Maltine. No 'interior noite' do rock alternativo

Rocío Barrio e Pepe Hombre son Maltine, un dúo de roqueiros con nome de elixir doutro tempo. Cómplices de vida e de creación musical, presentan o seu primeiro EP, ‘Interior noite’, un álbum composto por tres temas con claras reminiscencias blues, garage e punk.

Perfeccionismo e impulsividade son as verbas que mellor definen a forma de traballar de Rocío e Pepe, os compoñentes de Maltine. «El é máis meticuloso, sobre todo coa parte musical; eu son máis impulsiva, máis creativa». Unha compenetración ente carácteres distintos que parece funcionar ás mil marabillas e que perdura no tempo; a de Padrón e o de Ribeira son cómplices musicais dende o 2012, «cando empezamos a crear repertorio», apunta Rocío. Un ano despois os bares convertéronse nos escenarios dos seus concertos: «Comezamos en formato acústico e, despois de varios anos intermitentes e unha temporada parados, decidimos retomalo en eléctrico, que era o que realmente queriamos facer». A pasada primavera, confinados na súa casa de Santiago de Compostela, armáronse de valor e publicaron o seu primeiro EP, Interior noite, cunha canción en castelán —”Calambre” e dous en galego —”Gárgola” e “Non sei”. «Xa gravaramos para nós varias cousas na casa, pero aspirabamos a facer algo co que nos sentísemos mais identificados, así que decidimos ir un paso máis alá e facer o EP”, comentan. Rocío vocalista e letrista e Pepe á guitarra e ás bases ofrecen en Interior noite un rock alternativo que bebe do blues, do garage rock e do punk. A acollida en xeral está a ser moi boa e chegaron a soar en programas de radio de emisión estatal como Turbo 3 ou Hoy empieza todo, de Radio 3.

O feito de compoñer e tocar supón para eles «unha necesidade vital»,  aínda que son conscientes da dificultade da súa xesta. Dedicarse en exclusiva á música é duro e os dous compaxinan esta paixón con outros traballos. Rocío é xornalista e actriz —asidua da TVG,  foi colaboradora e copresentadora do programa Luar e participou en míticas series como Urxencia cero ou O faro—, mentres que Pepe é fotógrafo e ilustrador. «Durante moitos anos intentei vivir da música pero vin que era moi difícil, agora xa vou con outra mentalidade. Imos facer isto por divertirnos, se non podes acabar moi queimado», explica. Xuntos combaten a incerteza desta época pandémica ensaiando e perfeccionando detalles para cando poidan dar concertos, algo polo que Rocío devece: «teño ganas de tocar, necesito estar no escenario».

Pepe Hombre e Rocío Barrio son os roqueiros detrás de Maltine. © Pepe Hombre

 

Maltine

Ao principio non sabían que nome poñerlle ao grupo ata que un día este apareceu ante os seus ollos por pura casualidade. Foi Rocío a que o atopou mentres estaba lendo unha reportaxe sobre productos antigos. Maltine «era unha especie de xarabe, concretamente tratábase de algo parecido a un reconstituínte que antigamente se lles daba aos nenos e aos adultos”. O que máis lles chamou a atención foi o ingrediente estrela do elixir, viño con extractos de folla de coca, «algo que hoxe en día sería impensable, ¿non? Fíxonos graza e decidimos chamarlle Maltine ao grupo». 

Viño de coca fabricado por Maltine Manufacturing Company (Nova York). Dominio Público .

 

«Ruído, como dirían as vellas»

Pepe bromea dicindo que o que fan «é ruído, como dirían as vellas, Podemos falar dun estilo máis vangardista ou moderno porque usamos bases electrónicas, pero en esencia é rock, rock alternativo». A súa música bebe de todos os seus ídolos e referentes. «A Pepe gústanlle moito os guitarristas de blues clásicos, tamén é moi fan de Jack White e de grupos de stoner rock como Queen of the Stone Age, explica Rocío, quen se declara «guitarreira». Encántanlle as figuras femininas do rock: «parécenme algo a reivindicar, non todo van ser reis do rock!, hai grandes rockeiras como Patti Smith». Confésase moi fan de Alison Mosshart, de The Kills ou de Royal Blood, por iso se sorprendeu cando Julio Ródenas, presentador do programa radiofónico Turbo 3 (Radio 3), comparou a Maltine con estes grandes da música: «é un piropo, pero paréceme demasiado». Esaxeración ou non, a verdade é que a influencia destes grandes é innegable no seu repertorio: «son artistas que escoitamos moito», afirma Rocío. Tamén se confesan devotos de PJ Harvey, Arctic Monkeys, The Dead Weather ou Mark Lanegan. 

