9 lecturas para este 8 de marzo
Recomendamos nove libros de certa actualidade que nos achegan olladas diversas sobre a literatura, a vida, o propio feminismo… ante todo son lecturas coas que gozar e celebrar a calidade das mulleres escritoras agora e ao longo da historia.
Recomendamos nove libros de certa actualidade que nos achegan olladas diversas sobre a literatura, a vida, o propio feminismo… ante todo son lecturas coas que gozar e celebrar a calidade das mulleres escritoras agora e ao longo da historia.
- 01
ILLA DECEPCIÓN, DE Berta Dávila
O confinamento, ver crecer o seu fillo e o xeito de buscar os lugares onde comezamos a ser… Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) crea unha distopía na que reflexiona sobre o concepto de casa, das sensacións esquecidas e así, por culpa dun soño , decide regresar ao apartamento onde viviu coa súa familia hai máis de vinte anos.
- 02
A MESTRA CORREMUNDOS, de Arancha Nogueira, con ilustracións de Ana Varela
Xa que pensamos en recomendar lecturas creemos que é bo pensar en todas as idades así que aquí vai un recomendación infantil. A través da personaxe de Dora coñeceremos a súa irmá, Pura Vázquez, nesta historia que escribe a poeta Arancha Nogueira (Ourense, 1989) e na que a sororidade, a lingua, a escrita e a importancia das mestras son algunhas das palabras que resoan no texto.
- 03
TAMBIÉN ESTO PASARÁ, de Milena Busquets
No ano 2015 Milena Busquets ( Barcelona 1972) reflectiu na súa segunda novela a historia de Blanca, unha muller mergullada no loito pola morte da súa nai. Falar de perda sen caer no tráxico non é doado pero Milena Busquets foxe do convencional cunha novela que fala da vida, das relacións, dos recordos e da alegría.
- 04
HAMBRE, de Roxxane Gay
Con esta obra a escritora e activista estadounidense, autora da obra Mala feminista, fai un percorrido pola memoria do seu corpo, que sufriu unha violación en grupo cando ela tiña doce anos. Tras este feito Roxxane Gay (Omaha, 1974) pasa por un mundo de culpa, vergoña e rexeitamento de si mesma e que ten como resultado a obesidade mórbida que padece : «Na miña vida hai un antes e un despois. Despois de gañar peso. Antes de que me violasen, despois de que me violasen», relata neste canto contra a gordofobia e o acoso ao corpo das mulleres.
- 05
POESÍA REUNIDA (1982-2004), de Xela Arias
O 4 de marzo foi o 59 aniversario do nacemento desta poeta e tradutora falecida en 2003, a quen se lle dedica este ano no Día das Letras. Unha artista que dicía non atopar ningunha “xeración” á que pertencer e que nunha entrevista que lle concedeu a Manuel Rivas no ano 1990 respondía así ao ser preguntada polo feminismo: «Dáme rabia ter que dicir que son feminista. Pásame igual que co nacionalismo. Deixarei de ser unha cousa e outra cando as nacións xulgadas non o sexan e as mulleres discriminadas non o estean.»
- 06
DESPUÉS DE LO TRANS, de Elizabeth Duval
Nos últimos tempos Elizabeth Duval é unha das caras máis visibles na defensa dos dereitos das persoas transxénero, pola súa propia condición de muller transe e por ter nacido no ano 2000, co cal é unha das primeiras intelectuais da xeración Z. Intelixente e aguda na análise, esta semana publica Después de lo trans, un ensaio escrito antes de que o discurso transexclusivista a fixera ter que baixar á lameira dese debate e no que se propuña superar o reducionismo das etiquetas que condenan a moitas persoas queer a un gueto identitario. O primeiro capítulo pódese ler en Babelia.
- 07
POR QUÉ VOLVÍAS CADA VERANO, de Belén López Peiró
Neste libro podemos sentir o horror dende as mans ata a boca do estómago. Belen López Peiró (Buenos Aires 1992) denunciou o seu tío polos abusos sexuais que sufriu durante toda a súa adolescencia. A través dunha testemuña en primeira persoa a escritora reflexiona sobre os motivos que levan a gardar silencio, sobre a victimización do verdugo, e faille unha crítica ao sistema que alonga o proceso de sufrimento da persoa abusada.
- 08
EMILIA PARDO BAZÁN, LA LUZ EN LA BATALLA, de Eva Acosta
Trátase dunha reedición da biografía que xa fora publicada pola autora Eva Acosta (Sevilla, 1957) no ano 2007 e que achegou a figura de Emilia Pardo Bazán dende un punto de vista moito mais íntimo e dando mostra de toda a súa complexidade creadora, así como do papel da escritoria en nos acontecementos históricos do seu tempo. Este ano cúmprese o centenario da súa morte.
- 09
EL AÑO DEL PENSAMIENTO MÁGICO, de Joan Didion, ilustrado por Paula Bonet
Nun espazo de tempo moi curto a escritora Joan Didion ( Sacramento, 1934) tivo que asumir a morte repentina do seu marido e a da súa única filla tras unha longa enfermidade. O peso da ausencia , a densidade do tempo e os trámites materiais máis traumáticos como desfacerse das pertenzas dos mortos son algúns dos temas nos que Didion da mostra nas páxinas desta obra. Esta edición marabillosa é o agasallo perfecto para quen queira gozar da escritura de Joan Didion da man das ilustracións de Paula Bonet.