Carabela. A banda noiesa presenta o seu debut, 'Nó', con este directo
Contan n'A Regueifa Plataforma 2.0 que cando na túa colección de discos comparten espazo privilexiado tanto o Kid A de Radiohead coma o Isué de Mercedes Peón acontecen cousas tan especiais coma este Nó. O primeiro EP da banda noiesa Carabela, unha confluencia entre as correntes do indie pop, a electrónica e a música tradicional.
«Unha travesía iniciática no que as melodías de inspiración tradi que parten do fascinante rexistro vocal de Ana Moas sucan entre os remuiños de ondas sonoras que abrollan dos sintetizadores de Alba Vázquez e das guitarras e programacións de Pablo Agra, dando forma a unha proposta musical coas coordenadas ben enraizadas na terra –firme– e o pop pero coa brúxula orientada ás rompentes da vangarda, nunha vocación contemporaneizadora da nosa música que enfía no ético e no estético con compañeiras de xeración coma Fillas de Cassandra, Mondra, Mai, Baiuca, Berto, Catuxa Salom, Toma de Terra ou as propias Tanxugueiras».
O trío barbanzán vén de ser escollido finalista nos Premios Martin Codax da Música na categoría de electrónica e presenta unha peza audiovisual co son gravado ao vivo no que interpretan o seu tema “Catro pesos”. A banda participará do ciclo Xullo Pop!, que organiza a Deputación da Coruña no Teatro Colón.
Créditos
Carabela
Voz: Ana Moas
Sintetizadores: Alba Vázquez
Guitarra e programacións: Pablo Agra
Baixo: Pablo Pazos
Imaxe e son: A Regueifa Plataforma 2.0
Gravado ao vivo en Noia en abril de 2023