Galicia bonita. O programa que quere que quites de aí esa uralita

© Galicia bonita

Botámoslle un ollo ao primeiro espazo da TVG que, baixo o formato dun docu-reality de reformas, aborda a cuestión do feísmo, que case define unha forma de vida no país. 

 

“Son Rosa Facal e son arquitecta. Nos últimos 50 anos o canibalismo urbanístico mudou o aspecto das nosas fermosas aldeas. O bloque, o ladrillo e o fibrocemento desbancaron a pedra, a madeira e a tella. Os portais de madeira pasaron a ser somieres de resortes de 1,50 e as pías de madeira convertéronse en metálicas bañeiras coa firma dalgunha coñecida marca de cerámica. Hoxe gardamos o millo en hórreos de ladrillo e agardamos a que chegue o autobús en marquesiñas de plástico. Non podemos agardar máis. É hora de rematar as nosas obras. É hora de recuperar a nosa paisaxe. É hora de recuperar a Galicia bonita”

Así, con todo un manifesto, empezou o pasado luns á noite o programa Galicia bonita. Escoitamos este pequeno sermón en off mentres imos vendo, cos ollos e a cámara de fotos da presentadora, distintas desfeitas construtivas que xa estamos demasiado afeitos a ver, en forma de casa, galpón, valado ou corredoira. Rosa Facal é unha arquitecta que ten desde hai tempo o seu estudio en Santa Comba, así que algo do tema debe saber. A premisa de combater o feísmo é un tema que se ten abordado moitas veces nos xornais, bastantes menos na tele e a cada pouco nas redes sociais, onde a xente defende posicións que oscilan entre a indignación e a condescendencia. Iso si, sempre falando en terceira persoa e ás veces desprendendo certa superioridade moral. Son os outros os que, para ben ou para mal, teñen a casa sen recebar, o ladrillo á vista, o xardín a monte. Como moito sacamos o “nós” para flaxelarnos en abstracto como país unha vez máis ou para enorgullecernos do creativos e apañados que somos usando os somieres como peche. 

Rosa Facal, a arquitecta protagonista e condutora do programa. © CRTVG

En Galicia bonita o debate dáse por superado e responso despáchase nese primeiro minuto. Toca arremangarse e facer algo ao respecto. E non con políticas urbanísticas ou de vivenda, que naturalmente hai que facelas, senón apelando á responsabilidade individual, como bo coaching-show que é, importado dos Estados Unidos. Alá son moito de facer o que eles chaman intervention: dicirche da máis doce e contundente maneira que algo non vai ben coa túa vida e que ti non só non podes arranxalo: debes buscar axuda profesional. E para iso está Rosa Facal: o seu rol é o de presentadora e arquitecta, pero non só en calidade de experta ou asesora senón como xefa de proxecto e encargada de sacar a obra adiante. O reto é reformar no básico unha casa e o seu contorno inmediato para que mellore o seu aspecto en harmonía cos espazos que ten arredor. E para que, ademais de funcional, que xa sabemos que en apañados somos número un, cumpra unha función estética, que tamén é importante.

Porque a paisaxe é un ben común colectivo que disfrutamos todos e, aínda que o ‘feísmo’ ou ‘bonitismo’ son valores subxectivos, hai certos consensos (que van co sentir de cada época, tamén é certo) sobre cales son as mellores maneiras de intervir no contorno. Son, sobre todo, consensos profesionais, e para iso está este programa, para que lle fagamos caso aos arquitectos logo de décadas de autoconstrución barata e de constante work-in-progress. As casas como proceso sempre inacabado, dos tempos nos que non había nin titoriais de Youtube nin house-tours nin programas de reformas.  

Podemos dicir que de 'Galicia bonita' o peor é o nome aínda que lle compramos o concepto de facer dun show de reformas un manifesto de país.

Neste primeiro progama Facal chega onda as irmás Toucedo: Tere, Luisa e Pepa, xa maiores, que viven no lugar de Exipto, en Boiro: un barrio formado por fermosas casas pintadas de cores e un verxel con palmeiras a xeito de mediana. De paso coñecemos a orixe do nome do topónimo, que se debe á veneración que se fai na súa ermida á fuxida a Exipto da Sagrada Familia. Exipto mesmo ten unha pirámide pequena de pedra no medio, que disque non é a única rareza do lugar: tamén está a casa das Toucedo, o desafío deste programa. Unha casa vella de pedra con todo o paquete clásico do feísmo: revestida de cemento, tellado de uralita, porta branca de aluminio, galpón e hórreo con ladrillo á vista… e que chama a atención nun barrio onde o resto das casas están bastante ben por fóra e manteñen as tradicionais fachadas de pedra e tellados de tella.  

