O Grove, terra de directos

O éxito do Náutico cos seus concertos semisecretos estendeu a outros locais do Grove a aposta polos espectáculos en directo, que se puideron manter neste verán marcado pola pandemia. 

Seguramente todos e todas lembraremos o verán de 2020 coma un dos máis raros da nosa vida. E en moitos casos a verba raro queda curta para todo o que ten acontecido. Mais, no medio da pandemia, tres locais no Grove loitan por manter a ‘normalidade’ e seguir apostando polos espectáculos en directo. Porque despois da sobredose de pantalla estamos desexando gozar en persoa de ver e escoitar artistas, máscara mediante, claro. Propoñemos apurar os últimos días deste verán atípico en tres locais da península meca que ofrecen tadas as medidas sanitarias e os mellores shows.

O Náutico de San Vicente, os mellores concertos con vistas ao mar 

Miguel de la Cierva é o nome detrás o famoso Náutico de San Vicente do Grove, que xa é recomendado por artistas coma Rozalén, Vetusta Morla ou Leiva, entre moitos outros. Defíneo coma “un lugar bonito no que é fácil que ocorran cousas interesantes” pero en realidade é moito máis, e a historia do local enraízase coa do propio Miguel.

Miguel de la Cierva © Cedida

Os seus comezos datan de 1983, despois de que un club náutico que fundou seu pai non prosperase. Desde o cambio a este local hai 28 anos, Miguel apostou pola música como un dos seus sinais de identidade, pois é unha constante na súa vida que non podía nin quería eliminar: músico, técnico de son, produtor, promotor de eventos… “Son un pouco un Frankenstein no sector da música, feito de pezas de moitas áreas”, bromea.

No ano 97 xa programaban 20 concertos ao mes, no ano 2002 chegaron á trintena. “Foi unha evolución lenta pero cualitativa porque pasamos de artistas locais ao cartel do ano pasado con Vetusta Morla, Leiva, Iván Ferreiro, Lori Meyers, Jorge Drexler, Kiko Veneno, Los Secretos, Rozalén… acadando unha programación de 64 concertos no agosto pasado”. Toma aire. “Agora cambiou todo… mais aínda así fixemos 60”. Con este cambio non só se refire á pandemia senón a un xiro na estratexia que fai que decidise non anunciar quen vai actuar con antelación e apostar por unha programación sorpresa. “Levaba anos rumiando un decremento e a crise sanitaria axudou a apostar por este formato reducido, evitando aglomeracións no local”, explica. Sabe que hai quen o ve desde a praia porque o prefire ou porque quedou sen entrada, e parécelle estupendo; ou máis ben, parecíalle. Nas condicións actuais non quería ter sobre os seus ombros o peso de atraer tanta xente a San Vicente. “E de paso sérvenos para equilibrar o público entre os artistas locais con menos poder de convocatoria e os máis populares a nivel estatal”, comenta, “e poñer o foco na experiencia en si de vir ao Náutico”. Ademais, agora as súas vendas son só online coa fin de evitar xuntanzas ou fileiras inesperadas.

Actualmente mudaron as horas dos eventos, que antes situaban os concertos ás 20h e á 1 da mañá. Debido ás restricións de horario en hostalería, cambiáronos para as 13h do mediodía e mantiveron o da tarde. Por sorte, son eventos que esgotan entradas nas primeiras horas da súa publicación. “A comezos de xuño había xente desafiante co de poñer a máscara, mais agora o público xa está concienciado e non noto medo senón máis ben interese con responsabilidade”. Está contento con poder manter o ritmo de dous concertos diarios mais admite que, coa redución de aforo, “o obxectivo final é chegar a fin de ano para poder riscar do calendario o 2020 con dignidade… ou sen ela (ri). En definitiva, buscamos sobrevivir co aforo permitido”. Unha sombra de preocupación asoma na súa cara cando fala das distancias: o aforo baixou de 600 a 140 persoas como máximo. “A pandemia levou por diante o local de noite pero a localización permitiunos manter o resto de actividade e facelo viable”.

Terraza do Náutico de San Vicente, ao pé da praia da Barrosa. © Cedida

Malia todos os cambios, o que non mudou é esa aposta por unha programación ben variada. “O ano pasado demos o pelotazo co concerto de Vetusta Morla ao trelos a un sitio tan pequeno”, di. Algo que lles deu fama nacional e lles valeu o Premio Centolo de Ouro por atraer turismo á zona. De feito “hai quen di que é a sala con máis programación de España”, anuncia fachendoso.

Mais a pesar de ter a Xoel López, Love of Lesbian ou Iván Ferreiro na súa plantilla, deixa un espazo para os novos talentos. “Sinto que llelo debo, é cuestión de devolverlle o favor á música. Cando unha sala ten o privilexio de contar con artistas coma Leiva ou Vetusta Morla, créase un sentimento de débeda porque me dan o que non lle dan a case ninguna sala de España. E a miña forma de devolverlles o favor é non darlles as costas aos artistas emerxentes. Eu tamén fun emerxente. Leiva foi tamén emerxente e démoslles unha oportunidade, motivo polo que quixo seguir formando parte da nosa programación”. Non lle gusta falar de karma pero sí dunha especie de “xustiza cósmica”. Así que, ao lado da praia da Barrosa, segue acubillado neste recuncho de arte que puxo no mapa O Grove a nivel estatal.

