Sonia Iglesias. A metamorfose do movemento

Desde o seu taller en Arteixo a modelista Sonia Iglesias ábrenos as portas da súa experiencia no mundo do stop-motion, que a levou a traballar en películas de Tim Burton ou Wes Anderson, e no que prepara unha curtametraxe de próxima estrea: ‘Metamorfosis’

A traxectoria de Sonia Iglesias na modelaxe en stop-motion comezou mentres estaba traballando en Narón, na empresa The Other Stone co escultor Pablo Ardao, nun proxecto de esculturas a grande escala de mitoloxía galega. Foi nesa época, hai agora unha década, cando reparou nunha oferta de traballo onde precisaban model makers para traballar en Compostela. Daquela Sonia non sabía que significaba esta modalidade, e moito menos que acababa de atopar a súa vocación. Aquel contacto derivou na súa participación na longametraxe O Apóstolo, en 2009. 

Sonia Iglesias no seu taller en Arteixo. © Teo Cid

Dentro do equipo que traballou nesta produción galega, atopábase xente que xa formara parte de filmes como Os mundos de Coraline o A noiva cadáver. A conexión con Tim Burton comezou por alí e así chegou a Frankenweenie, película na que puido traballar co artífice de filmes inesquecibles como Pesadelo antes de nadal, clásico atemporal do stop-motion.

En 2014, foi cando se adentrou nun proxecto máis persoal como a curta Metamorfosis, que xa nacera en Valencia en 2015. Alí coñeceu a Juanfran Jacinto e a Carla Pereira. Durante a súa estadía nesa cidade formou parte do Colectivo Engranaje, co que realizou entre outros traballos este vídeo de Halloween para Dinahosting. A experiencia de Sonia en Engranaje resultou básica á hora de entender o proceso creativo dentro dun grupo máis reducido. Tal como ela mesmo recoñece “iso non era unha empresa, era unha reunión entre amigos que tiñamos gustos similares e ademais nos divertíamos creando xuntos. Non tiñamos horarios, traballabamos nunha nave en Alboraya, rodeados de chufa e de gatos vagabundos que alimentabamos e ás veces tiñamos dificultades por iso no taller... A min lémbrame un poco á nave de Bart Simpson”.

Figuras que Sonia Iglesias preparou para o filme "Illa de cans", de Wes Anderson. © Sonia Iglesias

A pesar da vontade e labor adicada en Metamorfosis, o proxecto quedaría paralizado por un tempo. 

Desde as súas investigacións á hora de plantexar a osamenta que da vida e movemento ás figuras do stop-motion, Sonia Iglesias seguía subir chanzos na súa traxectoria persoal.  Un deles foi unha cúspide  desta arte como O bosque de Haquivaqui, na que a model maker galega formaba parte do equipo que estaba traballando nos estudios Pedri Animation, en 2015. Foi ese mesmo ano cando recibíu a chamada de Andy Gent, quen xa fora xefe do departamento de bonecos en Frankenweenie. A razón do contacto era nada menos que para participar en Illa de cans, a aclamada longametraxe de Wes Anderson, do ano 2018. 

Nun equipo de máis de 600 persoas, a comunidade galega non só contaba coa presenza de Sonia, senón tamén coa de Cristina Acuña, Daniel Abalo e Hugo Vieites, entre outros. 

Pero o filme de Wes Anderson tiña a dificultade engadida de evitar o uso do deseño por computador para armar as paisaxes, e tamén tiña prohibida a dúplicas de personaxes. Se había unha máxima, esa era facer todo o posible baixo as regras do stop-motion: desde os esbirros dos cans á nube das pelexas.  

Traballando nunha das esceas míticas de 'Illa de cans'. © Sonia Iglesias

O éxito no resultado final en Illa de cans foi un incentivo máis na ascendente carreira de Sonia, quen nestes dous últimos anos multiplicou as súas conferencias acerca do seu traballo no stop-motion, portando a defensa dunha disciplina en minoría respecto á superficialidade estética do 3D. 

Tras as vivencias en Illa de cans, Sonia regresou de Londres e decidíu montar un taller para ter una estabilidade e base en Arteixo. Normalmente móvese por proxectos e a maioría deles son no estranxeiro, “pero tendo o taller podo traballar desde a casa. Desde aquí realicei as estruturas para as personaxes principais de El diario de Bita y Cora, unha serie dirixida por Vicent Mallols e producida por Paloma Mora. Tamén preparei os esqueletos para o videoclip de stopmotion de IZAL que dirixiu Manu Rubio Nájera”, explica Sonia.

No verán de 2015, tamén foi cando en propias palabras dela: “queimei a man con aceite fervendo fritindo pan chinés. Estiven tres meses coa man vendada sen poder facer nada. De feito pensei que nunca máis podería volver soldar. Afortunadamente recupereime bastante ben. Foi daquela cando tiven a oferta para irme a Lyon a traballar en Ma vie de Courgette (2016)”.

Desde Arteixo foi como renaceu o proxecto da curta Metamorfosis. Un no que destaca a fisionomía dos personaxes, e que tivo o atractivo para ela de traballar con total liberdade á hora de realizar os esqueletos. Como mellor exemplo, “esta é a personaxe de Metamorfosis, neste vídeo pódense ver as bisagras de gafas que utilicei para os cóbados”, describe Sonia. “Normalmente nunca se ven as estruturas dos bonecos, digamos que o meu traballo fica sempre escondido debaixo do corpo, polo que tampoco podo dicir «ei, iso que ves fíxeno eu». Como di o meu amigo e compañeiro  de choio Carlos Padilla, encargado tamén de facer estruturas, a nosa relación cos animadores é como a do luthier co músico. Nós estudamos o personaxe, a anatomía, a acción, os materiais, e deseñamos a estrutura da mellor forma posible para que o animador consiga darlle vida”.

Na volta á acción de Metamofosis, o equipo ampliouse  con xente como Óscar Rodríguez como xefe de taller. Agora mesmo xa acabou a post-produción. O trailer sairá en breve e a estrea desta curtametraxe en España será no festival de Cinema de Xixón de 2019. Esta é a guinda final a unha aventura de catro anos que por fin terá a visibilidade que se merece a labor de creación de Sonia. Unha fortemente apegada á dinámica de “destripar=crear” como modo de pesquisa artística.

Destripando para crear. © Óscar Rodríguez
Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.