'Espantallo'. Marey presenta nova colección de roupa «para empoderar o rural galego»

Sergio Marey (Pol, 1997) presentou esta semana a súa quinta colección de roupa baixo o título 'Espantallo', cun desfile audiovisual que rodou no mercado de gando de Castro de Ribeiras de Lea. Adentrámonos na visión deste creador que se propón axitar mentes, olladas e corpos co seu proxecto de moda e tamén desde a galería Solaina, en Lugo. 

No desfile en forma de fashion film que presenta a nova colección de Marey vemos corpos movéndose zombificados e desfilando por entre as cuadras dun mercado de gando, ao son de música electrónica e tradicional. Unha paisaxe entre o postapocalíptico e o agropecuario que se funde coa protagonista: a roupa. Vemos un chándal estampado con patacas, un saco pataqueiro a modo de saia, pantalóns e vestidos feitos a partir de recortes de vaqueiros e mandilóns de traballar pola casa… o mandil cruzado, por fin, non presentado como tótem telúrico das mulleres rurais, senón como un elemento téxtil do cotián á altura dos jeans. Desmitificamos así o esencialismo das superavoas: tamén hai botando as patacas tíxs, irmaxs, primxs, xente solteira e pantalóns vaqueiros que lle volven facer honra á súa función de andar coas vacas. 

Isto é o que interpreto eu, señora de Lugo de orixe chairega que vive na Coruña, a partir da presentación audiovisual desta colección que podemos ver en Youtube. Pero tamén falei co seu creador, Sergio Marey, deste ruralismo levado á moda da xeración Z, e de moitas máis cousas. 

Conta Sergio que «despois do confinamento, no verán do ano pasado, como volvín a ir moito a casa da miña avoa non paraba de fixarme nesa estética da aldea, onde a xente para traballar pon o chándal vello cunha camiseta calquera, mesturando roupa sen sentido, simplemente porque sexa cómoda para traballar, aínda que estea rotísima, leves unha prenda de cor rosa e outra amarela, estampada, dá igual. Era como unha estética moi particular que me fascinaba. Entón empecei a darlle unhas voltas ao tema dos traballos no rural, e tamén revisei moitas fotos da miña avoa, de cando ela traballaba arando, sachando ou o que fose».  

Desa inspiración e da ansia por «empoderar o mundo rural» naceu Espantallo, unha colección de 21 looks creados a base de mesturar prendas rotas, vaqueiros gastados, chándales e mandilóns con e con fantasías en forma de estampado de patacas, ou mesmo un estampado coa cara da súa avoa nunha foto antiga. «Ao final era tratar un pouco esa marxinalidade e falta de glamour para darlle unha volta e empoderar todo o que ten que ver co rural», explica. Cun rural actual que non trata tanto de recuperar a tradición como de dialogar con elementos cotiáns do traballo agrogandeiro actual: «Sempre me interesou a roupa tradicional pero desta vez quería incorporar elementos actuais. Por exemplo, fíxome un artesán unhas vacas con ferros de ferrar os animais, que son como abalorios que van na roupa. Tamén usei os tetos dos biberóns das vacas para crear xoias, ou o fío de empacar a herba para crear complementos e prendas, pezas feitas con sacos de patacas… para min son elementos merecedores de glamour».

Non é a primeira vez que Sergio Marey bota man dos elementos tradicionais nas súas creacións, de feito son algo presente dun xeito ou doutro nas catro coleccións que xa ten no seu haber, con só 24 anos recén cumpridos. Na primeira, A goma, trazaba un paralelismo entre a cultura da maxia africana e a das meigas en Galicia. Eran as prácticas da escola de deseño na que estaba e África era o tema imposto, a partir do que conectou elementos comúns coa tradición galega como o uso do lume, as herbas ou os sacrificios animais. 

