Biba Dupont. Da electrónica en galego a triunfar en Spotify con música de piano

Helga F. Blanco e Xalo Gayoso son Biba Dupont, posiblemente a formación galega con máis oíntes mensuais en Spotify: 868.000 neste momento. Coñeciámolos de cando estaban en Compostela e coa formación Sub Rosa editaran aquel LP chamado Vagalú (Discos da Máquina, 2014). Logo emigraron a Madrid coa idea de poder vivir da música e por fin o conseguiron, chegando a unha audiencia global grazas ás playlists de piano minimalista. 

 

Poñédenos ao día sobre a vosa traxectoria desde Sub Rosa. Que vos levou de Compostela a Madrid e como creades Biba Dupont?

Levamos en Madrid seis anos, marchamos de Galicia no peor da crise económica. Aínda que o proxecto de Sub Rosa tiña certa repercusión, resultábanos moi dificil marternos cos ingresos da música. En Madrid encadenamos diversos traballos na hostalería, escolas de música, etc, pero seguimos sempre a facer música, buscando novos camiños. Dende hai catro anos temos a nosa propia escola de música e dende o ano pasado estamos vendendo música para publicidade e para Youtube, establecendo a nosa carreira artística como Biba Dupont, unha formación na que non temos uns roles predefinidos senon que imos cambiando as posicións e colaborando entre nós segundo imos precisando.

Quen é Biba Dupont?

É unha persoaxe/compositora ficticia que empregamos como inspiración e pseudónimo baixo o que traballar. Queríamos facer unha homenaxe a todas aquelas compositoras invisibles da historia da música.

Os primeiros traballos de Biba Dupont que escoitamos en Spotify son bastante diferentes aos últimos, aínda que parecen todos bastantes recentes. Por un lado, o piano minimalista, pero por outra unha mestura de ritmos electrónicos bastante exhuberante. Vós como definides o que facedes e como explicades esta variación?

O corazón do proxecto é o piano, pero nós sentimos unha influencia moi forte de distintas correntes da música electrónica que nos acompañaron dende o inicio da nosa carreira. De feito, a fusión entre o piano e a electrónica resulta moi natural se o traballas dende un punto de vista orgánico.

Como chegades ao mundo das listas de Spotify e que supón na proxección do grupo? 

A realidade é que cando comezamos o proxecto tiñamos claro que había unha demanda moi forte de música diso que se deu en chamar novo piano ou nova música clásica, polo que xa orientamos o noso son de cara a poder participar desa corrente. Os dous temos unha formación de composición académica que nos daba a posibilidade de achegarnos a esa linguaxe nun prazo de tempo razoable, de aí a cantidade de material que puidemos xerar en pouco tempo. Isto fixo que chamásemos a atención de listas pequenas e posteriormente permitiunos acceder ás listas editoriais de Spotify, moito máis masivas.

Os vosos temas máis populares na plataforma pertencen aos LPs The Sommerhaus Tapes (2019) e a Solid State Songs, que publicastes hai apenas un par de semanas. Que nos podedes contar destes traballos?

Os dous discos discorren nunha mesma procura, traballando unha linguaxe emocional directa baixo a estética da improvisación que caracteriza a obra de moitos compositores e compositoras actuais. As nosas melodías buscan a espontaneidade e a sinxeleza dun xeito intencionado e foxen de territorios intelectualizados. Intentamos escapar dos tempos estritos para poder xogar coa sensación temporal de quen escoita.

Temos bastante curiosidade polo funcionamento interno de Spotify. Na vosa experiencia coa plataforma, tedes algunha idea de que parte do criterio é editorial, que parte social e que parte froito do algoritmo? E de como funciona ese algoritmo?

Sobre o do algoritmo de Spotify hai bastante mitoloxía. A realidade é que Spotify funciona como unha matriz de recomendación, baseándose nos gustos dos oíntes. A partir de aí son todo especulacións. Baixo a nosa experiencia, o primeiro é conseguir entrar en moitas listas de usuarios individuais que gardan a tua música nas súas playlists persoais. Dese xeito, Spotify é capaz de comprender que tipo de música fas e con que artistas estás relacionada. O resto é seguir sumando oíntes e fans. A partir de determinado punto, cunha base de oíntes sólida, é cando os editores (persoas físicas cos seus propios gustos) te poden engadir a unha playlist editorial de Spotify e así multiplicar as túas reproduccións.

Escoiteivos nunha entrevista dicindo que grazas a plataformas como Spotify podemos falar dunha escena global ademais das escenas locais. Para vós que elementos a identifican e con que outros artistas vos gustaría aliñarvos nesa escena? 

Para nós existe unha escena global do piano, bastante recente, que xorde como unha segunda vaga do minimalismo a partir das obras de compositores como Nils Frahm ou Max Richter, en torno a 2009. O cambio con respecto á anterior xeración, dende o noso punto de vista, prodúcese a partir do disco Felt de Nils Frahm, onde empeza a experimentar co son orgánico do piano, traballando sempre coa sordina posta e experimentando coa colocación dos micros para conseguir un son orgánico que inclúe o propio son do intérprete (as unllas golpeando as teclas, o son da banqueta, a respiración ou, por suposto, o son dos macillos ao bater nas cordas). O resultado desa experimentación é estarmos fronte a un tipo de son de carácter artesanal. A partir desta achega xorden outras figuras como Ólafur Arnalds, Joep Beving ou máis recentemente Hania Rani, que, con cadanseu estilo, traballan nesa mesma achega.