A primeira parte da intervención é a máis interesante porque podemos ver, por primeira vez nun medio de comunicación, esa conversa sobre o feísmo en segunda e primeira persoa. A arquitecta primeiro fai preguntas como “isto por que está así?” ou “sendo as ventás de madeira é unha pena deixar a porta de aluminio, non?” . As irmás responden con toda a súa lóxica: “Bueno, agora xa que está posta… gastáronse os cartos…”. Pregunta e tamén xulga, polo que elas tamén se defenden: 

- E por que fixestes este hórreo así de ladrillo? 

- Para gardar o millo para as galiñas.  

- Ben, se lle dades uso non vos vou deixar sen hórreo, pero realmente é indefendible. 

- Será para ti, pero para nós ata agora estaba ben.                      

© CRTVG

Quitar o recebado para que se vexa a pedra, poñer tella coma no resto das casas e mudar as portas, ventás, revestimentos e peches por uns de madeira son as principais solucións que ofrece Rosa Facal, ademais de pintar e adecentar o xardín e toda a parte de atrás da casa. E o reto é facer toda a reforma en só 5 días, co seu equipo de tres axudantes: Javier, Olalla e Carlos. Non sabemos a canto ascende o orzamento, algo que se bota de menos para poder valorar e xulgar na súa medida que sacrificios teñen que facer os propietarios das casas para meterse nese gasto (e entender así mellor por que non o fan). Pero si sabemos que o diñeiro é limitado, porque polo medio xorden imprevistos que obrigan a facer renuncias, como a porta e o cerco de madeira. O cal é tamén unha boa lección: non ten por que quedar perfecto, pero si pode quedar “ben abondo”. Onde poñer a liña do “ben abondo” supoñemos que é o quid da cuestión. 

O tempo é tamén moi limitado, como debe ser nestes programas para que a reforma sexa todo un desafío e teña o seus momentos dramáticos e a tensión de se darán feito todo ben e en tempo. Ao final, polo menos de cara á tele, a cousa acaba ben e as irmás, que estaban reticentes ao comezo, ven o resultado e quedan moi contentas. Encantadas co traballo ben feito, coa limpeza e cos detalliños que lles deixaron para que gocen dun tendal mellor disposto, dun novo banco onde botar unha soneca ou dos apeiros de labranza que gardan de recordo, antes enferruxados e comidos pola broza, agora pintados e lucindo prantas para decorar. 

Para quen gustamos dos programas de reformas que vemos noutras cadeas, Galicia bonita cumpre bastante ben coas esixencias do formato e ten o valor engadido de afrontar de maneira práctica un problema do que nos encanta falar en termos xerais e mesmo esencialistas, cando a solución e, en boa parte, material. O suposto atraso ou desleixo atávico das nosas casas arránxase con madeira, pintura, puntas, martelos, masa e outros suministros do Leroy Merlin. Tamén con moita suor, técnica, forza e maña. Tendo criterio e sendo curiosos, que é unha palabra ben fermosa (o antónimo de chambóns). E tendo, sobre todo, uns poucos ou moitos miles de euros cos que pagar todo iso. Obviamente. O programa ocúpase da parte económica e failles a reforma gratis, imaxinamos, aos propietarios, e o que nos dá aos espectadores é o elemento que falta nesta ecuación: motivación e coñecemento. 

Como bo programa de ‘coaching’, o que nos pode dar este programa producido por Lúa Ideas é, sobre todo inspiración, que é esa mestura de motivación e coñecemento. Non sabemos como serán os capítulos restantes pero agardemos que nos poidan dar diferentes ideas e solucións de reforma a espazos dos que non esteamos precisamente orgullosos nas nosas casas.  Que nos ensinen o valor do proceso, a satisfacción da obra rematada. E que só con ver o “antes” e o “despois” sexamos quen de visualizar posibilidades, poñernos en marcha e pedir axuda. Non só profesional, claro. Pero xa existen incentivos públicos: a Xunta ofrece para o próximo ano 36 millóns de euros en diversas axudas para a rehabilitación de vivendas. No 2017 ofreceu 25 millóns e, segundo datos do IGVS que publicaba en decembro La Voz de Galicia, un 30% quedou sen adxudicar. As subvencións axudan, mais non son incentivo suficiente polo de agora. 

De toda a vida o maior incentivo para decidir arranxar a casa foi un: que o veciño o fixese antes. Agora se cadra vivimos máis aillados ou non nos importa tanto o que dirán, pero a televisión está tamén para iso, para podermos espiar desde o sofá o que fai outra xente. Se ademais o fai con persoas que poderían ser as nosas veciñas, pode que o mecanismo da envexa (perdón, inspiración) se active e empece a moverse algo nas nosas aldeas. Mentres, podemos dicir que de Galicia bonita o peor é o nome aínda que lle compramos o concepto de facer dun show de reformas un manifesto de país. Debuta cun aprobado largo na súa mestura entre servizo público, formato importado de entretemento e un retrato social e paisaxístico que non consiste nunha foto estática senón en dúas: a de antes (casas feas, habitantes reticentes) e a de despois (casas bonitas, habitantes felices). 
 

- Podes ver o primeiro programa de ‘Galicia bonita’ na web da CRTVG.

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.