A súa segunda colección Pestanas postizas fíxoa en colaboración coa artista multidisciplinar Elise.pdf  e estaba inspirada na Movida viguesa dos 80. A terceira, titulada Adeus, quería falar da emigración galega, conectando unha foto da súa bisavoa que emigrara a Cuba co traballo dun artista contemporáneo de Lugo como é Berio Molina, «que me impactou moito».  A cuarta colección, Vermuth, está inspirada na festa tradicional «con esas merendolas enormes», que mestura de novo coa movida viguesa, coma se fose un cóctel de mandís e lentejuelas

 

Con esta quinta colección Marey sacou tamén un manifesto con seis puntos: 1) a moda é arte, 2) roupa para persoas (as súas prendas son para calquera xénero e con talle único oversized de xeito que calquera persoa as poida poñer), 3) unha colección anual, ante a ameaza do cambio climático e a sobresaturación de imaxes, 4) uso de materiais de segunda man, buscando a sustentabilidade, 5) apoio a outros creadores, reivindicando o traballo colectivo e interdisciplinar, e 6) defensa da arte e cultura galegas, pois «Galiza é a maior fonte de inspiración». 

Pode que este último punto do manifesto convirta a Sergio Marey no primeiro creador de moda que se proclama como parte da cultura galega, sendo moi consciente de que «había un oco aí», pois quitadas certas conexións entre moda e outras artes nos 80, ata agora non apena viramos ningún deseñador de moda facendo toda a súa comunicación en galego ou reivindicando a cultura galega como a súa maneira de estar no mundo dun xeito tan radical. 

No caso de Marey esta reivindicación é xenuína e non ten nada de postureo: sabe o que é ser subalterno por ser de aldea, e tamén por ser queer. A súa inspiración vén do mundo rural da Terra Cha no que se criou, da asociación de música tradicional na que aprendeu a tocar a pandeireta rodeado de mulleres, do gusto pola artesanía que herdou da súa tía ou de crecer rodeado de animais: «antes que deseñador quería ser veterinario», asegura. Máis tarde sentiuse inspirado por influencias como María Casares, Maruja Mallo, Bimba Bosé e David Delfín, e artistas actuais galegos como Berio Molina ou Eloy Enciso.   

Un anaco do panel de inspiración que usou Sergio Marey para 'Espantallo'. © Sergio Marey

De todos xeitos a de deseñador é só unha das súas facetas artísticas, sumada agora á da xestión da galería Solaina que abriu o verán pasado xunto con Antía Carreira, coa intención de converter a cidade de Lugo nun lugar de referencia para artistas da súa xeración, que expoñen en mostras individuais ou colectivas. «Queriamos descentralizar a arte, sacala de lugares habituais como Santiago e facer que as artistas que nos gustan veñan e descubran Lugo», afirma. 

Tanto coa Solaina como con Marey o elemento máis importante é a colaboración con artistas da súa xeración. Con ver o catálogo de exposicións como Vaginal ou os propios créditos do vídeo de Espantallo podemos descubrir unha chea de novas creadoras no ámbito da música, o audiovisual, o estilismo, a fotografía…  O colectivo EXCULTURA produce o vídeo, dirixido por Inma Veiga, con música de RiversZ e Ttrraaccaa e unha recua de colaboradoras. O mellor que podemos facer é seguilas no Instagram. 

E, xa que estamos, dar un paseo pola web de Marey, que ten tenda online, na que podemos adquirir esa chaqueta con estampado de patacas e outras prendas, que aspira a vender non só na web senón tamén colocalas en tendas especializadas e multimarca. Con Espantallo quere dar un salto máis ambicioso comercialmente para consolidar a súa marca, poder vivir disto e seguir crecendo como creador téxtil sen abandonar todas as súas outras inquedanzas. A xulgar pola calidade do feito ata agora, e pola actitude e rotundidade o seu traballo, non debera tardar moito en conseguilo. 

 

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Tamén che interesa

  • Melania Freire: arte e moda a partir de panos, cadros e cobertores

    A deseñadora Melania Freire presenta o 24 de xaneiro na pasarela EGO da Madrid Fashion Week a súa colección "Merquei unha postal de David Hockney". Esta artista nacida en Lugo en 1991 conta para VINTE como fixo esta colección e tamén outros proxectos nos que investiga a tradición téxtil das casas galegas (roupa, cobertores e sobre todo panos da cabeza) para traelas á contemporaneidade a través do deseño, da fotografía e da intervención artística.  

    Moda

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.