Pasamos dunha escena global na que existían 7 ou 8 grandes estilos de moda coas suas bandas destacadas a un tipo de consumo moito máis diverxente, democratizante e individualizado. É por iso que ten sentido a existencia de playlists orientadas a cada momento do día, accións específicas como o traballo ou o estudo. 

Estamos nun momento no que máis que nunca a música ten unha función non só estética ou social senón tamén de acompañamento, e isto visibilízao moi ben Spotify cos estados de ánimo. Isto afecta tamén á composición? Creades música para un mood determinado? 

Temos moi claro que traballamos no campo das emocións e que hoxe en día, grazas a servizos como Spotify, a música acompáñanos a todas horas. Pasamos dunha escena global na que existían 7 ou 8 grandes estilos de moda coas suas bandas destacadas a un tipo de consumo moito máis diverxente, democratizante e individualizado. É por iso que ten sentido a existencia de playlists orientadas a cada momento do día, accións específicas como o traballo ou o estudo. E neses contextos a música require de características determinadas. Nós non escoitamos música de piano para estar de festa, pero somos realistas e sabemos cal é o uso que fai o público da nosa música.

Spotify meteu a vosa música en listas como “Intense Studying” ou “Perfect concentration”. En tempos nos que a capacidade de concentración é algo cada vez máis escaso, pensastes algún día ter esa función para alguén?

Estamos encantados de que a xente nos escoite en calquera contexto, xa sexa traballando, estudando ou desconectando en xeral. O importante é chegar á xente.

Estamos no medio dunha crise global inédita para a nosa xeración. Notades un aumento no consumo da vosa música? Penso en listas como “Peaceful Piano”, que se cadra axudan a dar calma nestes momentos...

Pois aínda que poda parecer un paradoxo, non notamos un aumento específico de consumo da nosa música, de feito notamos unha baixada dende o comezo da crise.

Tantas escoitas mensuais dan un retorno económico suficiente?

A partir de un millón de escoitas mensuais nun servicio como Spotify sí que se pode considerar un soldo considerable. Pero é moito menos do que a xente vai contando nos vídeos de Youtube. 

Por que outras canles comercializades a vosa música?

Dende o inicio do proxecto, tivemos claro que comercializar a nosa música a través de portais que permitisen o seu uso legal e remunerado para creadores audiovisuais íanos axudar moito no proceso de visibilización. Por iso actualmente vendemos a nosa música a través de plataformas como Artlist, Music Vine, Premiumbeat, etc. Tamén traballamos con empresas de música a medida para campañas publicitarias de empresas máis grandes. Por outra banda, e inda que pareza algo doutro tempo, temos moita demanda das nosas partituras. Hai mercados como Corea do Sur, no que temos bastantes oíntes, que ao ter unha educación musical bastante estendida xera moita demanda de partituras. Neste mes estarán dispoñibles na nosa web as partituras dos discos máis recentes.

Como vos afecta a corentena? Faciades concertos?

Temos a sorte de ter dous estudios na casa nos que poder traballar de xeito paralelo e compaxinar procesos distintos dos temas e avanzar máis rápido. De momento non pensamos en facer xira, estamos no punto de facer crecer o proxecto para ver se máis adiante resulta rendible e atopamos o formato co que nos sintamos cómodas.

Na vosa web tedes un lema que é “handcrafted music for a digital world”. Parece que non é mal plan para os tempos que se aveciñan: facer música na casa e espallala dixitalmente por todo o mundo. Como vedes o futuro da música en canto á produción, consumo e a relación entre os artistas e o público?

Temos o pensamento de que nun mundo tan dixitalizado as estéticas que fan fincapé no artesanal van ter unha vida máis lonxeva. Dase o paradoxo de que vivimos nunha sociedade hiperconectada na que cada vez sentimos unha maior necesidade dun contacto emocional a través do plano físico. Un exemplo diso é o rexurdir da industria do vinilo, nun momento no que non é necesario para escoitar música pero si como un xeito de posuíla.

Hai uns días publicouse este videoclip con música vosa e un poema moi acaído para estes días de confinamento. De onde sae esta colaboración con artistas franceses? 

Coñecimos a Olivier Bonnet fai cousa dun ano, cando nos pediu permiso para usar un tema noso nun proxecto de danza performática no metro de París. Dende aí colaboramos con el en distintos vídeos, que se poden ver na súa canle de Youtube. O seu excepcional traballo céntrase na danza contemporánea en contextos urbanos e dende o principio sentimos unha simbiose mútua que facilitou moito o traballo.

Que outros proxectos tedes á vista?

Nas próximas semanas imos sacar un tema dentro do recopilatorio Piano Cloud Series do selo sueco 1631 Recordings, que é o recopilatorio de referencia dentro da corrente do novo piano, e en dous meses sacamos un EP con eles. A maiores diso temos preparado o lanzamento de dous EPs para os vindeiros meses.

 

Foto: Jesús Leonardo.

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.