Pola aldea de San Xoán de Alba, ao pé da N-634, pasa o tramo do Camiño do Norte que leva de Vilalba a Baamonde. Alí está Casa Nicanor, unha casa que foi taberna e que agora acolle actividades culturais para veciños e visitantes. A poucos metros, no tramo polo que pasan os peregrinos, hai un QR que nos abre a ventá do móbil a unha esperiencia audiovisual pensada e feita para ser gozada nese mesmo lugar.
Trátase de Paradoxo, unha peza artística na que se xuntan varios elementos que fan dela unha das obras máis singulares que poderemos ver este verán en Galicia. Primeiro, o feito de estar vinculada a un espazo moi concreto, que fai que teñamos que desprazarnos ata alí para vela nas condicións adecuadas. Segundo, está presente a videodanza da man dos bailaríns e actores María Roja e Fran Martínez, con música de Nacho Muñoz e estilismo de Paula Grandal, todos dirixidos por Lucía Estévez. Terceiro, e se cadra o máis importante: conta cunha narradora de luxo, Ana Senra, poeta e profesora de LSE, que adaptou o guión inicial de Marcos PTT Carballido, director artístico do proxecto, para que as metáforas e ideas presentes no texto fosen accesibles para persoas xordas.
O traballo acada así unha profundidade máis interesante aínda, xa que non se trata dunha obra feita por persoas oíntes e despois adaptada a persoas xordas, senón que está cocreada por unhas e outras e é accesible para todas elas. Este era un dos obxectivos de fondo da Asociación Extramundi, impulsora deste proxecto canda o Colectivo Galiza Emocional, que xa levan un tempo facendo experiencias semellantes a través de audiopaseos por lugares como o barrio de San Pedro en Compostela.
Facer estes audiopaseos, inspirados por artistas como os canadenses Janet Cardiff e George Bures Miller, tiña o problema de que as persoas xordas ficaban fóra da experiencia, por iso desta vez quixeron valerse do vídeo para crear unha experiencia que Marcos PTT e Lorena Durán, da Asociación Extramundi, chaman “realidade aumentada low-fi” porque, aínda que o que vemos polo móbil é un vídeo gravado hai xa case un ano, o espazo é o mesmo no que se supón que estamos cando facemos o audio paseo, co cal podemos ver a un tempo a realidade na que estamos e a realidade alternativa na que nos contan historias e vemos os personaxes interactuando con árbores, casas, prados, camiños.
Vídeo-paseo polo Camiño Norte
De feito, a experiencia -estivemos alí para comprobalo- ten algún plus que non dá a realidade aumentada: o espazo que vemos na pantalla non é do presente senón que nos leva a un pasado indefinido, no que as árbores poden ter outra cor ou a herba estar máis alta, mais sobre todo o que vemos é un espazo filmado, tratado cinematograficamente. Non só pasan cousas senón que viaxamos no tempo. E a historia que se nos conta lévanos ademais a outras épocas que tampouco eran alleas a pandemias globais.
O filme no futuro poderase ver máis alá dese enclave e percorrerá festivais e outros circuitos culturais, mais o ideal é achegarse ata Vilalba para gozar in situ dunha experiencia que dura pouco máis de 20 minutos. E de paso, facendo o Camiño do Norte ou indo a propósito, coñecer Casa Nicanor, un proxecto que pouco a pouco vai convertendo unha antiga taberna da familia das irmás Ana e Sol Álvarez, nun espazo de dinamización cultural e desenvolvemento rural pensado por millennials pero aberto a todas as xeracións.