Podcasts. Os mellores programas que chegaron ás nosas orellas neste 2020

Co patrocinio de

© .

Os podcasts, o medio sonoro que naceu para levar a linguaxe radiofónica a internet, levaban anos entre nós, mais foi neste estraño 2020 cando despuntou non só a oferta senón sobre todo a demanda e certa normalización do seu consumo. Tamén foi un ano vizoso para a aparición de novas propostas na nosa lingua. Imos repasar algunhas delas. 

Antes de lles dar a benvida aos novos fagámoslles xustiza aos vellos. Para iso temos que botar man de Podgalego, o directorio de podcast que xa leva 14 anos recompilando os distintos podcasts que se foron creando en galego neste tempo. Está impulsado por Isaac González, creador do primeiro podcast na nosa lingua en 2005 (e-music), coa colaboración de Uxío Broullón, que en 2006 botou a andar Areias sonoras como complemento ao seu blog Homedareia

Eran tempos nos que o blogomillo estaba no seu punto álxido, antes da chegada das redes sociais. Houbo moitos máis proxectos pioneiros mais pouco rastro queda deles. Por iso é especialmente importante o labor historiador que levou a cabo o propio Broullón nun artigo de 2010 que, agora desde a web de Podgalego, nos traza a xenealoxía do podcasting na nosa lingua

Con Isaac de Podgalego e con outros podcasters que botaron a andar xa un tempo antes da pandemia (Iria Veiga de Burán e Sónica cuántica, Duarte Romero e Miguel Fernández de Té con Gotas e Carlos Pereiro de A gruta de Gizamaluke), levouse a cabo o 19 de novembro un Encontro Podgalego virtual dentro da VII edición do festival Carballo Interplay. Nel os participantes compartiron as súas experiencias e aprendizaxes, en proxectos que consideran bastante “de nicho” e falaron de como ven o futuro, tamén dos podcasts que lles gustaría escoitar en galego que aínda non existen. 

Mais pode que os seus desexos se convirtan en realidade. Novos podcasts están nacendo como cogumelos, novos nichos temáticos están empezando a ser cubertos neste formato (e en galego), e en VINTE NA REDE queremos facer un repaso polos que máis nos chamaron a atención destes últimos 8 meses. 
 

A Wattcova

Este é dos máis recentes e xa nos conquistou. Polo tema: as bicicletas, o ciclismo e todo o que o rodea. David Santamaría e Joaquín C. Rivas están ao mando deste espazo que, cremos, é o primeiro programa de radio en galego dedicado á bicicleta, tanto ao mundo da competición como o do lecer e o cicloturismo. Onte publicaron o seu segundo episodio da Wattcova. Aquí tedes o primeiro. 

 

Café Derby 21

Nicolás Carreira, Carme Domínguez e Adrián Lede son tres xornalistas millennials que propoñen unha tertulia cultural cada semana cunha persoa convidada, para falar de literatura, series, música, cultura pop e outros praceres culpables. Co apoio da revista Luzes

 

Zona Wifi - Fóra de Cobertura

Outro que naceu coa pandemia foi este podcast sobre tecnoloxía e comunicación dixital que conduce unha das persoas que máis sabe disto en Galicia, Xabier Rolán

 

Vila Araúxo

Vai agora outro de conversas, neste caso entre pai e fillo e non un pai e un fillo calquera: o actor Carlos Blanco Vila e o escritor e director Lois Blanco Araúxo ofrecen Vila Araúxo, un “espazo imaxinario” no que vai ir convidando xente para conversar, coa música e a fábula como fillos condutores. No primeiro episodio, e únicio por agora: o divulgador científico Xurxo Mariño.

 

MBA Mal

Outro que entrou con forza este outono foi MBA Mal, un podcast de humor en clave de business para aprendermos da escola da vida, comandado por Samuel L. París e Alberto Álvarez. Coma outros espazos que naceron durante o confinamento, este podcast está feito por Zoom e ofrécese desde o primeiro día tamén en vídeo, tanto en Youtube como en Instagram. Cunha cabeceira moi traballada, como podemos ver. 

 

De Parola

Outro podcast que non renuncia ao vídeo, ao humor nin ao comentario político é De Parola, fundado por Iván Iglesias e Martín Sorga. Desde Ourense fan tertulia tanto sobre a política da súa cidade (que xa daba ela soa para varias temporadas) como sobre Feijóo, Néstor Rego, Gómez-Reino, Donald Trump…  Podémolos seguir tamén en Youtube e nas plataformas de audio. 

 

Para estar ao día da actualidade dos podcasts e as novas incorporacións, seguide a @podgalego en Twitter. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.