A Arca da Noe. A arca que prendeu raíces no Vilar

A Arca da Noe é máis que unha sala de concertos ou un restaurante. Converteuse nun refuxio no rural de Ourense arredor do que se enraíza unha comunidade non só cultural senón tamén económica e social.

 

Ao pé do forno, indo para a fonte vella, xusto abaixo da antiga estrada da Saínza. Aí está a Arca da Noe, o local que puxo no mapa a Vilar de Santos, segundo din algúns veciños e veciñas da zona. Aínda que evitan o termo ‘local’, seica pola frialdade do mesmo, por presentar como un negocio o que, a día de hoxe, xa é unha comunidade. «A arca vai máis alá do espazo físico no que xurdíu. A Arca somos todos», sentencia André Taboada, un representante dese público fiel que xa se converteu en familia.

Se lle preguntamos a Noemí Vázquez -propietaria da Arca- polo seu público, a dúbida invade a resposta por querer resumir o que é complexo. Porque a Arca atrae a xente de toda Galicia e máis alá, pero o máis especial para Noemí é que atrae a veciñanza. «A xente de Vilar de Santos envolve a Arca; sen eles e elas este proxecto non existiría. Colaboran todo o tempo: asistindo, difundindo os eventos e mesmo movendo mesas ou mudando as cadeiras de lado. Sempre hai veciños e veciñas que axudan», di filtrando amor entre cada sílaba. 

Tanto é o que lles agradece que, cando no 2016 lles deron o Premio Martín Códax da Música á mellor sala de concertos de Galicia -Premio Organistrum Salas-, decidiu pór un bus para levar a vila canda ela. Escoitou o seu nome como gañadora co Juan (80 anos) e o resto da aldea ao seu lado. «Como non os ía levar comigo! Se á Arca lle vai tan ben non foi só grazas ao meu traballo –que é certo que foi moito- senón tamén grazas á comunidade que se creou ao redor de xeito espontáneo”», asegura. Unha comunidade que, cre Noemí, formouse da felicidade de ver «revivir unha aldea que estaba a piques de morrer».

Noemí Vázquez nos inicios da Arca da Noe. © Bruno Ruibal

As alimañas é o agarimoso (aínda que non o pareza) alcume que se lles puxo a todos cantos rondan a Arca. Do mesmo xeito que no relato bíblico, as alimañas ou animais desta Arca emprégana para sobrevivir nun entorno hostil como é o rural, que leva décadas desfalecendo ante a perda de habitantes. A Arca facilitoulles a supervivencia social, pero tamén a cultural e a económica.

A cultura da Arca

O certo é que A Arca da Noe nace directamente da súa nai, Noemí, e de dúas ideas tinguidas de emocións. A primeira, a súa necesidade de voltar ao rural de Noemí e concretamente á súa comarca –ela é de Piñeira de Arcos, no concello de Sandiás, a 6 quilómetros de aquí-. A segunda, a súa aspiración non só de voltar senón de dinamizar culturalmente o rural. «Xa estivera antes noutros proxectos semellantes e quería crear un proxecto de difusión da cultura galega e da lusofonía”, explica esta empresaria e filóloga que aínda combina a xestión da sala de concertos e restaurante con substitucións como profesora de portugués na Escola de Idiomas. «O proxecto volveuse sostible economicamente combinando música e xantar. Pero é certo que ás veces as clases me valen a vida para completar salario”, admite. Vivir da cultura é sempre complexo.

«A Arca é a maior bendición que tivo Vilar de Santos de cara a colocarnos no mapa desde o emocional. A min non me valía que fose coñecido por unha industria contaminante ou semellante. É tan positiva a mensaxe que transmite a Arca que nos importa no cualitativo máis que no cuantitativo. É moito máis coñecido Vilar de Santos hoxe en día, pero ademais éo cualitativamente: por promover a cultura galega»

André Taboada axudou na fundación da Arca aínda que seica sen querer. Sendo el de Vilar de Santos, atendeu a chamada da súa amiga que pasara pola vila e vira algunhas casas ben xeitosas para unha iniciativa de inspiración asociativa: «Coñecera xa a Noemí cando traballaba noutro proxeto semellante, A corte dos bois. Ela quería seguir facendo algo semellante e xusto se deu a situación de que un veciño mercara e reformara había pouco a casa que era da miña bisavoa. Tras falar con Noe ocorréuseme que podía ser o sitio perfecto». E así foi.

Agora cre que unha das claves do éxito é que «Noemí foi gañando afectos dos veciños, tanto de xente de idade avanzada, como a Rosita ou o Juan. Todos e todas son fundamentais para a Noe e para a Arca, pola participación activa e desinteresada en toda a loxística, polo apoio emocional, e polo contraste con Noemí… A Rosita por exemplo é castelanfalante en Vilar de Santos de familia conservadora pero encaixou moi ben con Noemí porque se deron moita cancha para se comprender».

