Memoria en rede. A xente que non naceu na era dixital tamén aprende a contar as súas historias na rede

O Concello de Pontevedra ten en marcha un proxecto para que a xente que non sabe traballar con ferramentas dixitais aprenda dun xeito moi interesante. En 'Memoria en rede' cada quen conta a historia da súa aldea ou de si mesmo para despois publicala na web.

Son na maioría xente maior e residente en zonas rurais do concello de Pontevedra. Non saben andar en internet, nin escribir nun procesador de textos, e tampouco coñecían Facebook ou o que era un blog ata hai pouco. Agora reciben clases 4 horas por semana en grupos de 15, na súa parroquia, nalgún dos centros sociais ou antigos teleclubs que hai por toda a redonda. Os cursos duran 3 ou 4 meses, primeiro teñen un nivel básico e despois pasan a un avanzado. Ata aquí poderían ser os típicos cursos de informática de calquera concello, pero isto é Memoria en rede, algo diferente.

En Memoria en rede todo o que aprende este alumnado tan específico está orientado a que xeneren contido que poida ser consumido por terceiros, e que á súa vez lles sirva a eles para contar as historias que máis lles apaixonan e que moitas veces fican esquecidas. “Son persoas maiores ás que lles gusta falar da súa aldea, de sitios bonitos que haxa por alí, ou da súa propia vida cando eran máis novos”, conta Antía Martínez, unha das profesoras do proxecto. 

Unha aula de Memoria en Rede. © Memoria en rede

A razón de ser de Memoria en rede é que, ademais de o alumnado aprender a usar ferramentas dixitais, non se perda toda esa memoria histórica e oral que atesouran. E a maneira de que non se perda é a web onde van publicando as historias. “Para eles é como un traballo de fin de curso, están todo o ano traballando para ter algo que amosar na web. Chamámoslles a iso historias, e aínda que eles non o entenden ben, é como se fixesen un blog entre todos”, relata Antía.

Un dos aspectos máis interesantes do proxecto é que, canda as historias, tamén recuperan moito material esquecido, especialmente fotografías antigas, que eles non consideraban de moita importancia. Vodas, feiras, personaxes coñecidos ou traballos dos que se facían antes, son algunhas das imaxes que Memoria en rede axuda a poñer en valor. 

Un dos exemplos é a foto que ilustra a portada deste texto na que podemos ver unha muller no cabalo de camiño ao muíño. Tres veciñas da Canicouva, Maruchi Boullosa, Victoria Barreiro e Nieves Lourido, contan como era ese traballo. O burro ou o cabalo eran fundamentais xa que os muíños quedaban lonxe e non había estradas para chegar a eles. Enriba dos animais colocaban un esteirón para levar e traer os sacos e a fariña que conseguían era fundamental para facer o pan de millo e alimentar as súas familias.

Outro exemplo é a historia de Don Eduardo Parada Portela, un crego da parroquia da Canicouva. Este crego foi destinado inicialmente para a Costa da Morte onde estivo varios anos. Era unha persoa moi querida na parroquia, a onde acabou volvendo para vivir coa súa serventa e a súa afillada. Cando morreu doou todo o seu patrimonio (incluíndo unha casa na rúa da Algalia de Santiago de Compostela) aos pobres, ao que lle quedaba de familia e á súa serventa. O veciño da Canicouva Manuel Boullosa conta a súa historia na web de Memoria en rede.

O crego da Canicouva Don Eduardo Parada Portela. © Memoria en rede

Memoria en rede pretende chegar a todas as parroquias do rural do concello de Pontevedra. Polo momento van dúas, Marcón e Canicouva, con moi boa aceptación, tanto dos que participan como alumnos como da xente en xeral. Proba da implicación dos oriundos destes lugares é a rapidez na aprendizaxe, tal e como conta Antía: “Eles teñen que quitar fotos, aprender a utilizar o Word, o Drive, Google Chrome. Son cousas que inicialmente son moi complicadas para a xente maior, pero é realmente sorprendente o rápido que aprenden cando teñen esa ansia por contar”.

Para o futuro Memoria en rede pretende incluír ademais das historias, rutas polas parroquias, entrevistas a outros veciños que teñan cousas que contar e mesmo vídeos, pero todo ao seu tempo. Polo momento poden consultarse na súa web as historias, sobre todo, dos veciños de Marcón e A Canicouva, pero tamén hai algúnha de Lérez, Bora, Mourente, Tomeza e Santa María de Xeve. E en breve haberá moitas máis.

Fotografía antiga de tres mulleres da Canicouva. © Memoria en rede

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.