 

Interior noite

Gravaron o EP en decembro do 2019 e decidiron publicalo durante o confinamento desta primavera: «era o que nos pedía o corpo…  a xente quería contidos e así tiñamos unha excusa para estar motivados». Como algo premonitorio, o título do EP, Interior noite, encaixaba á perfección con ese período de peche pandémico que estabamos vivindo todos naquel momento. Un título que, por outra parte, é unha chiscadela ás anotacións teatrais e de guión cinematográfico. «Somos moi cinéfilos e, ademais, Rocío dedícase profesionalmente á tele e ao teatro», explica Pepe. 

Os interiores parecen servirlles de inspiración, sobre todo o interior da súa casa que, durante moitos anos, se converteu nun local de ensaio improvisado onde compoñer e probar novos temas; “os veciños moitas veces dannos o toque por facer ruído”, afirma Pepe entre risas. A súa casa converteuse mesmo, durante os meses que permaneceron pechados, no lugar no que rodar e montar o videoclip do tema “Calambre”. Un traballo audiovisual que saíu á luz en setembro e no que combinaron imaxes gravadas por eles mesmos con material audiovisual de arquivo.

Os ‘cracks’

Para que Interior Noite puidese ver a luz, os compoñentes de Maltine contaron coa axuda dun equipo de profesionais de alto nivel. O EP foi masterizado por Robin Schmidt, coñecido polas súas colaboración con Placebo, The Black Keys ou Wolf Alice; mentres que a gravación e a produción correu a cargo de Iago Lorenzo, produtor de Agoraphobia ou dos Heredeiros da Crus. Tanto Rocío como Pepe opinan que Iago «é un crack producindo. A verdade é que foi máis doado do que criamos… eu polo menos tíñao un pouco idolatrado debido aos grupos cos que traballa, pero é moi riquiño». Para Rocío a boa comunicación que tiveron con el foi a clave: «é unha persoa que te escoita bastante… a verdade é que nos entendemos moi ben, temos influencias parecidas».

Gracias a Iago puxéronse en contacto con outro ás, José Bruno. El foi o encargado dunha parte esencial do EP, a gravación das baterías en Plan B Estudio, o seu estudio de gravación dixital. «Nós utilizamos baterías programadas», explica Pepe, e José é todo un especialista no tema: «É un batería moi bo e consagrado. O seu traballo é moi apropiado para estes tempos pandémicos porque él grava baterías a distancia. O que fixo José foi coller as nosas baterias programadas, que creamos a partir de sons colgados en internet libres de dereitos, e volveunas gravar con moita calidade e engadindo detalles a maiores… quedamos moi contentos». 

«Botamos en falta que haxa grupos do noso estilo en galego. Por que non pode haber un grupo que faga este tipo de musica sen ser en inglés?»

«En galego ‘calambre’ non existe»

A Rocío Barrio gústalle cantar en galego. Por un lado, é algo que lle sae de forma natural: «Eu falo galego entón, por que non vou cantar en galego? Síntome mais cómoda cantando en galego e funciona máis, creo que a interpretación das cancións, por exemplo, ten moitísimo máis xenio». Por outro lado, non deixa de ter para ela un certo compoñente reivindicativo: «botamos en falta que haxa grupos do noso estilo en galego. Por que non pode haber un grupo que faga este tipo de musica sen ser en inglés?». Isto non quere dicir que non compoñan algún tema en castelán, aínda que isto ás veces «depende moito da fonética das palabras… ao mellor estas cantaruxando e sáeche unha idea en castelán e xa continúas desenvolvendo o tema nesa lingua», explica. Este foi o caso de “Calambre”, porque como ela ben di «en galego calambre non existe».

Fan Art: ilustración de Gárgola de Daniel Santos (@danielsantos.debuxante). © .

 

Frankenstein ou de como seguir alimentando o monstro

Rocío e Pepe senten atracción por personaxes como Drácula ou Frankenstein, así como polas atmósferas escuras. Todo isto ponse de manifesto no seu EP, dende unhas letras introspectivas, cargadas, según Rocío, de «moita raiba e moita víscera», ata unha carátula algo fantasmagórica     combinación de varias fotos coa que se xoga coa posibilidade de múltiples lecturas. Interior noite está impregnado da esencia e dos gustos dos seus creadores. Conforma, no seu conxunto, unha aposta pola súa propia maneira de entender a arte, a música. Unha aposta que resultou ser acertada, tal e como se reflexa no feedback recibido que, segundo eles, «é mellor do que esperabamos», tanto pola parte dos amigos como pola parte de profesionais aos que admiran. «Que xente de Madrid se poña a escoitar un tema en galego mola moito», indica Rocío.

Polo de agora parece que os roqueiros de Maltine chegaron para quedar. Queren seguir amosando pílulas do seu traballo e xa están pensando en gravar un novo EP e rodar máis videoclips. Como di Pepe, teñen ganas «de seguir alimentando o monstro».

 

Foto de cabeceira: Pepe Hombre

Adela Bértolo

Adela Bértolo

Adela Bértolo (1985, Pontevedra) é xornalista especializada en cultura, reporteira de TV e actriz. Compaxina a súa paixón polo xornalismo coa súa faceta de improvisadora teatral e monologuista de Stand Up Comedy.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.