André Taboada diante da Arca. © Cedida

Tamén se fixo un oco no panorama cultural galego, traendo artistas internacionais e nacionais e dándolles especial visibilidade aos creadores e creadoras galegas. «Iso fai que veña xente de toda Galicia para gozar disto. E tamén levas sorpresas! Pensas que só vai vir un tipo de público que apoio a música en galego e, de súpeto, aparece un grupo de ciclistas en ruta por comer as hamburguesas. E tes xente nova dos concellos da contorna cabo de veciños de idade avanzada como o Juan ou a Rosita», explica.

Cando lle preguntamos que cambiou en Vilar de Santos desde que existe a Arca, queda calado, metidabundo e toma aire, solemne: «A Arca é a maior bendición que tivo Vilar de Santos de cara a colocarnos no mapa desde o emocional. A min non me valía que fose coñecido por unha industria contaminante ou semellante. É tan positiva a mensaxe que transmite a Arca que nos importa no cualitativo máis que no cuantitativo. É moito máis coñecido Vilar de Santos hoxe en día, pero ademais éo cualitativamente: por promover a cultura galega», di fachendoso André.

© Cedida

 

A Arca e o consumo local 

Ademais da dinamización cultural, Noemí pon o ollo na económica. «Empregamos produto local que lles mercamos a produtores da comarca. Por exemplo, a hamburguesa é de boi, uns bois criados a 5 quilómetros da Arca. Empregamos leite ecolóxico, pan da panadaría de aquí, chourizos feitos de xeito tradicional… Creamos rede local», explica.

Parte desa rede local ven representada por Carmen Quintas, dona -xunto ao seu home- da padaría Forno Tradicional Faragullas, un negocio pequeño que busca sacar produtos de boa calidade pero en pequenas cantidades. Pans variados con fariñas ecolóxicas e convencionais, bolachas de algarroba… Produtos variados de calidade con masa nai, fariñas non refinadas, espelta ecolóxica, ovos de galiñas non engaioladas… «Á Noe vendémoslle o pan de bola de masa nai de centeo integral ecolóxico e o pan de hamburguesa con sementes de liño marrón, que comezamos a producir precisamente pola Arca», comenta.

O Forno abríu un pouco antes da Arca. E nota a diferencia. Antes da pandemia vendía tamén en mercados pero agora -máis ca nunca- unha das súas vías principais de sustento ven da Arca. «Nós temos clientes contados. A nosa supervivencia vén da Arca», confesa. Desde que existe a Arca, veu máis xente á vila e aumentaron as vendas, asegura: «A xente que viña aos concertos coñecía o pan do Mosqueiro -a aldea na que están- grazas ao mantra da Noe de repetir o pan do Mosqueiro. De repente falaban de Mosqueiro como se fora Compostela cando somos unha aldea con catro persoas, coma quen di, onde, como digo eu de broma, só vén quen se confunde. A Arca píxonos no mapa tamén a nós».

Para Carme a importancia de locais coma a Arca é clave para ter unha estabilidade «pero non só económica senón emocional, porque a todo o mundo lle gusta que lle digan “que pan máis rico” ou “como me gustou isto outro”. Dá folgos para seguir»
 

A Arca pandémica

Este ano, neste 2020 raro, confuso e descafeinado, celebran 6 anos de vida dos que Noe fala coma dun meniño. Ata marzo, o historial da Arca era ben amplo e ateigaba as súas mesas cos asistentes -xa case familia- que acudían leais aos vinte concertos mensuais máis outras actividades culturais. Marzo cambiouno todo. Ralentizou os ritmos xa calmos da aldea e deixou a Arca case en pausa, sobrevivindo só de algunhas comidas e castrando a súa actividade cultural.

© Cedida

Foi xa en xuño cando comenzaron a ver a luz, paseniño, coma quen esperta dun pesadelo. E apostaron por facer programación estreita en asistentes –cumprindo coa normativa de cada momento- de concertos, recitais de poesía e todo o cultural que aparecía como opción.

Pasaron o verán coas fins de semana ben completas e ampliando parte da actividade a un espazo ao aire libre cedido temporalmente polo Concello a Licores Carabuñas, que deron en chamar Espazo Carabuñas. Mais, desde o anuncio de redución da actividade nocturna e das salas de concertos, reduciron a súa actividade á súa faceta de restaurante. E soña xa co momento en que todo volva á normalidade. Mentres, cociña para a súa comunidade de benqueridas alimañas e prepara plans para cando o virus amaine. Porque quen loita pola familia nunca para.

 

Este sábado A Arca da Noe retoma a programación cun xantar-concerto de Sheila Patricia. Aquí toda a información. 

Ana Veiga

Ana Veiga

Como decía meu avó, dende pequena son cuentista así que de maior decidínme a contar historias. Como xornalista, como responsable de comunicación corporativa, como Social Media Manager ou como actriz amadora, o caso é tecer ideas para contar o que merece ser ouvido.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.