El patio, fogar de cómicos

Nacho Escalante, canda a súa parella Belén Alfonso, son os creadores de El Patio, moito mais ca un bar de copas. El Patio é unha xoia no medio do Grove na que te podes cruzar co cómico Leo Harlem, cun concerto gratuíto ou, de súpeto, ver na barra o actor Carlos Blanco. “Tentamos sempre ofrecer algo ao público e ofrecer alternativas, non só o bonito do local en si”, comenta.

Vaquero & Clavero facendo un monólogo en El Patio. © Cedida

“Desde que abrimos El Patio en 2015, buscamos ofrecer unha alternativa no ocio nocturno e diversificar sen ofrecer só copa, senón apostando por outro tipo de eventos”. Sabían que El Náutico era pioneiro en concertos en directos e construíra xa un nome, así que decidiron seguir a estela dun local previo que tiveran e apostar polos monólogos. Comezaron facer eventos que funcionaban moi ben e pasaron de cómicos locais a algúns galegos ben coñecidos coma Javier Veiga, Carlos Blanco ou David Amor. Logo foron estes os que os puxeron en contacto con artistas do ámbito estatal como Vaquero, Berto Romero, Álex Clavero e, como el os chama, “os primeiros espadas da comedia en España”.

Antes da pandemia facían un inverno cun evento mensual e, a partir da Semana Santa, a cantidade aumentaba, chegando incluso a facer 4 eventos semanais -de mércores a sábado, todos os días que abrían- en época estival, combinando espectáculos de música en directo cos monólogos, sinal de identidade do espazo. Mais este ano o aforo baixou de 600 persoas a 200, o que provocou que descartasen os concertos – “porque non considerabamos que fosen gozar deles todos sentados e parecíanos máis difícil de controlar que todos respectasen as normas nun espazo coma o noso”- e os espectáculos de humor reducóronse á metade e decidiron poñer un aforo máximo de 140 persoas para garantir unha maior seguridade.

Público con máscara atendendo a un show en El Patio. © Cedida

Escalante confesa que “coa normativa do peche á 1 da mañá, non podemos levar adiante moitas iniciativas porque deben ser de tempo reducido ou comezar moi cedo, e nós non temos unha praia diante como pasa en El Náutico, co que custa atraer á xente cedo”. Os shows están comezando sobre as 22h para que dea tempo de rematalo antes de pechar, aínda que loitan co costume español de cear ben tarde, que provoca que “moitos aínda vaian cear ás 22h”. Reflexiona uns intres e decae o seu ton de voz, que se torna máis escuro e apesarado: “Se a normativa da hora segue moito tempo, non teño claro como imos subsistir porque é un local grande con moitos gastos e vive da noite e, en especial, do verán”, confesa. 

Malia o medo pola viabilidade económica e futuro do negocio, a Escalante pésalle máis a responsabilidade: “Non quero xuntar moita xente por se hai gromos na zona e menos agora que hai máis turismo”. Isto provoca que, a primeiros do mes de setembro, non saiba ben que vai ter programado; a incertidume polas novas medidas fai que traballen con pouco tempo de antelación. Mesmo así, conseguiron ter hai pouco a actuación de Quique Matilla e a Vaquero e Clavero, e para a fin de verán lograron mesturar a comedia de Goyo Jiménez (11 setembro) coa maxia de Iván Padín (4 setembro). Seguen traballando arreo que para que quen busque rir e gozar atope aquí un espazo seguro e un patio de xogos.

Arrocería A Lanzada: Chill out ao lado dunha das maiores praias de Galicia

Sebastián Rivas é o dono da Arrocería & Sunset Lanzada desde hai 17 anos. Nunha vida anterior o local foi unha fonda na que súa tía lles daba comida e bebida aos foráneos. “Hai 5 anos, coa idea de incentivar unha zona nova abrimos o Beach Club”, comenta Rivas. “Tamén queríamos ofrecerlles un servizo engadido aos clientes polo mesmo prezo”, apunta o xerente, Fito Álvarez

Sebastián Rivas e Fito Álvarez, propietario e xerente da Arrocería A Lanzada. © Cedida

Os concertos son sempre ás 20:30h para que os comensais desfruten mentres cean. As fins de semana, a oferta suma un músico que ameniza os mediodías. “Agradécese porque hai bastante demanda e ás veces tócalles aos clientes facer fila”, di o xerente. 

Rivas explica que a programación nútrese de músicos rexionais “sen máis pretensión que descubrir talentos locais”. Non se consideran sala de concertos senón un restaurante con extras como son esa oferta cultural e unhas vistas privilexiadas da quilométrica praia de A Lanzada, ao océano e mesmo á Illa de Ons.

Solpor na terraza da Arrocería A Lanzada. © Cedida

Actualmente teñen un aforo é de 400 persoas entre a parte interior e exterior. Non é de estrañar se temos en conta que o exterior é tan amplo case coma a praia que os acompaña. E iso que o reduciron ao 70%. Curiosamente, este foi un bo ano para a arrocería. “Grazas á crise do coronavirus aumentamos público polas nosas medidas de seguridade e parece ser que estamos en boca de toda Galicia”, rumorea polo miúdo Rivas. Colle o testemuño o xerente con orgullo. “Quen non o probase aínda, debe vir… pola boa comida, as vistas, a música e a seguridade que lle ofrecemos”, manifesta Álvarez con gran convicción.

 

Ana Veiga

Ana Veiga

Como decía meu avó, dende pequena son cuentista así que de maior decidínme a contar historias. Como xornalista, como responsable de comunicación corporativa, como Social Media Manager ou como actriz amadora, o caso é tecer ideas para contar o que merece ser ouvido.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.