A memoria que lesiona o peito

Co apoio da Secretaría Xeral de Política Linguística

Regresamos á lembranza dos días en que a cidade de Ferrol tratou de restablecer a memoria histórica coa retirada da estatua ecuestre de Franco dunha das súas prazas principais. Esta reportaxe complementa o podcast sobre a novela Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero, que protagoniza o 5 e derradeiro episodio da segunda temporada de NALINGUA. 


Ferrol. 30 de outubro de 1910. Nace Ricardo Carvalho Calero. Ademais do seu perfil senlleiro e chave para a literatura e a lingua galegas xa coñecidas, é un dos tantos autores, unha das tantas persoas que padeceron os designios da guerra civil e da ditadura. Ricardo pasou cinco anos na cadea. Aínda que nunca foi ben visto nos contextos oficiais, anos máis tarde, diante da casa de Rosalía de Castro, Carvalho foi galardoado co Pedrón de Ouro. Foi en 1967, ano no que, na praza de España da súa terra, se instalaba a escultura ecuestre de Franco pagada, entre outros ingresos, vía peditorio popular no que se obtiveron máis de 2 millóns de pesetas. Coinciden na memoria dous actos que anuncian a convivencia dos vellos e dos novos tempos.

Seguimos en Ferrol, pero é 2002.  Franco leva varios días engaiolado, agardando ser izado cun guindastre. Sete toneladas e máis de seis metros con forma de Franco nun cabalo son trasladadas na noite do 4 de xullo. O documento que acredita a entrega da estatua ecuestre ten a sinatura do director do Museo Naval da Armada e do máximo representante do Concello de Ferrol. Na rúa, expectación social e mediática, incluso de ámbito internacional. Son as dez da noite, por diante máis de tres horas de traballo. O ambiente é festivo. Desde a praza de España, parte un cortexo de xente que canta:

“Se va el caimán, se va el caimán”.

-Soa tamén nos ouvidos dos republicanos exiliados que escoitan Radio Pirenaica eludindo a censura.

“Se va el caimán, se va el Caimán”,

      repenican os distintos chíos en Twitter arredor dun tema que está a ser tendencia:

a exhumación de Franco.

Igrexa Castrense de San Francisco (Ferrol) que alberga no seu interior a cruz e o lema 'Caídos por Dios e por España'. © Sergio Pascual

24 de outubro de 2019. Unha tonelada e media en forma de lousa de granito é retirada da fosa onde están os restos do ditador corenta e catro anos despois do seu enterro. Son as 11:48 horas, logo de sesenta e tres minutos de traballo. Pasaron doce anos desde que se aprobou a Lei de Memoria Histórica. Un ano antes, o 31 de outubro, un home duns cincuenta anos entra no Val dos Caídos. Espreita ao seu arredor. Axeónllase e pinta en vermello sobre unha lápida “por la libertad” cunha pomba da paz. Resoa no espazo “Por la libertad y por la reconciliación de todos los españoles, para que no haya ningún bando vencido, por la libertad”. Quedan tres anos para que Enrique Tenreiro sente no banco. Dun lado acúsano dun delito contra a liberdade de conciencia e do custo da limpeza. Doutro lado: acto de profanación. Pero isto aínda non aconteceu, o xuízo celebrarase neste 2021.

Outubro é un mes que se repite e se enreda na memoria histórica, na quebra do pacto de silencio fraguado na Transición. Na irrupción da memoria da guerra civil no debate sociopolítico. Outubro tingue a historia de ocres, as follas secan e caen axudadas polo vento. Mais antes de que a Lei chegase e de que se comezase a traballar na futura Lei de Memoria Democrática, tiveron lugar iniciativas orientadas a despoxar a simboloxía franquista dos lugares públicos. Unha delas, na cidade na que naceu o propio Franco. A escultura de Franco a cabalo pasaría da antesala do Museo Naval, no Patio de Poñente, a un lugar oculto do recinto militar. Antes diso: chamadas de teléfono, negociacións políticas, xestións e presións desde diferentes ámbitos. Conversas co presidente da Xunta de Galicia, daquela Manuel Fraga, e co Ministerio de Defensa. Algunhas desas xestións fixéronse, ironías da vida, nun acto polo 75 aniversario do voo Plus Ultra, no que o irmán de Franco, Ramón, fixera unha viaxe  entre Palos de la Frontera e Bos Aires. Alí, nese acto conmemorativo, estaba Xaime Bello, en calidade de alcalde de Ferrol polo BNG: «Coincidimos co ministro Trillo etc. E alí tamén houbo unhas xestións para que ao final se pechasen unhas negociacións a través do alto Xefe de Estado Maior, do almirante da Armada. Incluso politicamente hai que dicir que Fraga freou algo en canto a que, ben, chegou a admitir publicamente que chegara o momento, ao mellor, de buscarlle unha saída á situación», recorda.

