'Por última vez'. Ataque Escampe estrean unha versión da canción que levou Ana Kiro ao Festival de Benidorm en 1967

Agora que o festival de Benidorm volve ser algo do que falar, e ademais coa impoñente presenza galega de Tanxugueiras, non vén mal recordar que a Máis Grande, Ana Kiro, estivo alá no ano 1967 cun temazo pop titulado 'Por última vez'. Ataque Escampe non o tiñan esquecido e quixeron facerlle esta homenaxe cantando en galego a canción, como parte do proxecto Puro Deleite, un recompilatorio de versións de clásicos da canción galega feitos por artistas actuais que impulsa Deleite. 

 

A banda compostelá explica así por qué escolleu un tema desta artista: 

 

«Ana Kiro é unha das iconas máis rotundas que temos no país a nivel musical, pero non sempre se lle recoñeceu o mérito, como pasa con moitas artistas populares. Nós quixemos reivindicala indo a unha parte da súa carreira que aquí é máis descoñecida: nos anos 60 e 70, Ana estaba aínda emigrada en Barcelona e gravaba para o selo Belter en castelán. Os seus discos desa época non nos emocionan polo pouso galego das letras e as músicas, senón simplemente polo estupenda que era como cantante, e se cadra un dos temas que mellor o amosan é “Por última vez”, que é unha canción de ruptura moi emotiva e na que Ana soa delicada e poderosa a un tempo. Nós tentamos manter ese espírito, pero adaptamos a letra ao galego con algún pequeno cambio e fixemos tamén algunhas alteracións no musical: hai un par de engadidos que cambian a estrutura, non temos o órgano da versión de Ana pero si que incorporamos sons novos nos sintetizadores e as guitarras, coros… e claro, unha voz completamente diferente. Se nos achegamos un pouco a ese carácter delicado e poderoso da orixinal xa podemos estar contentos.»

Créditos

Reinterpretación do tema “Por última vez” de Ana Kiro (Belter, 1967) a mans de Ataque Escampe para Tremendo Audiovisual.

Música orixinal de Mario Sellés e letra de Vicente Beltrán, adaptada ao galego por Ataque Escampe.

Produción artística do Hevi.

Gravada e mesturada por Carlos Quintá n’As Gonzalinhas (Lalín) en xuño de 2021 coa colaboración de Alberto Quintá; masterizada por Carlos Hernández en El Castillo Alemán (Pedrezuela).

 

Deseño gráfico de Ataque Escampe sobre unha foto de Bea López.

Con:

Julio Vilariño Cabezas: sintetizadores

Cibrán Tenreiro: batería, pandeireta, carillón e crótalos

Lois G. Carlín: baixo e coros

Miguel Mosqueira: guitarra e coros

Samuel Solleiro: guitarra

Álex Charlón: voz

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.