Facom Fest. Un laboratorio para o futuro do audiovisual galego

A falta de espazos onde expoñer as súas primeiras obras leva a un grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual da USC a crearen un festival no que elas son as protagonistas.

 

A ausencia de espazos nos que as novas xeracións poidan amosar as súas primeiras obras, a dificultade para se formaren como profesionais ou os obstáculos para entrar nos equipos dos festivais son algúns dos retos do noso audiovisual. O resultado da unión de persoas con intereses comúns é o único que pode encher un baleiro para unha democratización real da cultura. Coa vontade ocupar ese lugar ve a luz o Facom Fest.

«É un xeito de facer que exista unha motivación nas aulas, de abrir camiño e de coñecernos entre nós». Así define o equipo de traballo o festival,que arranca a súa primeira edición o 29 de novembro en Santiago de Compostela e que encherá a cidade ata o 2 de decembro, coa intenciónde servir como punto de encontro entre as novas creadoras do audiovisual galego.

A materia de “Promoción e difusión da obra audiovisual” é o punto de partida desta iniciativa levada a cabo polos estudantes do último curso de Comunicación Audiovisual da USC. Froito de conversas construtivas que parten dun desexo común, o festival constrúese como un espazo de traballo «horizontal e sen xerarquías», explica Cibrán Tenreiro, profesor responsable. «Nos festivais profesionais normalmente as estruturas son moi xerárquicas, aquí non hai dirección nin xefes de equipo, todas as decisións tómanse en asemblea», engade.

Aprender desde o real é un dos obxectivos deste proxecto, que busca a materialización dos coñecementos adquiridos por estas estudantes ao longo da súa etapa formativa. «Moitas veces as clases son imaxinar que vas facer cousas, pero isto é facer un festival de verdade e creo que isto motivou a todo o mundo. Tes que facelo si ou si, ten que saír adiante, e tes unha presión diferente, pero boa», sinala Eira Losada, do equipo de actividades.

«Moitas veces as clases son imaxinar que vas facer cousas, pero isto é facer un festival de verdade e creo que isto motivou a todo o mundo»

Divididos en cinco equipos –produción, comunicación, programación, técnicos e actividades– este grupo de estudantes enfrontouse aos mesmos retos que calquera outro festival. «Ti nunha clase podes imaxinar que vas ter todo o financiamento do mundo ou todos os espazos. Aquí tivemos que conseguir todo, entón aprendes a valorar o traballo doutro xeito», resalta Leandro Pérez, de produción.

Equipo de produción do Facom Fest © Cedida

O traballo en equipo e a necesidade de facer comunidade entre os creadores máis novos son algúns dos eixos principais deste proxecto, ao que podían presentar as súas obras todas as estudantes galegas de Comunicación Audiovisual, ciclos superiores relacionados con esta rama e alumnas de bacharelato artístico. Un festival que na súa primeira edición conta con dúas seccións competitivas, ficción e non ficción, así como unha non competitiva que ten por finalidade amosar proxectos de persoas que estudaron nestes centros.

Darlles unha maior vida ás pezas que se crean durante o período de formación para que non queden nun disco duro é a finalidade principal do festival. «Cando estás nunha materia facendo unha obra  na que estás intentando aprender ou coller experiencia, podes facer algo co que estás satisfeito e nunca tes a oportunidade de amosarllo ao mundo. Son traballos que levan semanas e moitas veces quedan traducidos unicamente a que o vexa un profesor, iso é o que queremos cambiar», conta Carlos Rodríguez, un dos organizadores que se ocupa da programación.

Se hai algo que diferencia este evento é a idade de quen o fai posible: tanto a organización como os que participan nel. Un feito que busca reivindicar o papel das persoas máis novas na construción do panorama audiovisual galego, no que as propostas son tan abundantes como variadas.

«O festival serve como plataforma para ver se hai algún tipo de tendencia entre as persoas da mesma idade que comparten espazos»

Máis de catro horas e media de gravacións e un total de 15 obras de ficción e 6 de non ficción conforman a programación competitiva do festival, á que se suman unha sección non competitiva e unha escolma de vídeoclips. Un conxunto de obras nas que se representa unha panorámica das diferentes propostas narrativas e visuais do ecosistema cinematográfico máis novo e no que, segundo o equipo que as visionou, destaca a frescura e a temática do amor dende un punto de vista non romántico e centrado na amizade.

Equipo de programación do festival. © Cedida

O galego e o castelán son os dous idiomas escollidos nas obras da categoría de ficción, na que a variedade de temáticas é abundante. As obras oscilan entre os 2 minutos e medio de P3rsona, feita por Nicolás Santiago, Alberto Pérez, Rafael Viso, Lucía Rodríguez e Lara Rodríguez, que recrea a mente dunha persoa con personalidade múltiple, e os 26 minutos de Ágape de Víctor Couto e Patricia Villalón, a historia dunha dun pequeno paraíso no que a súa tranquilidade se ve comprometida coa chegada da primeira nena.

O falecemento dunha avoa en C-A-I-R-O de Hugo Rodríguez e Miguel Romero e a ansiedade dunha moza en Fillxs do abafo de Antón Manuel Carral López, son exemplos dalgunhas das liñas xeracionais que se poden atopar nesta categoría: a preocupación e a confusión. Unhas obras que se mesturan con outras tan diferentes como a bruxa youtubercreada por Uxía Soutullo Telmo en Una bruja moderna ou a animación 2D de Beatriz González Requejo, Entre cables, na que frame a frame toma protagonismo a conciencia de clase

As relacións persoais dominan a categoría de non ficción con obras como Amor, amor de Mara Varela Castro e Ana Sánchez García e Onde fomos xuntas de Marta Alborés Prejigueiro e Lucía Mosquera Suárez. amén destacan as obras experimentais como Non somos nada de Valeria Gómez Vázquez sobre como os recordos das persoas con demencia se van mesturando na memoria ata converterse en nada e  a desesperación e desorientación disociativa dun individuo con depresión en Ka0s, a única peza en inglés do festival e que está dirixida por Rocío Campoy Lage.