Xaime Bello ten no seu estado de Whatsapp unha frase que parece moi acaída neste texto. “Os recordos lesionan severamente o peito. Xohana Torres”. Para el, podería resumir o proceso de retirar a estatua de Franco porque «houbo xente progresista que pensaba que era chegar aos sitios, embarcar e facer todo. Iso ten as súas dificultades e incluso se pode defraudar toda esa xente que pensa que se pode ir máis rápido. Algúns xa querían fondealo na ría ou metelo nun alto forno. A escultura de Franco, queirámolo ou non, era un ben público e entón era unha situación que había que manexar».

Xaime Bello: «houbo propostas dalgún concello que quería a estatua; un alcalde do PP de Moeche quería o cabalo pero non o xinete».

No momento en que Xaime Bello tomou a decisión de retirar a escultura de Franco dentro dun proxecto de remodelación da praza con inclusión dun aparcadoiro no subsolo, soaron distintas opcións de futuro para o xinete, alén do eido institucional. O daquela alcalde lembra algunhas delas cun sorriso na boca: «houbo propostas dalgún concello que quería a estatua; un alcalde do PP de Moeche quería o cabalo pero non o xinete». Seica ningunha proposta se formulou en firme. En 2017 a deputada de En Marea Yolanda Díaz, hoxe ministra e entre 2007 e 2008 tenente de alcalde en Ferrol, presentaba unha moción no Congreso dos Deputados para que se fundisen as sete toneladas de bronce da estatua e convertelas nun monumento na honra das vítimas da ditadura. Tampouco prosperou por agora.

Alén das anécdotas, recoñece o exalcalde de Ferrol que «a cousa non foi tan sinxela. Primeiro, aínda que había unha parte da poboación que demandaba esa retirada, aínda que eran minoritarios, saíron á rúa e durante tres ou catro meses concentrábanse todos os domingos arredor da estatua. Presentáronse varias denuncias particulares, a min dúas ou tres que logo non prosperaron». Recoñece ademais que sufriu acoso mediático a través de medios locais e campañas tóxicas. Con todo, tamén recoñece que houbo xente que colaborou para arrefriar a situación, como personalidades da política ou mandos militares. Xaime Bello lembra o significado da retirada da estatua nun Ferrol «onde a represión, o fascismo e as intervencións criminais foron terroríficas».

Escultura de Camilo Alonso Vega, Ministro de Gobernación na ditadura, no hospital Juan Cardona (Ferrol). © Sergio Pascual

Intervencións criminais. Outro alcalde, outro Xaime. É 1936 e o rexedor de  Ferrol Xaime Quintanilla Martínez é fusilado. O seu fillo, Xaime Quintanilla Ulla, converteríase no primeiro alcalde da democracia e, en 1981, despois de adiar o pleno por mor do 23F, ordena cambiar o nome de máis de sesenta rúas da cidade relacionadas co franquismo. Isto aconteceu un ano antes de que Ferrol perdese o apelido “del caudillo”.

A memoria histórica antes da memoria histórica. Semella unha data temperá, pero segundo Los simbolos y la memoria del Franquismo de Jesús de Andrés Sanz, a partir dos oitenta «modificáronse nomes de rúas e retiráronse monumentos, aínda que de forma pouco sistemática, sen que houbese directrices do Goberno Central (liderado por UCD, Unión de Centro Democrático) e deixando a decisión en mans dos alcaldes». 

