Presentamos 'Ondeando', o novo single e vídeo de Chicharrón

Velaí vai en primicia un adianto do agardado novo disco de Chicharrón, que levará o título de ‘Unha fogueira intacta’. E facémolo con este primeiro single: “Ondeando”. Así o describe a banda: 

 

«”Ondeando" é unha canción que arde, dentro nunha fogueira intacta. É un disco sobre o misterio e a esperanza, que busca no azar, nas tensións do descoñecido, no fóra de campo e no erro como impulso. É un disco colaborativo no que nos xuntamos con artistas coas que sempre quixemos colaborar como é o caso nesta canción de Cibrán Tenreiro, Sara Iglesias, Víctor Vacaloura ou Leo Sousa. O vídeo é obra da nosa directora fetiche, Sara Iglesias.»

 

‘Unha fogueira intacta’ sae na primavera do 2021 e edítao Ferror Records. Pero podemos ver antes a Chicharrón en directo na xira de miniconcertos que darán acompañando a película ‘Ons’, de Alfonso Zarauza, de cuxa banda sonora fan parte, e que se estrea nos cinemas o 18 de decembro. 
 

Créditos

Dirección: Sara Iglesias

"Ondeando" foi gravada en setembro do 2020 no Estudio Terraforma por Ibán Pérez. Mesturada por Ibán Pérez e Rubén Domínguez. Producida por Rubén Domínguez. 

Alberto M. Veciño, Mara Pérez e Mar Catarina: voces Víctor Vacaloura: guitarras Cibrán Tenreiro: batería Ibán Pérez: baixo e percusións. Sara Iglesias: saxo Leo Sousa: ruído Rubén Domínguez: programacións

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.