«O festival serve tamén como plataforma para ver se hai algún tipo de tendencia entre as persoas da mesma idade que comparten espazos parecidos, ver que nos preocupa, de que queremos falar e como queremos facelo», indica Losada durante a conversa que mantemos na facultade de Comunicación compostelana. «Como non temos moita experiencia, igual hai certa inxenuidade ao falar dalgúns temas, vas ao máis persoal e isto permite que fagas as cousas dende puntos máis experimentais ou rompedores», engade.

«Eu vexo dende a miña perspectiva que nese non saber aínda moi ben que se está facendo ou non dominar as técnicas, hai unha certa orixinalidade. As pezas de estudantes teñen ás veces unhas calidades propias, aparecen cousas que no resto de festivais non se ven, porque hai cousas que se van gañando co tempo e outras que se perden e iso é bonito velo», subliña Tenreiro.

«Nese non saber aínda moi ben que se está facendo ou non dominar as técnicas, hai unha certa orixinalidade»

Facom Fest tamén é sinónimo de intercambio de ideas e de aprendizaxe colectiva, de ver como traballan os outros. Rodríguez, un dos poucos que xa viu todas as obras, explica que moitas delas se fixeron con poucos medios, como é habitual nos primeiros traballos, pero que hai casos que lle amosaron xeitos de traballar e de resolver adversidade dun xeito creativo no que nunca antes pensara.

Equipos técnico e de comunicación. © Cedida

Unha oportunidade para compartir experiencias da que tamén fala Arantxa R. Ponte, que participa na sección competitiva de non ficción co seu Traballo de Fin de Grao As pétalas mumuran e que xa lle valeu este verán un galardón no Festival de Cans: «A idea de poder presentar estes filmes, sobre os que estás traballando un ano e nos que, ás veces, quedan cousas moi interesantes, e ter un lugar onde levalos e que sexan vistos é moi interesante e é algo que non había. Ademais está moi ben que as bases sexan as estándar dun festival e axuda a que a xente saiba como funcionan as cousas». 

Como todo festival, o Facom Fest conta cun xurado nas súas seccións competitivas formado, en cada unha das categorías, por dúas persoas que xa forman parte do audiovisual galego e estudantes, que se encargarán de decidir quen se fai en cada categoría con 100 euros e un abono de Numax. «Queríamos non encadrar o festival só no festival, contar con xente que xa está no audiovisual, con espazos fóra da facultade e que a xente o tome en serio», explica Pérez

Jorge Coira, Anxos Fazáns, Iria Silvosa e Berio Molina son os catro elixidos para o xurado profesional, xunto ás alumnas da facultade Marcos Velázquez e Marta Tiago. «Ao facer un festival de obras para estudantes, era importante tamén que o alumnado estivese presente tamén na elección das obras. Ao final este salto xeneracional tamén existe no criterio, hai cousas que a nós nos gustan que a outras xeracións non lles gusta tanto», indican dende a organización.

Como fan outros festivais profesionais, o Facom Fest completa a proxección de filmes con outras actividades que deslocalizan o festival e crean vínculos con empresas e institucións. Un obradoiro, un encontro e dúas táboas redondas conforman a parte de formación deste proxecto que se pechará cun concerto.

«Pensamos en cousas sobre as que nos gustaría aprender e non recibimos formación nas aulas, foi unha chuvia de ideas entre toda a clase, pero as liñas estaban bastante claras e os intereses eran comúns», explica Losada como parte do equipo de actividades. «É formación que non temos nos centros de ensino e que tamén necesitamos para traballar: cómo presentar un proxecto para conseguir financiamento e cómo tratar temas como a diversidade son temas nos que é necesario facer fincapé», aclara a organizadora.

Equipo de actividades do festival. © Cedida

«É interesante ver que fan os compañeiros, para ver por onde van as cousas»

O proceso de gravación de videclips profesionais da man de Trece Amarillo –responsables dos vídeos de Tanxugueiras– é o primeiro dos encontros que terá lugar nos marcos desta iniciativa e, ao que se sumará un obradoiro de preparación e realización dun pitching con Belén Puime, a creadora da webserie Pringadas. Así, as inquedanzas do mundo profesional e a diversidade nos contidos dixitais ocuparán as táboas redondas.

As conversas entre as sesións, as preguntas nos coloquios, o intercambio de pareceres e a unión entre os profesionais do audiovisual que vén marcarán estas catro xornadas. «Pola nosa banda é interesante ver que fan os compañeiros, para ver por onde van as cousas. Vai haber xente dando coloquios e tamén imos compartir todo iso», contan ilusionados os organizadores.

O festival persegue unha alternativa cultural na que o espectador, o público, deixa de ser pasivo, no que calquera persoa nova vinculada ao audiovisual en Galicia pode participar. Un lugar que busca crear comunidade e un espazo que ofrece respostas distintas sobre a liberdade creativa. Unha proxección das primeiras obras daqueles profesionais que encherán as salas de cinema.

 

Belén Teiga

Belén Teiga

Xornalista, convencida de que hai outro xeito de contar as cousas. Arredor das letras e a cultura. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.