Un documental, unha colección de libros, unha curtametraxe, un cómic, e un soporte para o portátil. Estes proxectos son ben interesantes, son galegos e algúns rematan en nada. En VINTE animámoste a que achegues a túa colaboración. Aquí os tes e colocadiños segundo os días que lles quedan.
1. Isósceles, un soporte de portátil exclusivo feito de xeito artesán polo deseñador coruñés Rafael Fernández.
Desde o estudio de deseño Oitenta Rafael crea obxectos únicos para o fogar que, como el mesmo describe na súa web, xuntan a funcionalidade coa emoción. Este Isósceles é un soporte minimalista, pregable e ben bonito. Ideal para poñerlle ao portátil e así non mancar o lombo cando traballamos. O proxecto está en Kickstarter e quédanlle uns días para rematar. Dádelle, que non todo vai ser Ikea.
2. Librería Paradiso, un cómic para salvar unha tenda
Kikomic é unha librería de banda deseñada situada na Ronda de Outeiro da Coruña. Leva 12 anos aberta, nos que se converteu nun lugar de reunión imprescindible na cidade para todos os amantes do cómic. Agora está en apuros e e en risco serio de desaparecer. Para iso fixeron esta campaña en Verkami que ten como finalidade editar un cómic que sirva para refinanciar a tenda e concienciar sobre a importancia do comercio local. Nesta obra colectiva participan un feixe de creadores e entre eles xente tan coñecida como Kiko da Silva, Aitor I. Eraña, Albert Monteys, Cels Piñol, Manel Cráneo, ou El Torres, entre outros. Quedan 19 días e pódese participar desde só 10 euros. Non hai escusa.
3. O Dentón, un documental sobre o máis parecido ao LSD galego
“A miña avoa traficou con LSD”. Este foi o titular co que arrincou este proxecto de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, ou o que é o mesmo, a produtora Illa Bufarda. A frase non é de todo exacta. O caruncho de centeo, ou tamén chamado dentón, é un fungo que tivo unha importancia enorme na Galicia de mediados de século. Usábase para facer medicinas para os partos ou tamén como alucinóxeno. O caso é que o chamado “volframio vexetal” chegou a pagarse moi caro, e arredor del hai múltiples historias. Illa Bufarda ten unha campaña en Goteo para levar adiante este filme. Quedan 22 días e xa están no 43%.
4. A nova curtametraxe de Álvaro Gago, 16 de decembro.
Despois da multipremiada e aclamada pola crítica Matria, Álvaro Gago volve cunha nova curtametraxe que conta a historia de Lucía (Cristina Iglesias), unha moza de 25 anos que é xogadora de balonmán, e que ten que ir buscar a seu irmán en coche ao saír dun adestramento. 16 de decembro está ambientada en Vigo, e conta o que lle sucede a Lucía durante ese traxecto. Non hai que saber moito máis, porque o equipo é o mesmo que o de Matria, e xa demostraron sobradamente a calidade que teñen. En Verkami aínda lle quedan 22 días e xa están moi cerca dos 16000 euros necesarios. Podes colaborar desde só 5 euros, menos do que che custa ir ao cine.
5. Mujeres negras que cambiaron el mundo, unha colección para visibilizar todo o que as mulleres negras achegaron á historia universal.
Zinthia Alvarez Palomino é unha xornalista negra e afrodescendente que vive na Coruña. Forma parte do colectivo Afrogalegas, que busca loitar contra o racismo e darlle visibilidade ás mulleres galegas afrodescendentes na nosa sociedade. Neste proxecto Zinthia quere contar as vidas de mulleres negras que foron moi relevantes nos seus respectivos campos e que a historia oficial sempre negou. O primeiro volume, Mujeres negras en la ciencia, reúne 12 biografías ilustradas de mulleres negras que foron pioneiras no ámbito da ciencia e que seguen sendo unhas descoñecidas. Un proxecto realmente interesante no que podes facer a túa achega desde só 15 euros. Bule por que a campaña de Verkami remata en 22 días.