o septuaxenario de Boston Watermelon Slim, un músico de blues máis clásico que utiliza o slide con mestría, e The Chris O´Leary Band, banda americana do cantante e harmonicista do mesmo nome.

A maiores estará por partida dobre o cantante e guitarrista británico Ben Poole. O primeiro día do festival dará un concerto e o segundo unha masterclass de entrada libre ata completar aforo. Unha boa ocasión para ver de cerca este músico de blues rock que sendo aínda moi novo (29 anos) xa está curtido en mil batallas.

 

Rhythm and blues, bluegrass, rock and roll...ao final todo ven do blues e todo está relacionado. E un pouco isto é o que quere celebrar co cartel deste ano o Blues Museum. 

Cartel do Blues Museum. © Blues Museum

 

O evento, organizado pola Deputación de Lugo, ofrecerá todos os concertos de balde e desenvolverase nos Xardíns do Museo Provincial e na praza da Soidade. Pódese consultar toda a programación na web do festival e no seu Facebook. E ademais, desde o propio festival, fixeron esta playlist cos artistas que poderas ver en directo na cidade.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.