Con todo, os restos do franquismo non son só a simboloxía. O escritor Manuel Monge lembra que tamén «son a Lei de Amnistía que impide xulgar os crimes do franquismo, son tamén a existencia de máis de vinte fundacións que se dedican á exaltación do franquismo e reciben subvencións oficiais, e aquí non pasa nada!». No seu libro Os restos do franquismo en Galiza (Edicións Laiovento) catalogou máis de 600 símbolos franquistas en 90 concellos de Galicia. Explica Monge que isto se debe a dúas cuestións. A primeira, a que non houbo ruptura co franquismo senón “unha chamada Transición”. A segunda, á ambigüidade da Lei, que produce distintas aplicacións e mesmo a falta da súa catalogación. Tamén alude Monge González a persoas intocables. «Hai unanimidade en todas as forzas políticas para dicir que o que sucedeu co pazo de Meirás ou coa Casa Cornide foi un auténtico roubo, pero cando é público quen son os organizadores ou promotores dese roubo (Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina Brandao ou Sergio Peñamaría de Llano), non se atreven a tomar medidas e aí seguen, de fillos predilectos e dándolles nome ás principais rúas da Coruña», remata Monge.

Manuel Monge: «Hai unanimidade en todas as forzas políticas para dicir que o que sucedeu co pazo de Meirás ou coa Casa Cornide foi un auténtico roubo, pero cando é público quen son os organizadores ou promotores dese roubo non se atreven a tomar medidas e aí seguen, de fillos predilectos e dándolles nome ás principais rúas da Coruña»

No seu libro Monge documenta que, concretamente en Ferrol, aínda quedan 48 símbolos franquistas, fillos adoptivos ou predilectos. «Militares golpistas que perderon a rúa en Ferrol en 1981 por acordo da primeira corporación democrática, aínda conservan nove rúas no arsenal militar».  Desde a Asociación Cultural de Memoria Histórica Manuel Fernández critica tamén que aínda o rueiro do arsenal inclúa referencias ao franquismo. Desde a súa Asociación pediron que se retirasen as referencias ao franquismo do arsenal: «conseguimos quitar a estatua de Franco do Museo Naval pero non os nomes». Fernández agarda que esta situación mude coa nova Lei de Memoria Democrática, que valora positivamente por «declarar nulos os xuízos do franquismo». Pon de exemplo Narón, onde non queda ningunha rúa con restos do franquismo, froito dunha acción progresiva. Fernández tamén pon o foco naqueles nomes que, sen pertencer aos mandos militares, están dalgún xeito vencellados ao franquismo. Refírese a «Torrente Ballester, moi bo escritor pero non deixaba de ser un falanxista, ou Camilo José Cela, que chegou a ser censor do réxime”.

Ferrol 2021. Neste Ferrol. sen apelido, aínda militares golpistas e falanxistas son fillos predilectos e adoptivos. No paseo fotográfico pódense recoñecer só 4 dun total de 24 rúas, esculturas, placas e escudos. Coinciden na memoria dous actos que anuncian a convivencia dos vellos e dos novos tempos. A memoria ou, mellor dito, a falta dela, lesiona severamente o peito.

Placa ubicada na Concatedral de San Xiao (Ferrol). © Sergio Pascual

Na imaxe da cabeceira, estatua de José María González-Llanos (militar que participou na sublevación do 36) na avenida de Esteiro (Ferrol). © Sergio Pascual

Lucía Abarrategui

Lucía Abarrategui

Son licenciada en Comunicación Audiovisual e despois de pasar por varias radios, cofundei Laboratorio de Radio, onde fago micro e aprendo ensinando.

Escoita o podcast relacionado

  • NALINGUA

    Nalingua #10: 'Scórpio'

    Se este podcast fose sobre Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero, merecería un episodio ao nivel dunha obra conmovedora, complexa e que amosa o enorme talento literario dun dos máis grandes estudosos do galego. Comeza NALINGUA! 

    Co apoio da Secretaría Xeral de Política Linguística

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.