Vai camiño de ser o invento máis popular deste ano. O aparello que disque eleva en varios niveis o pracer sexual nas mulleres, máis alá de que sexa un 'hype' ou toda unha manobra publicitaria, si acadou unha cousa: que empecemos a falar con normalidade da masturbación feminina.
A estas alturas seguro xa escoitastes falar do succionador do clítoris, xoguete sexual que produce pracer por medio de ondas magnéticas, o famoso Satisfyer. Aínda que os primeiros succionadores comezáronse a comercializar alá polo 2005 nestes últimos meses do 2019 produciuse unha auténtica avalancha de comentarios positivos e gabanzas en concreto para o último modelo, moito máis barato que os primeiros que podíamos atopar. Esa podería ser unha das razóns que expliquen a boa acollida, pero sen dúbida a máis importante é a conversa nas redes, repartida entre unha chea de mulleres que recomendaban este invento e as que dubidaban de que todo fose unha campaña publicitaria. Por non falar de centos de chistes, memes e comentarios de homes que se senten, digamos, desprazados. O máis importante: que por primeira vez parece que a masturbación feminina ten cabida nos medios de comunicación.
“O ceo, unha especie de droga. Estou desexando chegar a casa para utilízalo. Eu recomendo usalo con lubricante para obter o dobre de pracer”. Así describe Iria, santiaguesa de 35 anos a súa experiencia co zugador de clítoris. Clara, estudante de Turismo de 23 anos, afirma que para ela foi unha das mellores compras nos últimos tempos (seu prezo oscila dos 30 aos 50 euros) aínda que pensa que, coma todo, é para gustos: “os orgasmos son diferentes, máis rápidos”. Tamén conta que o ten usado en parella e que a experiencia é divertida. Ana, historiadora de 35 anos, mercouno por curiosidade, xa que as redes estaban cheas de mulleres que falaban marabillas do invento e quería comprobar por si mesma se merecía a boa fama: “realmente é unha sensación totalmente nova. Estimula todo o clítoris, non só a punta. Gústame usalo na ducha”.
Marta, fotógrafa de 29 anos residente en Pontevedra, comenta que “sen dúbida a sensación é pracenteira” mais non consegue alcanzar o orgasmo só a través do uso, pois para o seu gusto “é moi directo, céntrase demasiado no fin, non é tan gradual como o meu corpo precisa”. Claudia, xornalista de 25 anos, confesa ser fan absoluta do aparello, que xa se converteu no seu mellor compañeiro e pon o foco sobre a reacción masculina, maioritariamente negativa porque senten que non son partícipes do noso pracer e que se o usamos estamos a substituír unha cousa pola outra: ¨Non ten nada que ver e son incomparables”, di, “os homes poden aprender do Satisfyer para descubrir que cousas dan pracer pero o máis importante, sen dúbida, é a comunicación, que as mulleres sexamos quen de dicir que e como nos gusta. Todos os comentarios negativos creo que forman parte da constante negación do pracer feminino". As redes están repletas de comentarios, memes e reaccións a este fenómeno.
Todas as usuarias coas que falamos coinciden en que o maior inconvinte é o ruído do aparello durante o uso xa que, por máis que se promociona como silencioso, non é de todo certo: as ondas emiten un leve zunido. Con respecto ao uso tamén concordan en que cada corpo é un mundo e que non hai como usalo moito para atopar a velocidade que sexa máis pracenteira para o teu corpo.
“Os homes poden aprender do Satisfyer para descubrir que cousas dan pracer pero o máis importante, sen dúbida, é a comunicación, que as mulleres sexamos quen de dicir que e como nos gusta. Todos os comentarios negativos creo que forman parte da constante negación do pracer feminino" di Claudia, xornalista de 25 anos.
Pero, deixando o fenómeno comercial á parte, pode que a moda do succionador supoña un paso máis na revolución sexual de todas as mulleres. A semana pasada unha colega contábame que unha das súas tías ía aproveitar un desconto especial para agasallarlles ás súas fillas e sobriñas o famoso estimulador polo Nadal. Iria insiste nas bondades do utensilio e cóntame que no seu grupo de amigas prometeron que ía ser o agasallo polos aniversarios: “teño unha amiga que cumpre en xaneiro e quere que llo adiantemos. Esa complicidade entre as usuarias, ese falar en voz alta do que da pracer, é toda unha boa nova. Parece que o espazo sagrado da masturbación feminina pode ser compartido en voz alta.
Coas experiencias de Iria, Clara, Claudia ou Marta podemos ter unha idea do que supón o zugador como aparello e decidir se queremos mercalo, elixir outro xoguete sexual ou valernos das nosas mans, pero non desaproveitemos a oportunidade de comezar a falar do sexo das mulleres, do amor propio e o autocoñecemento do corpo feminino.
É ben certo que todavía queda moito por facer ata que todas as vergoñas fiquen atrás e as mulleres, da idade que sexa, sexamos conscientes de que a educación sexual é vital para a nosa vida. Pero todo este fenómeno pode levarnos a pensar que, como tantas outras veces, estamos a ser vítimas dunha poderosa campaña de marketing e que o pracer das mulleres, o empoderamento e a liberación son tamén un negocio onde podemos caer por cumprir co que se leva. Pode que dentro duns meses deixemos de falar do succionador pero, se cadra, o máis positivo de todo isto e que por primeira vez falemos, compartamos experiencias, dúbidas ou medos.